10 feb. 2010


Palabras etéreas e galeguismos aurienses
Afonso Vázquez-Monxardín
La Región:09-02-2010

Téñolles moita lei á veracidade das palabras que definen obxectos ou cousas da vida cotiá: carballo, viño, can, neno, sorriso, ponte, río, Ourense, cunca, libro. Pero debo desconfiar das palabras abstractas que definen grandes ideas, grandes construcións intelectuais ou ideolóxicas de nova, ou non tan nova, creación. En cristianismo, por exemplo, caben desde a Inquisición medieval aos curas guerrilleiros de Hispanoamérica, ou desde os telepredicadores estadounidenses á San Vicente Ferrer ou Santa Teresa de Calcuta, e perdoen que me adiante no santoral ao Papa pero as cousas da Igrexa van sempre moi lentas e eu, arestora, téñolles algo de présa. En socialismo aparecerían desde o bo de Tierno Galván ao demo de Stalin, ou desde o vello emperador Miterrand ao diaño nacional-socialista alemán, Adolfo Hitler. No paraugas da palabra nacionalista collerían desde o famoso pequenote ferrolán co seu ‘movimiento nacional’, ata a ETA por outro lado, co seu ‘movimento de liberación nacional vasco’. Así pois, as grandes palabras convén sempre matizalas, esmiuzalas, para explicar ben a que nos estamos referindo porque senón poden significar cousas distintas segundo a intención de quen fala ou mesmo de quen oe. Unha desas é ‘galeguista’. Si, grosso modo simpatizante das cousas de Galicia. Si, pero ¿que cousas? ¿Empanada, autonomía, Illa da Toxa, lingua, percebes, cantigas, independencia, paisaxes, retranca, clima, entroido, soá, termas de Outariz, botafumeiro? ¿Por que? ¿Para que? ¿Cando? ¿Como? ¿Con quen? Como non hai un tribunal do amor ou da simpatía, ninguén vai expedir carnés nin bendicir actitudes. Todo o máis, pode un ensarillarse en discusións pseudofutboleiras de o meu equipo é mellor que o teu, tan incomprensibles para os non interesado en fútbol como inútiles para o xogo do equipo.

Don Xesús Alonso Montero sempre insiste en que o Rexurdimento do século XIX salvouse en Ourense. Despois do ano marabilloso de 1880 no que Rosalía publica Follas Novas e Curros Enriquez Aires da miña Terra todo ía esmorecendo a non ser a visión de futuro do cego Valentín Lamas Carbajal cos seus libros e co xornal popular O tío Marcos da Portela. E pouco despois da morte de Lamas, en 1909, fúndase a Coral de Ruada da man do seu seguidor confeso Xavier Prado Lameiro, e, ollo, unha década e pico antes que a revista Nós. Prado Lameiro coa poesía ruralista e o seu fácil teatro civil e popular, impulsor orixinario das Irmandades da Fala en Ourense, tiña unha grande prédica entre a xente, semellante á desconfianza que cara a el amosaban os homes de Nós, precisamente por esa vocación non intelectual nin cosmopolita. Só a acción de Losada Diéguez, señorito conservador de pazo e carreira, logrou que Risco, Otero e Cuevillas ‘desembarcasen’ nas Irmandades de Ourense en 1918 e dirixisen o futuro do galeguismo ourensán e en boa medida o de Galicia.

Se cadra por iso, cando a guerra civil arrasou o tecido cívico do país, das poucas cousas ‘galeguistas’ que resistiron foron as iniciadas antes da época Nós. Entre elas, claro, a Coral de Ruada en Ourense. E aquí xúrdeme unha dúbida: ¿Soubo rentabilizar politica e culturalmente a dirección do grupo Nós a confluencia que se podía producir entre eles, elevados intelectuais galeguistas cosmopolitas, cos outros, simples galeguistas culturais populares que estaban na cidade actuando antes ca eles? Non o sei. Pero creo que algo fallou.

2 comentarios:

AVMF dijo...

Pídolles desculpas. A Coral de Ruada foi fundada en 1919, claro. A expo magnífica do Simeón feita por Ouvirmos non me podía deixar cometer ese erro, pero en fin, tiña a man un libro que me enganou nun dato sabido. En calquera caso, hai outras realizacións tamén anteriores -a continuación de O Tío Marcos da Portela, p. ex.- e moitas coetáneas de entrambas tendencias o que creo non lle resta validez ao meu argumento dunha dicotomía mal aproveitada.

日月神教-向左使 dijo...

成人論壇,080聊天室,080苗栗人,免費a片,視訊美女,視訊做愛,免費視訊,伊莉討論區,sogo論壇,台灣論壇,plus論壇,維克斯論壇,情色論壇,性感影片,正妹,走光,色遊戲,情色自拍,kk俱樂部,好玩遊戲,免費遊戲,貼圖區,好玩遊戲區,中部人聊天室,情色視訊聊天室,聊天室ut,成人電影,成人遊戲,成人文學,免費成人影片,成人光碟,情色遊戲,情色a片,情色網,性愛自拍,美女寫真,亂倫,戀愛ING,免費視訊聊天,視訊聊天,成人短片,美女交友,美女遊戲,18禁,三級片,自拍,後宮電影院,85cc,免費影片,線上遊戲,色情遊戲,日本a片,美女,成人圖片區,avdvd,色情遊戲,情色貼圖,女優,偷拍,正妹牆