2 jun 2009




AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN

Hai que calar un pouco

Galicia Hoxe, 5/Maio/2009
Wheatfield - A Confrontation , Battery Park Landfill, 1982.

A frase repetíaa con frecuencia a miña avoa Nemesia. Ela era amante radical da prudencia e da necesidade do silencio en moitas ocasións. Tratábase de lle facilitar un oco á reflexión e á imprescindible práctica da alteridade, se de certo se ten a intención de chegar á comprensión do outro para facilitar a confluencia coas ideas propias.
Creo que o exercicio responsable do novo goberno debería empezar a pór en práctica algo de silencio no que á cuestión lingüística atinxe. Doutra maneira, a perigosa idea de "a derrota do bipartito é a derrota da lingua galega" podería facerse común por causa de palabras non suficentemente medidas e pola proxección que delas fai a prensa. E se isto chega a ser así, non lle arrendo o gaño electoral futuro, porque estou seguro de que o afecto é ben maior que o desafecto -aínda que o afecto sexa calado e o desafecto con trompetiña e bombo mediático- no que á lingua se refire. E non digo eu que non se cometesen erros tácticos na promoción do galego, pero de aí a dicir que a lingua ameazada en Galicia é o castelán, hai o longo treito da verdade á equivocacion. E sería motivo de chanza senón estivésemos falando de algo tan importante como a esencia da nosa personalidade no concerto dos pobos do mundo.
Sei que pedir un pouco de mesura en plena campaña electoral é como arar no mar. Aínda así, cómpre rebaixar tensión e, miren o que digo, despolitizar o tema. É a sociedade civil a que ten que recuperar a palabra sobre a súa voz e proxectar voces distintas. Neste conflito en que Galicia Bilingüe representa de feito un extremo e a Mesa de feito outro, a inmensísima maioría dos cidadáns, creo, non nos identificamos con ningún deles.
Sei con seguridade que moitísimos amantes da lingua galega, moitísimos falantes conscientes e felices da mellora de estatus dos últimos anos e preocupados polo retroceso entre a xente máis nova, non votaron ás forzas do bipartito. Seguro que moitísimos deles están hoxe tamén desacougados, e deben ser capaces todos de buscar formas de promocionar encontros e avances. E como non estamos falando de cousas de broma senón da esencia destilada da nosa historia, da única lingua que naceu nesta bendita terra, debemos pedirlles pois tamén aos nosos gobernantes, responsabilidade e mesura. Como dicía o sábado Manuel González, o secretario da RAG na laudatio como galego egrexio, de Ramón Lorenzo, falando desde a lingua, "nosa é a gaivota, nosa é a estrela e nosa é a rosa". E como dixo Ramón Lorenzo, "Venceremos nós". E digo eu, venceremos porque a maioría social está convencida de querer seguir existindo en canto pobo-lingua. Aínda que hoxe estea calada, espectadora e un pouco asustada con este pin-pan pin-pan, que non é seu.

32 comentarios:

XDC dijo...

Decía un da miña aldea: "Todas as cousas teñen o seu descanso, e a lengua tamén".

Anónimo dijo...

Se XDC o recoñece: Agamus Deo gratias.

Trebi dijo...

Moi centrado , enteraránse os do PP da amigable lingoa?.

Anónimo dijo...

Xa tiñas que cagala pondo á Mesa nun extremo. De que vas?

Anónimo dijo...

Pouco aprendeu o neto da avoa Nemesia.

Calar, calar... dijo...

Celso Emilio Ferreiro.

Si dixese que sí,
que todo está moi ben,
que o mundo está moi bon,
que cada quén é quén…
Conformidá.
Ademiración.
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Si dixese que acaso
as cousas son esí,
porque sí,
veleí,
e non lle demos voltas.
(Si aquíl está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.
Si algunhos van de porta en porta
cun saco de cinza ás costas
é porque son unhos docas).
Si dixera que sí…
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.

Pero non.

ms dijo...

Calar: cantos exemplos non se poderían poñer desta grande virtude galega! Calan os caciques e os cacicados. Calan os que se din os nosos defensores cando terían que nos apoiar. E agora, tamén, algúns mándannos calar, non vaia ser que escoitemos algo indebido.

