23 jul 2009

Luar

BIEITO IGLESIAS
El Correo Gallego, 23.07.2009
Con motivo do corenta cabodano da chegada do home á Lúa (a muller aínda non chegou) os medios de comunicación interrogan a persoas famosas querendo saber como viviron aquel acontecemento. Eu non son así tan famoso como para que me poñan no presenteiro cando chegan estas efemérides, pero contareilles de calquera maneira a lembranza que gardo do evento. Non souben nada da alunizaxe ata o día seguinte por carecer a miña casa na altura de radio ou televisor. Sospeito que algo parecido lle sucedeu á mor parte da humanidade asentada en Asia, África, Illas de Oceanía ou certas partes de América Latina. Se os astronautas trepasen o chan lunar en hora menos intempestiva, tería seguido a fazaña na radio do Perfeuto en paz estea, muiñeiro e veciño conectado ás ondas mentres moía centeo na pedra albeira ou mesmo con noite, cando aproveitaba para picar as moas e escoitar de paso Ustedes son formidables. O rapazolo que eu era facía moita vida no muíño entreténdome con esas audicións, co pan e o millo que entraba pola moxega e saía moído pouco despois, cos pósters que adornaban as paredes (da selección española que lle gañara a Rusia ou dun Ajax de Ámsterdam que logo faría historia con Cruiff).
Cando á mañá seguinte me informei da proeza, un fito na carreira espacial, compartillei o meu entusiasmo coa avoa Josefa e esta enfriou a miña excitación coa súa incredulidade. Non cría en Deus, para canto máis nos americanos. Díxome que a Lúa levaba aí no ceo desde sempre e ninguén poría o pé xamais no satélite. Coñecinlle que interpretaba o simple intento de alunizar como unha profanación e a conquista do espazo como cousa de aluados.
Axiña cantarían Los Tres Sudamericanos La luna, la Luna ya está en el bote e a xente esquecería que había que trasfegar o viño e sementar o fruto coa lúa vella.

6 comentarios:

mariajesusparadela dijo...

Ainda eu, hoxe,recollo os froitos e semento (según qué) coa lúa vella...

Raposo dijo...

Esto lémbrame que tamén o meu avó dicía que a Lúa estaba moi lonxe e que o home nunca chegara a ela e que xamais chegaría.
Apertas.

reis dijo...

que bonita é a lingua galega, quando se escreve assim como fai o Bieito, faime estr alí na infancia, que é realmente a patria asegun se dí.

lobo neghro dijo...

O meu tio Davide, que era un sabio daquela maneira, entre outras cousas porque repartiu o capital òs sobrinhos cando el tinha 40 anos e nunca màis traballou, porque o médico lle dera dous anos de vida e vivìu 30 màis na miseria, a congria co tempo volveuse a nada. O meu tio Davide que falaba sò ( e eu o herdei), como se estivese acompanhado por unha dùcia de persoas, acostumaba a decirme que do ceo caìan cousas pero el nunca vira subir nada.

XDC dijo...

Pois eu lémbroo perfectamente porque estaba moi cabreado porque non había debuxos animados en ningunha das tres canles que collía o noso televexo (Primeira, Segunda, e Portugal). Nos tres estaba o carallo do cohete botando fumo, ao decolar.

Anónimo dijo...

O carallo do cohete botaba fumo polo c....