PREMIOS AELG 2009: AS UVAS NA SOLAINA, MELLOR BLOG LITERARIO
por Corresponsal
Fotos(Trebolle
(1) A modo de teletipo:
Celebrouse onte, sábado 9 de maio de 2009, a tradicional Cea Literaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega (ALEG). No transcurso dunha cea no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela entregaronse os seguintes galardóns:
Literatura infanto-xuvenil: O libro das viaxes imaxinarias, Xabier P. DoCampo. Poesía: A melancolía dos corpos, Xulio López Valcárcel. Teatro: Unha primavera para Aldara, Teresa Moure. Ensaio: Fin de século en Palestina, Miguel Anxo Murado. Tradución: As flores do mal (Charles Baudelaire), Gonzalo Navaza. Narrativa: Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva. Mellor traxectoria xornalística: Ana Romaní. Mellor blog literario: As Uvas na Solaina, Marcos Valcárcel.
(2) A modo de entusiasmo:
Este blog cobra supetamente autoconciencia, como o Hal 9000 de Kubrick, e felicita a todos os galardoados, a todos os nominados e, moi en particular, parabenízase a si mesmo (abrindo con isto un preocupante precedente). Sobre todo e en primeiro lugar, ao seu mestre vendimador, o sabio colleiteiro Marcos Valcárcel López. En segundo lugar, a todos cantos teñen escrito neste blog desde os seus comezos até hoxe, quer fosen ocasionais, quer sexan habituais. E en terceiro pero non en derradeiro lugar, aos centos de lectores e lectoras que teñen incorporado ao seu quefacer diario pasar a botar un grolo de viño novo nesta solaina. En nome de todos eles, moitas grazas aos membros da AELG por teren distinguido a este blog.
(3) A modo de crónica social:
A xente foi chegando aos poucos a algo que pretendía asemellarse a un cóctel. Escritores famosos, semifamosos e perfectos descoñecidos, ademais de escritores aspirantes a famosos, a semifamosos ou a perfectos descoñecidos, parentes, amigos e demais familia, déronse cita para estar presentes na posterior cea e na conseguinte entrega de premios.
Sen ánimo de exhaustividade e citados ao chou para non ferir suceptibilidades, estiveron Manuel Rivas, Bieito Iglesias, Teresa Moure, Francisco Fernández Naval, Marcos Valcárcel, Inma López Silva, Ana Romaní, Rubén Ruibal, Marica Campo, Olalla Cociña, Arturo Casas, Marcos S. Calveiro, Pilar García Negro, Millán Picouto, Rosa Aneiros, Xosé Manuel Pereiro, Xurxo Borrazás, Manuel Bragado, María Xosé Queizán, Francisco Castro, Avelino Pousa Antelo, Tati Mancebo ou Modesto Fraga, entre moitos outros que tamén se poderían citar (agás os escritores descoñecidos ou aspirantes a descoñecidos por motivos obvios). Así mesmo, tamén se contou coa presenza de representantes políticos como Ana Pontón.
A ementa da cea foi congruente cos tempos de crise económica: sobria e escasa. O público asistente, nin moito nin pouco, estivo tamén sobrio e contido, amosando un signo preocupante: o que noutrora houbese desatado unha devastadora jacquerie, apenas suscitou protestas. Efectivamente, a ausencia dos licores anunciados co café non deu pé a unha acción colectiva revolucionaria que asaltase as despensas do hotel. Que tampouco se coreasen ao unísono clásicos populares como “A rianxeira” pode considerarse un efecto colateral de tan clamorosa carencia. O semiólogo Arturo Casas, nominado polo seu extraordinario blog Lándoas, podería vincular tales circunstancias coa chegada ao poder do Partido Popular e coa derrota das forzas bipartitas.
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, que cada día que pasa se parece máis a un pintor impresionista francés do século XIX, oficiou de eficaz mestre de cirimonias. Varios dos galardoados non estiveron presentes, recollendo os premios outros comisionados. Das intervencións dos premiados paga a pena destacar a serenidade de Ana Romaní, a contaxiosa alegría de Inma López Silva ou as palabras de Marcos Valcárcel reivindicando a tradición cultural galeguista ourensá. Foi, naturalmente, o máis aplaudido da noite. A gran escritora mexicana Elena Poniatowka, unha “chaparra” descendente ao parecer dos reis de Polonia, foi nomeada Escritora Galega Universal e fixo unha emotiva intervención. A AELG agasallou aos presentes cun libro de relatos seus, traducidos ao galego para a ocasión por dez escritores.
Ao remate houbo unha certa desfeita e algunha xente foise sen despedir. Non houbo baile. Mesmo Xosé Manuel Pereiro se deitou cedo, segundo anunciaba minutos antes no Facebook. Algo está a mudar en Galicia: el será que os tempos non son chegados?
