Do viño.La Región 6-2-09.
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".
Do viño.


AS UVAS NA SOLAINA.
(En bits ou tinta fresca, cada novo día esperto, coa voz xenerosa nos distintos soportes -blogs ou medios de comunicación-, de amigos e amigas derramando loas inmerecentes á miña persoa. Un millón, para todos-as, outro tamén para tí Rosa.)
Loitei a vida enteira cun só nome
a piques de saírme polos labios,
sei o tamaño, a forma e até o eco
que deixará no ar se o digo un día.
Mentres tanto palabras como pombas
ceibei a competir coa voz do vento.
Non o podo lembrar, anda no vento,
que quen o pronunciou queimou o nome,
derradeira, quizais, das súas pombas,
liberouno e despois cerrou os labios.
Eu sei que morrerei feliz o día
en que o descifre á fin no son do eco.
O oco da palabra vai no eco,
eternamente vougo polo vento.
Non volverá existir, non verá o día,
xamais regresará o nome ao nome.
É grande para min, non teño labios,
o meu pombal quedou case sen pombas.
Xa non queren voar, xa non son pombas,
anacos de papel que leva o eco.
Se eu dixese o que soño, novos labios
volverían a min, sería vento
a percorrer o mundo cun só nome,
o que quero dicir mais non hai día.
Virá fatal, ha vir, un outro día:
Deixarei dunha vez o ar sen pombas,
no delirio a morrer direi o nome
que procurei sen fe, febril no eco,
neste me eu baleirar tamén no vento,
nun voo de palabras como labios.
Chegará a hora e hei pechar os labios,
cando estea a chegar a luz do día,
e aínda hei procurar no fol do vento
ese amencer de abril orfo de pombas.
Mesmo morto ha soar na voz do eco
a negarse a si mesmo, xa sen nome.
Non ten nome o silencio, non ten labios,
levantan cando o digo voo as pombas
e pousan no ar do eco a facer vento.



.jpg)
axenda: Antón Tovar




(Pola miña banda, onte foi xornada densa. Antes do acto do Liceo, tiven unha charla, das habituais nestas datas todos os anos, sobre Xosé María Álvarez Blázquez, no colexio Santa Teresa-Carmelitas. Creo que non disgustou ás mozas/os asistentes (había máis mozos), iso me contou algunha alumna que ten amigas alí...).
