21 jul. 2009

Galego e 'mala hostia'

Damián Villalaín

A Nosa Terra, 20.07.2009

Vexo no facebook que se acaba de poñer en marcha un grupo chamado “Máis galego, pero menos mala hostia”. Non sei se a iniciativa terá éxito, pero paréceme que a frase resume con bastante precisión as arelas sociolingüísticas dunha boa parte da poboación. Eu sei que a gran maioría dos galegofalantes urbanos son persoas tolerantes, amables e de trato cordial. En cambio, os señores que saen habitualmente nos medios de comunicación, patrimonializando a defensa do galego, conseguiron labrarse unha imaxe socialmente moi antipática: son os lobos feroces da lingua, dispostos a trabar sen piedade nas pernas dos tibios, dos bilingües, dos diglósicos e de todos aqueles que non pensen exactamente coma eles.
É moi difícil facer simpática e querida unha causa se os dedicados a transmitila ofrecen a imaxe dun pequeno grupo de integristas enfurruñados, con discursos oscilantes entre o vitimismo e a intimidación. Claro que non hai imposición do galego, pero cando un escoita falar determinados deputados ou certos líderes de plataformas lingüísticas, a sensación inmediata é que nada lles gustaría máis que ter poder suficiente para impoñer os seus criterios e as súas verdades reveladas.
A batalla social e mediática do galego precisa novas voces, novas caras, novos discursos. É duro e lamentable comprobar que Feixóo ten certo éxito ao formular esa perversa ecuación que une lingua galega e imposición, lingua galega e xenreira á liberdade, lingua galega e “mala hostia”. E aínda máis duro e máis lamentable é decatármonos de que ese discurso falsario e culpabilizador se nutre dende as nosas propias filas.

18 comentarios:

Criselda dijo...

Grupos, grupiños, grupúsculos..., manifestos, manifestiños... O galego non necesita inimigos cos amigos que ten e co unidos que están. O mellor é poñérmonos uns contra outros a ver quen comprende mellor aos que nos tildan de impositores. E o patético é ver como nos equivocamos de inimigo nun momento crítico para a lingua.

Anónimo dijo...

A mala hostia parece que a ten Villalaín ("obos feroces", "pequeno grupo de integristas enfurruñados", "iscurso falsario e culpabilizador") e todos sabemos contra quen.

Anónimo dijo...

"obos"? "iscurso"? Ondiá, contra ti non, desde logo.

Loureiro dijo...

Totalmente de acordo. Pero penso tamén que hai que amosar "bo xorne" e tamén saber "pasar".

Pasar, por exemplo, de acodir á cea con motivo do premio de novela por entregas de La Voz. Visto o que fai ese xornal co galego, vista a súa liña editorial (por non falar da liña editorial do seu suplemento dominical) coido que acodir a unha cea con eles é unha simple traizón á causa. E iso fixeron moitos escritores galegos onte. Os que pensamos que os políticos non se poden vender por un par de traxes tamén pensamos que os escritores non se poden vender por unha cea.

Criselda dijo...

Plenamente dacordo con Loureiro. Nisto da lingua, ao inimigo -que xa se sabe quen é- nin auga, pero os demais debiamos facer un esforzo conxunto por saír desta calella na que nos queren meter.

arume dos piñeiros dijo...

Os/as das uvas pasaron á nosa terra: alí vos están, agochados/as entre tanto/a comentarista.
O ponferradino, obviamente, non son eu.

Anónimo dijo...

Arumes, como non te expliques un pouco mais...

arume dos piñeiros dijo...

Que os comentarios sobre este artigo de Villalaín están no sitio de onde procede: en A Nosa Terra. E coido descubrir, entre nomes inventados, voces que visitan esta solaina

Anónimo dijo...

Este don Arumes sempre tan agudo e tan indiscreto.

sóltate dijo...

Arumes, e se non és o ponferradino, quen és logo? Ou dinos polo menos o que pensas do artigo de Villalaín, onosoterráqueo e mais que probable visitante das Uvas. Eu véxolle algo de mala hostia.

arume dos piñeiros dijo...

Eu entereime onte da cadea de comentarios, por unha casualidade feisbuqueira. Aínda que tendo a ir ás fontes, desta volta non fun. Teño que recoñecer que A nosa terra non está entre os meus favoritos de Safari. E son suficientemente indiscreto como para non querer pasar desapercibido: poñería o meu nome entre os asinantes dos comentarios.
O artigo (valente, ante todo, case admirablemente temerario, tendo en conta o/a lector/a tipo do xornal) de Villalaín remata por xustificarse polas reaccións totum pro parte suscitadas. Sendo unhas persoas concretas as directamente aludidas e o que representan, chama a atención os turnos por alusións consumidos.
Sobre a posible "mala hostia" do articulista, fago eu a pregunta: de que serve escribir, como fai o 90% dos columnistas políticamente correctos dun lado ou doutro, para tranquilizar aos seus lectores?

o inferno son os outros dijo...

Praticar a incorrección política e provocar aos políticamente correctos está moi ben, o problema é cuando de tanto praticala acaba converténdose en hábito gozoso, jimenezlosantificándose. Que Villacaín (hahaha) vaia con conta, que os Vaticanos mediáticos andan tolos por fichar novos talentos da incorrección política. Haberá que ir a ANT, a ver que é o que se coce nas suas entrañas cainistas.

Anónimo dijo...

... cainitas, quixen dicer.

Anónimo dijo...

Villalaín tamén adoitaba visitar esta Solaina antes de asesorar ao caído en desgraza, non si, sr Arume?

axudante do detective dijo...