Mentres que algúns calan, algúns seique xa se deron présa en falar por todos nós:

1. Vieiros:
Sociais en galego e Matemáticas en castelán, o resto á elección dos centros

2. Galicia confidencial:
Ampliación.- Feijóo engorda ás axudas aos medios con 2,5 millóns máis

Antes de “estudar” a regulación das subvencións aos medios, tal e como se comprometeu a pasada semana cos representantes dos xornalistas, Núñez Feijóo apresurouse, dous meses despois de asumir a Presidencia do Goberno galego, a ampliar o decreto de axudas ás empresas xornalísticas e de radiodifusión asinado polo bipartito e o fai con 300.000 euros máis que o anterior goberno…

3. O PSdeG non negociará un Decreto que vaia contra o Plan de Normalización
Os socialistas pediranlle ao conselleiro de Educación que aclare as intencións do Goberno sobre a lingua e se comparte a doutrina das FAES.

4. Xornal:
Cultura recorta un 25% as axudas ao libro galego
A consellería repartirá na convocatoria deste ano 219.982 euros, e non 295.387 como o ano pasado. Os editores agardan que a rebaixa afecte tamén ás axudas que fomentan a tradución e que esta sexa a "tónica" da lexislatura.

etc, etc.

AVMf dijo...

Sr. Anónimo Agochado: Vou do que me peta. Neste caso de suxerir silencio e mesura ao goberno. Como no da semana anterior pedía calma, moita calma, aos da Mesa. Se a un sociolingüísta que chega á SXPL por "sentido da responsabilidade" e enseguidiña se lle chama "verdugo", xa me dirá, vostede.
Hai cabos zapadores especializados en dinamitar pontes e outros en tendelas. E para que pasen as tropas galegofalantes cara ao futuro, hai que tender máis pontes -e neutralizar aos que poñen cargas de dinamita nas bases- veñan río arriba ou río abaixo, que voalas.

alf dijo...

Inda que as formas non me gustan A Mesa loita para que se apliquen normas que votáronse favorablemente de forma democrática, se istas se cumpriran a Mesa non tería razón de ser; e tamén a Mesa é un medio de protesta cidadán, é o cidadán o que protesta a través da Mesa e isto non hai que perdelo de vista. Polo tanto non creo que estén no mesmo nivel de tolería a Mesa e G.bilingüe, nome incoherente co que piden aprender só nunha lingua, ser monolingües e separar ós rapaces dende o colexio nun tema que está desgrazadamente politizado. Ata logo!

Xaime dijo...

A gran virtude do artígo é que está asinado por alguén a quén non se lle pode negar compromiso ca lingua e ca terra, algo que si se lle podería podería botar en cara a moito advenedizo co significado que lle daba Cervantes á palabra: Mahometano convertido ao cristianismo.
En canto ao contido poderase estar ou non dacordo con Monxardín pero témome que non ten influencia no Goberno como para que deixen de metela pata, que a están a meter, e moito.

AVMF dijo...

Non estou dicindo que Galicia Bilingüe e a Mesa sexan o mesmo.
Digo que "de feito" un representa hoxe un extremo e outro representa "de feito" outro.
A retroalimentación de entrambos está aí.
Do que di Xaime de que non teño influencia no goberno, pode estar ben seguro. Aínda así, cómpre intentalo.

Anónimo dijo...

Amigo Afonso, parabéns pola túa reflexión coa que concordo plenamente. Cando vin este domingo publicada en primeira páxina da Coz a fotografía de Callón e da dama bilingüe da que non lembro o nome, sentín verdadeiro noxo. A instrumentalización política dunha lingua é o auténtico verdugo da mesma, e o que non ten xustificación ningunha é que ao Sr. Callón se preste á propaganda mediática dos que potenciaron o enfrontamento lingüístico e deron ás ao partido da gueivota. O silencio é reparador e necesario, e se hai que berrar xa berraremos, somos un pobo-e xa o temos demostrado-enérxico e forte cando nos tocan onde máis nos doe,e a lingua manca moito.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Crear pontes está ben: cónstame que Anxo Lorenzo pretende iso e moito máis. Pero tamén consta nos xornais que non llo están poñendo doado desde o seu propio ámbito de actuación. E así vai ser difícil. (Non pretendo tampouco exculpar)
Pero imaxinemos por un momento que desde a consellería ou o propio presidente lanzan a idea de non mudar as cousas ata non chegar un compromiso cos demáis axentes sociais sobre a questione della lingua. Que xa é moito imaxinar, cando teñen claro que hai cousas irrenunciables (negociar co irrenunciable non é nunca un bó punto de partida).
Pero nese hipotético caso: están dispostos o PSdG ou o BNG (sexan cales sexan as faccións participantes ou decisivas de ámbolos dous partidos) a aceptar mudanzas, aínda que non sexan substanciais, na situación xurídico-lingüística? Como habería que proceder? Cal é a solución de consenso que podería presentarse?
E finalmente, podemos desde aquí, desde este blog, pedir que cheguen a un acordo todos sobre tema tan especial para varios anos (con prazos: ese factor que sempre convén ter en conta) nunha mesa de diálogo sen planteamentos previos que non se levante sen un texto definitivo?

Anónimo dijo...

Os que aínda non están no galego non se achegarán a el se os exemplos identificatorios son xente de formas e contidos como os do sr Callón. Afastao de homes como Otero Pedrayo, Castelao,un mundo de cultura e bonhomía e tamén a súa carencia, radical, absoluta, de sentido do humor. É un "agelasta"...voume deitar e reler Polos vieiros da saudade co fermoso limiar de Monxardín.

Criselda dijo...

Situarse de xeito equidistante entre a Mesa pola Normalización e de Galicia Bilingüe non me parece atinado nin xusto. Podo estar en maior ou menor acordo coa Mesa, pero é unha institución que traballa pola lingua, non contra ela. Non se pode ser tan aséptico.

ms dijo...

Eu creo que para que o galego colla prestixio e sexa unha lingua amable que non estorbe, tiñan que facer como quería Berlusconi: contratar unhas rapazas guapeteiras e varios relacións públicas bonitos de cara e co pico d'ouro para promocionalo.

Todas esas feministas e xente mal encarada da Mesa son uns auténticos advenedizos. Nin senten a Terra nin a lingua. Facendo manifestacións non se consegue nada. O mellor é calar a ver se os do PP ofrecen algo de consenso, mentres van pasando o rodicio.

Anónimo dijo...

A Mesa leva moito tempo traballando paseniñamente a prol do galego, canada o do harmónico, e non serviu para moito, polo que houbo de se por a bourear un pouco, xa que hai que se facer escoitar.
O PSdeG evos moi hipócrita, usa o galego só canda está na oposición; mirade senon o que ocorre no concello da Coruña, cun bipartito no que os socialistas boicotean a política lingüistica do seu socio BNG.
Veño de escoitar o programa da radio galega ABERTO POR REFORMAS, xa non está Xurxo Souto, e nada de música galega, todo en inglés (será un adianto do famoso trilingüismo?). U-la súa sinopse: “Un lugar de encontro para os estilos musicais máis variados, unidos polo nexo da lingua galega. Xurxo Souto dirixe e presenta o programa, que os domingos presenta Vituco Neira”?.
Imos cara atrás. Catro anos non foron nada.

Un falante e ouvinte doido.
Inacio

Iacobus Von der Stein dijo...

Arume sobor do que dí vostede sinto moito dicirllo pero o PSOE e o BNG actuais non se sentarán co Goberno de ningunha maneira e baixo ningunha premisa.
Pero se eu fora Feijoo, convocaría unha xuntanza para falar do Estatuto de Nación e poría como condición sentar para trata-lo tema da língua.
A mais dun dalle algo.
Non podo beber polas noites que me volvo moi ocurrente.

Xosé M. González dijo...

Desde que a reivindicación contemporánea do galego tivo unha dimensión explicitamente política (digamos, desde as Irmandades), a corrente reivindicadora (chamémoslle galeguismo) adoitou combinar entusiasmo bastante radical e sentidiño ponderativo; ás veces había diferenciación persoal de roles, outras podían coincidir ambos aspectos na mesma persoa.

Mal que ben, fose estratexia consciente ou non, a dualidade permaneceu e chega ata agora mesmo. No fraguismo eu tiven claro que non era igual un Director Xeral de Política Lingüística ca outro, aínda que fosen ou actuasen ás ordes do mesmo presidente e partido. Agora, outro tanto do mesmo ou aínda con máis motivo: en suma, Lorenzo está aí, confiemos e esparemos novas.

De momento, estas non son boas, a teor do que chega desde o titular da Educación; talvez sexa unha división de roles, xa que a papeleta para Xunta e presidente é ben complicada. Tampouco da oposición vén moito vento favorable: non falemos só (verdugos polo medio) dunha das súas pólas, as actitudes e termos procedentes do PSOE son, cando menos, igualmente tallantes e non menos censurables.

