26 dic. 2009



Etiqueta e bos modais
MIGUEL SUÁREZ ABEL
El Correo Gallego, 26.12.2009
..................
Panel restaurante Montero. Lugo.
Obra de Eduardo Baamonde.
(Descuberta de Arume).

Hai quen nin vive nin deixa vivir por causa da etiqueta. Son persoas dominadas pola obsesión de elevar os ritos sociais a categoría. A vestimenta, a decoración, a colocación á mesa e ata a conversación acaban aprisionados nun molde tan férreo de normas que ninguén se sente a gusto nin goza do que realiza. Aparentar, imitar e temer ocultan calquera alegría e satisfacción social. Nin se come nin se fala nin se goza relaxados. Só estamos pendentes do que fai quen nos parece que domina mellor a situación, tratamos de non cometer a mínima distracción, estamos tensos, desconfiando de cada acto. Chegar a este grao de incomodidade será útil en relacións diplomáticas, de gran necesidade de control por intereses internacionais ou en apuros maiores, pero nunca a considero aconsellable para relacións sans e festivas.
Nestas festas que a algúns tanto lles molestan e a outros parece que os enchen de felicidade, seguro que houbo ocasión para experimentar os extremos da convivencia: exceso de etiqueta, carencia de bos modais. Se a faixa da etiqueta é incómoda, o abuso da groseira falta de educación e tacto resulta insoportable. Eses ambientes nos que a falsa naturalidade converte as relacións en abuso, agresión ou insulto permanentes, antóllanseme insufribles. Ocorren normalmente naquelas reunións nas que os machos liban alcohois variados mentres as escravas as que tomaron por esposas os atúan de todo tipo de viandas; nas que os adultos incitan ós pequenos a que interveñan contra a súa vontade en esmorgas ou vulgaridades que ós maiores lles fan moita risa; nas que se sacan a relucir asuntos familiares delicados, turbios ás veces, por mor dunha falsa sinceridade, pois, explícanse, "eu sonche moi clariño e as cousas tal e como as sinto, así as digo"; festas, en fin, nas que os remates de comellona poden acabar en choros, insultos, retiradas iradas, ameazas, agresións que non se esquecen. Entre a etiqueta e a falta de educación están os bos modais. Algo tan simple como respectar ó outro, procurar o seu benestar, gardar a compostura e baixar a dificultade en ter en conta se o outro, sobre todo se é invitado, se sente ben. A boa educación procura sempre o benestar do outro, non atemorizalo con ríxidos rituais, e menos coa vulgaridade e a falsa naturalidade de aspirar a unha desinhibición e indelicadeza impensables. Poida que estas festas non sexan nin tan odiosas nin causantes de tanta felicidade, pero o que nunca lles han sobrar serán os bos modais.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Canta razón ten.

Xohan da Coba dijo...

Feliz Ano Novo a todos os solaneiros:
Canción adicada:PREMER.