52 comentarios:
Con todo o respecto aos outros nominados, era de esperar este recoñecemento. Hai arestora na blogosfera galega moitas pezas de grande e singular calidade; pero a historia e mailo aquel da Solaina pedían esta distinción. Parabéns, Marcos, aínda que sexa rutina, e aquí seguimos.
Asino eu completamente os parabéns do ilustre Saavedra e repito o aquí seguimos, don Marcos.
Os meus parabéns, Marcos por recoñecemento tan merecido como o do blog. Gustei da firmeza das túas palabras defendendo a tradición galeguista ourensá e a mención á «Xeración Erga» da que nos sentimos partícipes. Abrazos e moito ánimo!
Parabéns a todos os galardoados e, en especial, a Marcos.
E parabéns tamén para o correponsal, espléndido.
Parabéns, pois.
Parabéns para Marcos, e longa vida para As Uvas.
Pois noraboa a Marcos. ë unha ledicia poder felicitar a un amigo. Unha aperta. Chesi
Noraboa por tan merecido premio.
Esto hai que celebralo con algo alcólico.
(Buf, penséi que xa non atopaba desculpa para "calcarlle ao alpiste" hoxe).
Certo Dkv, hai que celebralo.
E xestión Calvinista, è o que pide a nova sociedade. A descripción do acto é o preludio do que ten que vir.
Parabéns a Marcos, ás Uvas e a todas as persoas que damos camiñatas por este blog. Como unha non ten o don da ubicuidade, non puiden estar na cea pero estaba segura dun éxito tan merecido.
Engado enlace para ler os piropos que bota á literatura galega un amigo que tamén era aspirante.
http://marques-samyn.blogspot.com/
Parabéns ao Marcos.
Parabéns ao espléndido cronista.
Parabéns ao fotógrafo.
Non creo que a comida fose escasa.
Si que faltaron os licores... e se cadra foi mellor así.
Vivan as uvas na solaina.
Viva a xeración ERGA
Viva o futuro, inda que imperfecto.
bicazo a Marcos e a todos os vendimadores!
¿Noraboa? É de xustiza!
Aquí un que se desculpa pola rápida fuxida sen se despedir e/ou dar a coñecer no medio do balbordo final. Recoñezo ter fuxido na busca de licores composteláns e vaia con este comentario a miña felicitación para Don Marcos e para As Uvas e o meu forte abrazo.
Vaia. Por o que se ve "A tua revolución non me interesa si non hai chupitos".HAHAHAHAH.
Noraboa para Marcos. Avanti!
Parabéns a esta casa, polo premio e polo discurso vibrante, que se dicía antes. E unha aclaración: funme cedo porque non reparei en que faltaban os licores anunciados.
!VIVA A XERACION ERGA¡, o resto que nos coma o demo ;-).
Parabéns Marcos, a ti e aos vendimadores que te acompañan, por este premio. Os que nos asomamos a túa solaina sabemos que foi ben merecido. Unha aperta.
Marcos:
Unha aperta e parabéns polo merecido recoñecemento ás Uvas da AELG.
RAF
Pero...houbo algunha vez once mil vERGAnos, como para poder falar de xeración?
Parabéns.
Recoñezo que non seguía este blog e foi un grande descubrimento.
Cando un pasaba por lugares como Villadangos del Páramo o La Pola de Gordón (por non poñer o meu mítico Rodrigatos de Obispalía) aparecían escritos con almagre nas paredes de adobe daquelas casas semiderruidas co melancónico berro "Viban los quintos del 53".
Obvio a analoxía.;)
Adicado a Iacobus: coma min, nada erguido.
Homes, Iacobus e Arume, non me sexan tan estirados: deixen gozar algo aos que fomos e algo fixemos; ben se sabe que aquí todos somos uns, pero hai marcas indelebles e as mesmas Uvas non me deixarán mentir.
Canto a Guillaume da Cova ou Xoán Apollinaire: moitos non lle habían faltar. De botalas, que sexan ben gordas e lucidas, tal os atributos do príncipe Vibescu.
Isto empezou cos parabéns a don Marcos e xa vamos en vergas gordas e lucidas. Isto promete.
Parabéns, Marcos! Haberá que lle aprender á AELG a organizar contubernios etílicos co asesoramento lobairo-alaricano dalgún que anda por aquí. :-)
Bicos chairegos!
E xa que anda por aquí, amigo Saavedra, como ve o desenlace da votación do domingo (á mesma hora da leve esnafrada de Canaletes)?
Confírmase a mudanza na corrente de fondo bloquista. Pero mañá falamos.