É certo que as estratexias políticas seguramente se entenden xa que a política lingüística, arestora, é unha peza -relevante, xaora, pero unha- no taboleiro xeral dun comezo de lexislatura no que o partido gobernante se amosa bastante errático, e a oposición debe desempeñar o seu papel. Esperemos, tamén, que o primeiro defina e se poida albiscar un marco de diálogo.

Un apuntamento sobre A Mesa: obviamente, é antítese de GB; pero Callón fixo ben en dialogar con Gloria Lago, pois é tempo de dar a cara. A Mesa deu a cara convocando unha manifestación imprescindible que obtivo a resposta merecida. A Mesa ten o seu ideario, usa palabras e formas a miúdo ben cuestionables; ora ben: na súa política actual parte das propostas dun consenso político que o PP rachou e GB cuestiona en esencia. Eu non lle chamo a iso estar nun extremo.

Anónimo dijo...

Monxardin fai méritos para asesor do PP. Hainos que sempre buscan o medio, como medio de estar sempre ao quente.

Anónimo dijo...

Monxardín, ao contrario ca ti, anónimo, ten de seu méritos de abondo. Nin lle fai falta facelos nin tampouco anda a mendigar nada. Pensa o ladrón...

Anónimo dijo...

Lendo ben non di nada, que non hai que ser extremistas, ser cautelosos, eses consellos que sempre se din para quedar ben.
Di o anónimo un sobre o anónimo dous que Monxardín non necesita....A ambición é cega e anque pareza moderable perde aos mais tranquilos. Non sei se é o caso de Monxardín, pero é posible porque non.

AVMF dijo...

Por favor, señores anónimos, non falen de min, que me poño vermello -isto é un guiño ao PSOE-e cando a ambición me cega, vexo estreliñas -un guiño ao BNG. ¿Asesor do PP? Por favor... Sempre dixen o que me petou sobre cuestións de lingua e do que sexa publicamente. É nesta situación delicada hai que temperar e ser firmes como a plameira. Por suposto que con algún amigo do PP (agh!!! ¡Que pecado nefando!) falo do meu desacougo sobre determinadas cousas...

Anónimo dijo...

Sempre ten que saír o que vai de primo zumosol
Que cruz!!!

XDC dijo...

Pois estaría ben que o Monxardín fora asesor do PP. Anque o que me gustaría porriba de todo para ese cargo era ao Xosé manuel González.

Falar, falar dijo...

Bravo! O mellor artigo que lin na miña vida, docto Monxardín.
E o que se acostuma a dicir por aquí, e para non desentonar e saber estar...

Iacobus Von der Stein dijo...

O Saavedra precisa dun pequeno empurronciño. Pero agora deixémolo que anda a corrixir exames.

Xosé M. González dijo...

De momento, xa acabei.

ms dijo...

Desculpen que non lles cale.

Parece ser que os de Feixóo fixeron calar a Xurxo Souto. Chimpárono do programa "Aberto por Reformas", un dos poucos programas da Radio galega nos que se podía escoitar música feita por artistas galegos:

http://www.vieiros.com/nova/74534/a-musica-galega-pechada-por-reformas

ms dijo...

http://www.vieiros.com/nova/74529/e-agora-o-teatro-primeiras-actividades-canceladas-do-cdg

E agora o teatro: Primeiras actividades canceladas do CDG

Os novos xestores suprimiron dous eventos previstos para as vindeiras semanas: Acción ST e a 'Noite Branca' que celebraría o 25 aniversario do centro.
Redacción - 17:15 03/06/2009
Tags: cdg salon teatro

Comeza a notarse a nova política cultural da Xunta: recurtes nas axudas ao libro galego, cambios na radio e na televisión, e agora o teatro. Vén de anunciarse a cancelación de dúas actividades do Centro Dramático Galego previstas para este mes: A primeira delas, Acción ST, que ía ter lugar esta semana, consistía na representación de pezas escénicas de pouca duración en espazos atípicos do teatro, como o ambigú ou os vestiarios; era unha proposta innovadora, unha aposta de Cristina Domínguez.

Xosé M. González dijo...

Convén marcar límites na loita política. Se non a decencia ou algún sentido implícito, que o fagan os tribunais.

Anónimo dijo...

parabéns, parabéns, parabéns.