11 jul 2009


"Como galego sinto vergoña"

Bragado cre que o PP rompeu o marco de convivencia

Galicia Hoxe, 11.07.2009

"Sinto vergoña, como cidadán deste país, que un presidente como Núñez Feijóo teña tan escasa consideración co esforzo colectivo que viñemos facendo todos no consenso do galego". Así de contundente se amosaba onte o editor Manolo Bragado pouco despois de presentar en Vigo a iniciativa popular Galego. Patrimonio da humanidade, da que é impulsor xunto ao filósofo Antón Baamonde e o pedagogo e escritor Xabier P. Docampo.
Bragado, "satisfeito e sorprendido" polo eco que a iniciativa está a ter, con máis de 1.300 sinaturas en poucos días, asegura que a situación actual co idioma é "de emerxencia" pero, sobre todo, ten é "medo e preocupación" polo "marco de convivencia" do país o que tras o ronsel de "desatinos" que se produciron nas últimas semanas na política lingüística da Xunta. "Xa non se trata da modificación do Decreto do Galego ou da modficiación do acceso á función pública. O que parece é que se quere cambiar o noso marco xurídico actual. E se se pretende iso, que se diga claramente".
Estamos, engade, "ante o primeiro retroceso no fomento do galego" na historia da autonomía. Declaracións do presidente Alberto Núñez Feijóo no Consello da Cultura como as que nos relataron onte, é un menoscabo en toda regra á cultura propia do país. É algo do que non tiñamos precedente".
Pero hai máis, subliña Bragado: "Un concelleiro do PP en Vigo, Ignacio López-Chaves presentou hai uns días unha moción na que lle protestaba ao alcalde (Abel Caballero) porque subvencionaba a Mesa, unha asociación, dicía, que fomenta a imposición. Cando se comeza a acusar de delito de imposición e de ser inimigos da liberdade aos que fomentamos o uso dunha lingua que está indubitablemente en inferioridade respecto do castelán, sobre todo nos usos públicos, estamos falando da convicencia e iso preocúpame".
Tamén cre que, de cara ao futuro, "hai que ser prudentes" e, nese sentido, "reconstruír o consenso arredor da lingua é unha prioridade política e social". Entre outros motivos, porque ese consenso "foi entre os partidos, senón entre outras moitas entidades". Trátase dun proceso que se iniciou hai vinte anos e agora, teme que se ese proceso "construído durante tanto tempo e organizado por todos" se poda "facer cachizas en apenas nuns meses, como sucede desque o PP chegou á Xunta. Pero eu confío en que haxa unha reconsideración".
Para Bragado, o texto da inicitiva -"breve e claro para concitar as máximas adhesións"- é "importante porque é unha chamada ao consenso, para recuperar o compartido. E no caso de que non obteñamos resposta, non desbotamos que co tempo se transforme nunha iniciativa popular lexislativa".


O TEXTO
Adhesión de 1.300 persoas
Unhas 1.300 persoas adheríronse á inicitiva Galego. Patrimonio da humanidade, onde se lle pide ao PP unha "volta ao terreo común" e que actúe en defensa e protección da lingua galega. O documento recorda que ata hai "pouco tempo" o autogoberno de Galicia se articulaba nunha serie de consensos entre os que figuraba o feito de que o galego "era merecente dunha especial protección por parte dos poderes públicos".
Por iso, considera que "a pretensión de facer crer nunha inexistente imposición lingüística disimula o intento de liquidación do idioma galego" en favor da "supremacía" do castelán. Así, o manifesto estima que quen sosteñen a existencia da citada imposición "queren evitar a presenza do galego nas súas vidas, para pecharse en ámbitos nos que o castelán sexa o único idioma".
O texto avoga por que o galego reciba unha "especial protección" con vistas a lograr a "igualdade" entre os dous idiomas. "Esa é a letra e o espírito da Constitución, do Estatuto de Autonomía e da vixente Lei de Normalización Lingüística", engade, á vez que denuncia que, "o PP saíu do consenso". Así, o manifesto afirma que "gañar unhas eleccións non autoriza a destruír o que é unha das bases da convivencia" e "un dos signos da nosa existencia como país".

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Bravo por Bragado, editor comprometido onde os haxa.

Criselda dijo...

O discurso de Feijoo no Consello da Cultura foi abraiante. Diante del, catro persoas de moi diferentes ideas fixeron cadanseu parlamento en defensa da lingua propia como sinal de identidade e elemento integrador do pobo galego. El acabou escaciñando todo como unha galiña que remove a terra para buscar unha miñoca. O que non sei é que miñoca busca, pero fala moi a conciencia. Un discurso errado para o lugar e o acontecemento que se celebraba, todo moi grave vindo do presidente dunha nacionalidade histórica.

Xosé Manuel Carreira dijo...

Ben, eu xa asinei.

Xosé Manuel Carreira dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.
Xosé Manuel Carreira dijo...
Este comentario ha sido eliminado por el autor.