Lourixe, eu, a vostede, ámoa.
Noraboa Marcos!!!
apertas que chegan co perfume do outono de Bos Aires!
Dou o meu pésame ao webmaster deste blog, polo falecemento da súa nai.
Parabenizo don Marcos Valcárcel, polo premio. Grazas por permitir que a súa Solaina se encha de amigos.
Felicito o correspondente pola magnífica crónica do abstemio evento compostelán.
Son feliz de volver ler a señorita Lourixe.
Encontro de menos a Leituga One e un dos Anónimos.
Ola medela son eu, a ver se se prodigam un pouco mais por aquí, ainda que ultimamente eu so leo e de vez en cando.
Non felicito polo premio, porque felices polo blog, habían de estar xa antes do premio, que é o que conta.
Súmome a rea de parabéns ó autor, Marcos Valcárcel, e a toda a comunidade que fai posible As Uvas na Solaina. Parabéns!
Estoutro recoñecemento a Marcos, síntoo coma un favo de mel, detrás de días de fel.
Querido Marcos mereces isto e moito máis.
Moitísimas grazas Medela, unha súplica, déixate ver máis a miúdo, coma nos vellos tempos, a túa presenza sempre nos é grata;
a min particularmente reconfórtame.
Tamén eu digo esto último, don Xulio. O Medela anda trasterrado, aínda que el, por melanconía, prefire o do desterro.
O Medela, como mosca en tearaña ou tarro de mel, caiu nas gadoupas do feisbú e xa podedes clamar as veces que queirades no deserto da impotencia pola sua volta, que non conseguiredes botalo do universo concentracionario no que se fechou herméticamente por vontade propia e contra o desexo de amigos, solaineiros e tuttiquantti. Contáronme que está tan enviciado, tan enchoupado, tan irredutíbelmente mergullado, tan dramáticamente concentrado na inmensidade de posibilidades de entretimento e coñecimento que lle oferece o novo xoguete ao que se adheriu con pulsión pegañenta, que o mellor que podedes facer é renunciar ao seu concurso nestas páxinas ás que tanta afección lle tiña noutrora. Que se lle vai facer, as persoas somos así, fráxiles, lixeiras, levianas, inconsistentes, caprichosas, suxeitos susceptíbeis de mudanza e engaiolamento, e contra iso pouco poden facer a vontade do Drabal, a do Arume e mesmo a dun servidor. Como non lle roubemos (ou escachemos, sábeme mal dicilo con tanta crueza) o xoguete no que está atrapado sen remedio, vexo difícil que o podamos recuparar para a causa gloriosa e golosa das Uvas.
Bah. Eso do feisbú, vai ser unha moda como a dos Karaokes. Logo pasará...
Doutor Gadoupas: Se vossa excelência ten a ben desenmascarar a súa identidade, coa finalidade exclusiva de poder parabenizalo e agradecerlle en persoa tan marabilloso texto (que tanto me honra) prometo abandonar as románticas e pegañosas redes do face e regresar para a Ítaca solainesca.
Outra cousa é o que puideren opinar as damas católico/separatistas da miña cuadrilla cibernética.
Pénseo ben antes de dar paso ningún, estimado cabaleiro.-
Se entro nas Uvas, 'contención'.
Se non entro, fico preso nas gadoupas do vicio.
Vaiche boa...
Medela, o seu é unha ONG, non cambie, pola nai que o pariu.
A identidade do Gadoupas está clara, Miss Medela. "Do Vicio", con ese apelido...
O Medela sucumbíu ao canto das sereas do mar do feisbú.Sereas de gran beleza e boas cantoras. Pero que, á hora da "verdade", non acaban de ter o que teñen que ter porque son metade mulleres ,metade máquinas.
Para rematar a "faena" hai que facer o que xa había que facer coas outras, as do mar do Ulises: recurrir ao nefando pecado de Onán.
Non sei se esto do feisbú non será unha simulación a gran escala do famoso "test de Turing". Igual sólo estamos falando con máquinas, e somos incapaces de darnos conta.
Eu fago comentarios moi surrealistas nas conversas do feisbú , intentando que sexan ininterpretables por programas informáticos. Cando non me contestan, non sei si falo con un programa que se "colgóu" ou con unha persoa que me mandóu tomar por o cú. Ao final, o Turing tiña razón: o asunto é indistinguible.
Eu tuven unha vez, fai tempo, unha conversa agradable no feisbú. A sua lembranza, eclipsa os centos de horas que perdín e sigo perdendo , soportando conversas anodinas. Sigo esperando o que os drogadictos chaman "o gran Viaxe", ou os ludópatas das tragacadelas, o "Especial", que haberá que escribir en letras capitales dado o seu caracter sagrado.
