1 may 2009


SUSO DE TORO

Asasinos do soño

El País, 01/05/2009

A nosa lingua, esta cousa antiga, o remol daquel lume que ardeu ben vivo no tempo dos reis e dos trovadores e que lle deu a palabra a millóns de persoas nesta costa peninsular e nas costas do Brasil e África. A nosa lingua, estas palabras que foron libres na República, que foron bravas contra o franquismo, que foron mansas e alimenticias como o forno do pan da casa dos avós. A nosa lingua, que nos fai "Nós", chegou a nós pola nosa debilidade.
Non foi a resistencia do pobo galego, non foron os dirixentes da nación galega -que nunca tivemos-, o galego chegou a nós históricamente vivo debido ao atraso da Galiza. Foi o abandono no que viviu unha Galiza encerrada dentro da España, que tiña as súas comunicacións por mar sometidas ás necesidades da Coroa española, que ficou separada do seu sur, Portugal, e incomunicada coa meseta sen ferrocarril axeitado e sen estradas dignas. O galego chegounos como un resto histórico que perviviu nas clases sociais iletradas e que fixo soñar aos intelectuais rexeneracionistas cun país propio e digno. A realidade histórica a mediados do século XX eran xa catro provincias, o soño chamábase "Galicia" ou "Galiza". Ese soño recreouse, unha vez máis, e chegou á miña xeración a través daqueles libros escasos e ventureiros, que andaban como unha cousa estraña por algún curruncho dalgunhas librarías. A existencia daqueles libros obrigou a plantexarnos un problema ético aos mociños que queriamos ser escritores: tiñamos que ser leais a esa esperanza tan desesperada, a ese compromiso que insistía e insistía en existir. A nosa escrita debía ser en galego. E por iso estamos agora aquí.
A vida vaise vivindo, tamén polo país pasan os anos, os períodos. O galego xa non é lingua de pobres e iletrados, eses falan castelán. E de quen é lingua realmente? Tras a morte de Franco a sorte histórica do galego estaba nas mans da democracia, que para nós é o autogoberno galego, a autonomía. Tiñan de ser os gobernos galegos quen garantisen a existencia da lingua. Xa vimos o que foron os anos na Xunta da dereita, un paternalismo que encubriu a morte lenta. A pasada Xunta bipartita foi o que foi, a frustración da esperanza, e agora chegou a hora da verdade, veu o matador do galego. Acabaron as cerimonias, acabouse o paternalismo, o matachín é práctico e pragmático, vén coa cuadrilla acabar de vez coa lingua galega. Morra o conto, di. Nin Galiza nin Galicia, catro provincias abóndanlle. Para a nosa desesperación. Fannos desesperados novamente, entregar a vida a un soño é gañar a desesperación.
Pintura de Ángel Gonzalo.Ilusión.

9 comentarios:

Paxaro de peito vermello dijo...

Mais unha vez haberá que resistir, pois logo. Os novos matarifes non disimulan, non; non se non andan con arrodeos:prisioneros, eles mesmos membros creadores e activos de Galicia Bilingue, van ver se o conseguen: que a nosa lingua: a de nai, volvoreta, chao, pintaxilgo, remol...desapareza de vez. Habera que resistir

etxe dijo...

Con eles, dúas política.
Pau e cenoira.
A cenoira debe ser o camiño a unha ponte de prata, cementada na base galegoparlante do Partido Popular -o sector máis importante hoxe ao que podemos dirixirnos coa vontade de seducción e habilidade precisas-para que o seu presidente saia da toxeira na que se menteu.
Pero a reflexión é sobre todo outra. ¿Que fixemos mal os galego-militantes para que a oposición ao avance do galego se considere como un valor positivo á hora de recadar votos? (Eu creo que menos do que parece, pois o bipartito perdeu el soíño).
As politicas de resistencia, obviamente, teñen valor en canto son conservacionista, pero non garanten futuro. Son imprescindibles pero insuficientes.

Xosé M. González dijo...

Plenamente conforme.

Anónimo dijo...

Non penso que a estratexia de facer aparecer o galego como un elemento de confrontación política xurdira de aquí. Non podemos ser tan inxenuos! GB e os seus espectaculares medios de axitación son só un elemento máis do tinglado. A estratexia ven de Madrid e é común a todos os territorios donde o conflicto lingüístico está activo e, para levala a cabo, contan con medios e axentes moi potentes.
En Galicia tivo acollida en certos sectores das grandes cidades pero moi pouco en outros ámbitos.
Hai moi pouca xente no país que anceille unha Galicia sen galego. Moi pouca!
Fai falla esixirmos máis claridade na explicación do proceso normalizador, máis coherencia nos partidos políticos( alomenos da esquerda), máis movilización e implicación das forzas propias.

Temos varias cousa a favor:
Non é un conflicto que vaiamos enfrontar en solitario (teñen varios frentes abertos).
A nosa lingua pode ter unha dimensión internacional vía portugués.
Poderán incrementarse as tensións ( contradiccións) entre as dúas almas do PP.

Xosé M. González dijo...

Empezamos.

XDC dijo...

Xa o lin á mañá, en papel, XM Glz!

Xosé M. González dijo...

Extraordinaria, sen substantivos. Por aí, por aí.

Xosé M. González dijo...

Moitas grazas, da Cova. Dá gusto, sen complementos.

X.L. dijo...

BS.
Dá gosto ver xente así do noso lado: linda, intelixente e comprometida.