30 abr 2009

Fregas.
Bieito Iglesias.

El Correo Galllego30-04-2009

Dubido que os virus estivesen no plano da Creación Divina, de facto a Biblia non os menciona nin sequera no episodio da Arca de Noé, pero sospeitamos que eses diminutos oportunistas libraron do Diluvio Universal a bordo de cabalo ou égoa (o virus da febre tifoidea), da parella de coellos (o da mixomatose), do can e da cadela (o que provoca moquillo), do boi e da vaca e do porco e da marrá (os da peste bovina e porcina) e dos paxaros (o da gripe aviar). Por un imperdoable descoido da Providencia, estes axentes patóxenos sumamente rebeldes teñen causado pragas de hepatite, de influenza e de poliomelite, matando ou deixando tolleitos a millóns de persoas. Por moi boas razóns particulares (por culpa deles pillei a polio, as papeiras e as bexigas loucas), eu téñoos debaixo dun dente, son os seres que máis odio neste mundo despois dos xogadores do Real Madrid.
Un gromo epidémico acaba de atacar México, o andazo propagouse aos Estados Unidos e ameaza con esparexerse por toda a Ecúmena aproveitando as facilidades da globalización. Trátase esta vez da gripe porcina, actualmente curable grazas aos inventos médicos e a que parte da poboación mundial está ben mantida e coas defensas altas. Noutros tempos, por exemplo entre 1918 e 1920, a gripe española vendimou vinte millóns de doentes. Lembro un gripazo que arrebollou na cama a meu pai alá polos primeiros sesenta, mergullándoo nun soño febricitado e delirante que puña medo. Eu achegábame á beira do leito para falarlle e recibía murmurios incomprensibles por toda resposta. Pensei que morría, aínda que aos meus cinco anos o concepto de morte non difería moito dunha viaxe a Suíza. Salvouno unha avoa menciñeira, a base de pranchos de vinagre na testa e fregas con augardente queimada no lombo. Antes do turismo e dos esconxuros de Fraga, a ninguén se lle ocorría beber alcohol queimado. Tomábase con tódolos graus pola mañá, para desorballar.
Imaxe:Estatua ao porco en Lalin, do escultor Rial Goiás.

1 comentario:

Anónimo dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.