14 oct 2009

As zaragalladas lingüísticas
ANXO TARRÍO VARELA
Galicia Hoxe, 14.10.2009

Debido ao abracadabrante trato que o goberno da Xunta lle está a dar ao galego, volven xurdir plataformas que recordan aquela APADEL, dos tempos de Fernández Albor. A estas alturas, non deberían ser necesarias, pero cómpre insistir. Un pregúntase retoricamente por que existe nos partidos políticos, e sobre todo nos responsábeis perfilados para aspirantes aos máis altos e medios cargos da Xunta de Galicia e do Parlamento galego, un desleixo tan grande cara ao idioma do país; unha lingua ben doada de falar aceptabelmente? Deixemos á parte o agarimo cara á lingua dos avós, un agarimo que, se non é falso, débese obviar, non proclamalo decote urbi et orbe e si manifestalo politicamente coas accións pertinentes que se teñan ao alcance das posibilidades de cada quen en cada momento, para que a lingua prospere, se fortaleza e se amose á cidadanía non só como un ben cultural e unha herdanza que temos a obriga de transmitir, mellorada, á nosa descendencia, senón tamén, fundamentalmente, como un instrumento de prosperidade social e económica que nos pon en relación con cento oitenta millóns de habitantes do planeta. Pero cando ese agarimo é finxido tradúcese en babecadas hipócritas detrás de cuxas eclosións líricas con retórica de todo a cen pode disimularse unha renarteira ignorancia, unha traizón encuberta e unha enciclopédica incompetencia política.
Así, de primeiras, todo parece indicar que os líderes políticos, en xeral, coidan que falar galego é meter polo medio do castelán algunhas pinceladas enxebres. Fan como aquel que coidaba que dominar o inglés consistía en falar galego amodiño. E este pensamento, sostido por quen aspira a presidir, por exemplo, a Xunta de Galicia, sería ben grave e indicaría moita ignorancia en cuestións idiomáticas, pois a xente podemos pensar que esa incapacidade para falar galego, unha lingua tanto ou máis próxima que o castelán, haberá que estendela a calquera outro dos idiomas modernos cuxo manexo deberiamos esixirlle a un presidente da Xunta de Galicia para que nos represente polo mundo adiante sen que se nos poña a cara arrubiada. Ou é que pensarán facelo só en castelán cando gañen as eleccións, como ocorreu con alguén que non quero mencionar en canto se randeou nos moles resortes da cadeira municipal e agora xa semella non renunciar a vestirse de púrpura camiño do papado? Pois miren, ben pensado, mellor sería que comezasen xa a facer iso nas campañas electorais, e sería unha decisión respectábel, por transparente e honesta. Para que finxir? Está claro que teñen aderentes abondo a quen tamén lles molesta o galego. Por que forzar unha situación que, por riba, supón un insulto á lingua de Galicia? Deste xeito, todos saberiamos a que carta xogar, e quen se presentase á candidatura presidencial aforraríanos eses patéticos espectáculos de zaragallada lingüística que decote nos ofrecen.
Conste que penso isto bastante sinceramente e quero dicilo sen acritude, aínda que con certa indignación, pois hoxe en día, e dende hai moitos anos, xa ninguén pode aducir falta de instrumentos para aprender a se desenvolver nun galego estándar e medianamente culto; o galego mínimo que debe saber falar todo aspirante a ocupar un alto cargo público en Galicia. Porque a lingua galega sobrevivirá aos parricidas e dará brotes verdes como os que enxendrou Dánae baixo fina choiva de ouro.

1 comentario:

Helena dijo...

Agradézolle ao profesor Tarrío que se acorde daquela asociación APADEL, da que fun cofundadora. Puido ser unha cousa moi interesante, pero o proxecto frustrouse por uns pais e nais de AGLI, absolutamente alleos ás aulas que se pretendían crear. "Un paso adiante e outro atrás, Galicia..."