O detective anda coa maleta ás voltas e pronto liscará de vacacións para perderse polas congostras e crepúsculos da memoria que nunca deixou de transitar (tal cual mo dixo). Se tendes algún caso que resolver na sua ausencia, non duvidedes en chamar, que el nunca descansa e sempre está co ollo á espreita. Que pasedes un bon Día da Patria Galega todos os patriotas racimeiros, que ben seguro que se contan cos dedos dunha mao, e que o Saavedra desfile ufano baixo as bandeiras ilusionantes de Máis BNG, a esperanza da patria asovallada. Bones vacances.

ARUME DOS PIÑEIROS dijo...

Lembremos o episodio xenesíaco de Caín e Abel. O relato bíblico, sen moitas explicacións nin narracións costumistas, apunta cun arranque simple: Abel era pastor de ovellas (e nada máis ca ovellas) e Caín, camponés. Gando e agricultura. Aquí, o narrador, lonxe de calquera socioloxía barata, non se extende nas diferencias entre estas dúas actividades: con intelixencia moitos anos despois ambas entran no primeiro sector da economía.
A narración repara en que Caín ofrece (o que en termos piadosos é unha oblación, pero en termos xudiciais non sei se entraría en indicio de cohecho) froitos do campo. Para evitarmos especulacións, o narrador prefire unha fórmula xeral: de fructibus agri. Imaxinemos, por un momento, o que significaría para a economía galega en particular que foran patacas da Limia (o Edén noutrora) ou pementos de Herbón (co benitiño botando auga polo peito). Abel, por non ser menos, ofrece o primoxénito da maná e as adiposidades do animaliño. Entre patacas por moi da terra cha que poidan ser e unha paletiña de cordeiro por moi pouco noviño que veña sendo co colesterol graxento que lle arrime, estálles ben claro que o tal Xehová (o dos testigos) non lles é parvo.
Pero tampouco é de estrañar que o Caín, despois de sachar o insachable, quedara pampo. O narrador púxolle cara de mala hostia (sic) e presentouno diante do seu irmán cun clásico de entre as frases do matonismo escolar: "Vamos para fóra". E alí pasou o que pasou: unha malleira, seica co queixo dun animal (pero a Biblia nada di ao respecto), que levou ao Abel para o outro barrio e a Caín, tras as pesquisas pertinentes de xehová (aka deus) que todo o ve menos a Abel, ao Este do Edén con James Dean. Castigado ao ostracismo, pero protexido de quen quixera matalo.
O que parece claro do relato é que non houbo por ningún lado loitas cainitas: houbo un razonable malestar, mal reconducido e pésimamente traballado polo seu gabinete de prensa (cántas persoas se chaman Caín?). Se Sondaxe fixera unha enquisa a esta altura da historia, estou case seguro de que habería moitos máis defensores de Caín que de Abel. Onde vai parar!

Balonga dijo...

Sr. axudante lémbrelle ao detective os versos do cantautor uruguayo Alfredo Zitarrosa:
"no eches en la maleta,
lo que no vayas a usar,
son más largos los caminos,
pa´l que va cargao de más".
"y si sentís tristeza
cuando mires para atrás,
no te olvides que´l camino
es pa´l que viene y pa´l que va.

Xosé M. González dijo...

Hai tempo que non lembro, publicara eu un artigo crítico con certo sucedido no BNG. Marcos Valcárcel manifestara aquí que o texto era 'valente'; puntualizou o Apicultor que, non corréndose hoxe risco por expor a idea propia, cadráballe mellor a consideración de 'honesto'. Tanto o amo desta casa coma o mestre das abellas foron ben considerados comigo, segundo por certo adoitan. Eu agora digo que Damián Villalaín, sen correr probablemente un risco físico do que desde logo se vexa libre, no artigo que agora é de referencia debeu ser sen dúbida honrado: seguramente é o que pensa, exposto no modo habitual.

O medio publicador é declaradamente nacionalista; nel, a miúdo o autor enfatiza crítica negativa de posicións nacionalistas, e en tal sentido a actitude ben pode considerarse provocadora; talvez así mesmo a intención. Non ten por que dar en negativo, tanto se don Damián simplemente avalía coma se subliminal ou explicitamente propón diversa pauta ou conduta, sexa partidaria ou non. De análise e censura, sexa ríspeta ou amable, poden vir adianto e progreso. No caso actual, por outra banda, a historia recente fornece causa abundante para imputación de mala sociabilidade: os modos, sen dúbida, durante anos puideron ser mellores, diplomacia non sobrou; aínda sen contar coa abundante amplificación mediática tamén do caso.

Ora ben: non sei se actualmente resultará visión nalgunha medida tópica. Dubidoso é o Carlos Callón dos últimos tempos como epítome de rispidez. Tanto quen falou na Quintana o 17 de maio coma o que xa debate con GB. Na miña cidade amurallada coñezo dous rapaces afiliados á Mesa, activos e militantes; acaban de entrar na universidade (con media de nove e pico), e malia a combatividade adoitan ser ben afables e populares no seu contorno. A asociación dista de resultar florentina, non é de esperar que acabe niso e eu afirmo que en toda casa ou barrio é ben que alguén amose dentes. Túzaros haberá, tamén tuzaridades; pero igual cómpre revisar algún esquema inveterado antes de reiterarlle validez habitual.

Porque máis ben, ultimamente, o que xorde nos medios de comunicación é consideración, achegamento, complicidade e chamada de cara aos bilingües e diglósicos. Continxente do que, xaora, vén de volta resposta tan emotiva e solidaria que facilmente pode emocionar. Oxalá esteamos todos á altura.

Deséxolles a todos un bo Día da Patria / de Santiago. Páseno como o pasen.