27 nov. 2009



A nación sen cidadáns

José Carlos Bermejo recrea a historia de Galicia

e da humanidade nun libro no que reivindica unha cultura escrita verdadeira

Galicia Hoxe, 27.11.2009 M. DOPICO . SANTIAGO


"Galicia é unha patria sen pobo, unha nación sen cidadáns e unha cultura sen pensamento". O historiador José Carlos Bermejo Barrera comeza con esta frase tan provocadora un dos capítulos do seu libro Auténticas e verdadeiras historias nas que se conta como Galicia chegou a ser unha terra baldía e o que lle pasou á humanidade, que presentou onte na libraría Couceiro de Santiago.
Editada por Lóstrego, a obra, que o seu autor define como un "libro de filosofía", -ao xeito das sátiras filosóficas do século XVIII-, reivindica a reescritura da historia alén do discurso oficial, xa que, ao seu ver, "a cultura galega escrita está totalmente fóra da realidade. Toda a historia de Galicia é mentira. A historia e a filosofía caeron nun discuso baleiro, afastado da realidade".
Auténticas e verdadeiras historias presenta, así, un peculiar, irónico e metafórico percorrido pola historia de Galicia e da humanidade, alicerzado na crítica ao poder e na recuperación das voces dos excluídos: as putas e en xeral as mulleres, os mortos, os nenos...
Para iso, propón un xogo, no que feitos, anécdotas e documentos históricos reais, persoeiros da filosofía, mitos gregos, lendas, argumentos teolóxicos... se artellan nun relato non liñal, con elipses temporais, no que conviven personaxes que non foron contemporáneos como Platón e Nietzsche.
A historia arranca a partir dun extracto do Ora Marítima de Avieno sobre Oestrimnia, -Galicia-, o país abandonado polos seus habitantes tras ser invadido polas serpes. "É unha lenda, que foi moi común nos textos antiguos. Cuevillas colleuna dun historiador alemán, e defendeu que os oestrimnios foran os primeiros habitantes de Galicia... Se os oestrimnios tiveron que marchar por causa das serpes, os galegos verdadeiros estarían desaparecidos, entón toda a historia de Galicia que despois se escribiu sería mentira. Ese é o xogo", indicou.
O libro mantén un ton de burla, de sátira, que contén ademais a autocrítica. "Os "gramáticos" dos que falo son os intelectuais. Presento os filósofos como fetos..., e non porque non os respecte, senón como un xeito de reducilos a unha forma humana...", salienta. "A vida académica é un intercambio de honras, favores e beneficios", escribe. As mulleres son, na obra, as inventoras da cultura verdadeira que permanece agochada: dos nomes, das palabras con significado, as gardiás e lectoras secretas dos libros.
"Eu diría que é un libro feminista", sinala o autor, que achega unha curiosa revisión da metáfora do contrato social ben afastada das de Rousseau e Hobbes: os puteiros compiten para pagar as putas con alimentos, roupas e abelorios cada vez máis perfeccionados...
Bermejo ironiza sobre o minifundismo, o crecemento urbanístico descontrolado, o culto á gastronomía, a creación da historia do "gran morto" (Santiago) para unir o pobo polo menos de cara ao exterior, a redacción de leis que nunca se aplican, a construción de "edificios monumentais", pero "baleiros" -en referencia á Cidade da Cultura-, o desenvolvemento da moda a partir da procura dos ricos dun xeito de diferenciarse dos pobres...
Pero tamén fala de moitas das claves da historia da humanidade: a distinción que as comunidades humanas trazan entre o "nós" e os "outros", a creación das clases sociais, a invención da fe relixiosa, dos oficios e a división do traballo, do Estado, da familia, do dereito, dos exércitos e a industria armamentística, do capitalismo, a simbiose da cultura co poder...

A volta dos oestrimnios
Na presentación do libro onte en Compostela, Bermejo leu un texto no nome dos "oestrimnios". "Queriamos ter vivido aí, pero non puidemos, porque non podiamos vivir sen dignidade e sen esperanza", comeza a "mensaxe". "Pero non puido ser, porque cando falamos ninguén nos quixo escoitar. Durante séculos oíronse nos aires de Galicia millóns de palabras que non tiñan ningún significado. As palabras nunca deixaron de fluír. Quen as dicía non podía dicir nada, porque non tiñan nada que dicir. Con todo nunca deixaban de falar". "Como non podían falar de nada nin de ninguén, en realidade só podían falar de si mesmos. Eles falaban porque eran sabios, e por iso sabían cal era o xeito correcto de falar"... segue o texto.
O libro pode provocar o riso, ou polo menos o sorriso, nalgunha das súas 191 páxinas, aínda que o obxectivo do seu autor vai máis alá da diversión: é suscitar a reflexión. "Ríome, primeiro, de min mesmo, de nós os intelectuais", subliña.

2 comentarios:

apicultor dijo...

Non sei eu, habería que lelo, digo.

Falcatruán dijo...

E tanto, como todo o que escrebe Bermejo.