A mín non me importa que as sereas do feisbú non teñan o que teñen que ter, porque a mín, das mulleres, o que gusta é a persoalidade. No feisbú son persoalidades puras, extracorpórea. Os avances informáticos diferenciarán no futuro os dous aspectos, en duas tecnoloxías diferentes: a das mulleres-corpo (e homes-corpo), esas bonecas, cada vez máis sofisticadas que xa se fabrican, e as mulleres-persoalidade (e homes-persoalidade), no feisbú e similares redes sociais. Tamén se poderá descargar nun pendrive unha persoalidade-feisbú para cargarlla a unha de esas bonecas, para obteñer unha "muller integral" (ou home) a medida.
A totalide dos seres humanos acabará conectada mediante tupidas redes de conexiós de "amizade", que poderemos chamar "sinapsis". Posiblemente aparezan nodos especiáis en esa rede, centros de poder e de control. O feisbú será un enorme cerebro mundial do que cada un de nós seremos unha neuroa, e que acadará a "autoconciencia". Teilhard de Chardin estaría encantado...
Lobos!, Alcatea!, Malta!...o que leo é de unha enorme creatividade.
Prodixiosa tecnoloxía que no lo permite.
Cecais tamén podamos aplicar eiquí o principio de Pareto, oitenta por cento de anodino e vinte por cento de fundamental. E non pasa nada, é así. Moita transpiración antes de que emerxa algo orixinalísimo.Non choremos a árida viaxe.
Un árbol non pode ser todo flor, e lembrade que para sustentar a copa temos que imaxinar o doble de raíces subterráneas.
Os alicerces da subtilidade.
Tú también, Dacova, hijo mío???
Son inocente: Foi o señor Dos Piñeiros o que meteu no sarillo do face!!!
Dá un pouco de medo iso de 'homes e mulleres á medida'. Lémbrame o 'doutor' Mengele.
É certo: Hai que regresar ás uterinas Uvas, á aldea, ao santuario de formas arredondadas, de donde nunca houben de ter saído.
Ese santuario de difícil acceso, mais que tantas satisfaccións deu, unha vez ouvida a misa, comido o polbo, bailado os hierogámicos pasodobres toureiros e tomado esa ambrosía chamada licor-café de auto bar.
Hai verbena, Dacova??
Eso é, Medela.
Os amigos conseguiremos desatalo da cadeira que o ten preso ao computador, e sacarémoslle dos ouvidos os auriculares polos que xa sólo escoita as voces procesadas por a sua tarxeta de son. Ao revés do outro Ulises.
Señor Medela, señor Medela:
Preguntan por vostede no mostrador da Kurdistan Airlines.
Última chamada para o señor Medela, última chamada.
Pase polo mostrador de Kurdistan Airlines.
Señor Medela, se vostede quere chegar á identidade do misterioso e desafiante "gadoupas", aconséllolle que chame en breve polo detective crepuscular, que el saberá satisfacer de cheo a sua curiosidade aprofundando na mesmidade mais soterrada da incógnita apelidada "do vicio". O detective, experto en crepúsculos, dúvidas, névoas, sombras, agachadoiros, espazos entrevistos, zonas mortas, intrigas sen nome e todo tipo de andainas especulativas e borrascas do espírito, seguro que non defraudará as suas expectativas. Eu, como comprenderá, tócame informalo polo miúdo, e logo é vostede quen decide. Xa sei que ten moito onde escoller, e todo bon. Pode recorrer ás teorías sempre fascinantes do XDC, encomendarse ao rigor científico do Apicultor (home de dados contrastados, seriedade estatística e fondura de pensamento), ou solicitar os servizos do meu xefe, que, como vostede sabe por outras ocasións e outros asuntos, onde pon o ollos da intuición pon o obxecto da pesquisa. Entretanto, non faga caso dos agoreiros e aguafestas que lle reprochan o seu proceder e o reprenden por procurar a felicidade, e disfrute das virtudes do feisbú, que a vida son dous días e viñemos para divertirnos e non amargarnos, e mais se quen o introduciu nas entrañas do monstro das mil facetas do entretimento foi o seu amigo Arume dos Piñeiros. Reciba unha aperta do detective e mais outra miña, e xa sabe onde acharnos se é que vostede opta polo método intuitivo.
Cheghouvos o convite do PEN Clube para o premio do noso Markus o día 22 en Compostela?.
Marcamos un encontro?.
Vampos là?.
"Oulear oulearei, loghiño de clarear..."
Método intuitivo?
Intuitivo, sintético e práctico, señor axudante de detective: Como a Enciclopedia Álvarez.
Cumprimentos caleidoscópicos.-
Publicar un comentario