pan e coitelo
O decretazo do galego sen apoios educativos
13.04.2010 (El Correo Gallego)
XOSÉ MANUEL SARILLE ESCRITOR E PROFESOR
Cando Fraga Iribarne era candidato a presidente da Xunta de Galicia, tanto el como moitas persoas do mundo da cultura decidiran encontrarse. Os motivos para facelo eran moitos. Pola banda do oficialismo cultural predominaba o temor a que o vello ministro franquista desfixese o camiño andado desde o comezo da democracia en cousas de identidade e idioma. Pola do pretendente era asunto de prudencia conectar co saber galeguista, porque hexemonizaba, igual que o fai agora, as artes, o coñecemento, a idea de Galicia e moitos dos seus horizontes.
O galeguismo ten un prestixio e unha lexitimidade, conseguidos ao longo do tempo, que un presidente non pode publicamente desprezar, e menos desperdiciar. Tal vez fose un asunto oportunista, mais Fraga con aqueles contactos soubo envolverse na bandeira galega e mesmo, paradoxos da vida, crear un certo modelo, moi incompleto e circunstancial, que supuña falar de autoidentidade galega e facer certas propostas normalizadoras do idioma, puramente utilitarias, iso si, mais que axudaban a engraxar o PP por ese lado.
Fraga neste asunto non foi un temerario e buscou acordos, que valeron para que a lingua fose esmorecendo lentamente, sen tratala a patada limpa, como na actualidade.
Existe un principio universal que todos os acervos recollen, segundo o cal as palabras dos que saben deben ser escoitadas e reflexionadas, mesmo se nese momento non son entendidas. Dito doutro xeito, as palabras das academias, dos consellos, dos grupos de escritores, dos pedagogos, dos ensinantes, e dos sabios se houber, han ser tidas en conta, porque esas xentes non teñen como deber seguir o criterio maioritario, pero desenvolven tarefas decisivas, que a xente civilizada acepta e entre eles, naturalmente, os presidentes elixidos en democracia.
O decreto para a lingua galega do actual PP carece de apoios, e cando este presidente ve como lle minguan aceleradamente os poucos que lle quedan, insiste na trampa: a de converter o progresivo avance da lingua galega, imperativo por lei, en circunstancia politiqueira. A de engordar este disparate, ao servizo do seu interese privado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario