29 may 2010

Ante as innumerábeis mostras de afecto e solidariedade con Marcos, dentro e fóra do blog, de seguido van ir unha serie de tres textos a modo de lembranzas que este preparou ao longo dos pasados meses.

ROSEBUD
I Parte

por MARCOS VALCÁRCEL

Os nenos xogaban coas canicas de cores no parque de San Lázaro. As veces collian as bicicletas e ían ata Alongos (os pais non o sabían), dando conta dalgunha cerdeira que asomaba o camiño.
No colexio o neno estudaba con facilidade e ampliaba os seus libros con datos sacados das enciclopedias. Anos de descubertas. O primeiro bico adolescente nun portal. Fortes conviccións relixiosas, con don Digno e o movemento xuvenil Junior. Pouco despois, o meu primeiro traballo "político” foi buzonear un manifesto contra monseñor Temiño de Cristiáns polo Socialismo.
Gustábanme os tebeos: Zarpa de Acero, Hazañas Bélicas, Capitán Trueno e O Jabato. Ós catorce anos lin A Odisea, A Ilíada, A Divina Comedia, o teatro de Shakespeare.
En música pasamos de Adamo e Roberto Carlos a Bob Dylan e Paco Ibáñez. Nos guateques arrasaba Simon e Garfunkel e fomos ver a unha discoteca a Patxi Andion.
Vivín o meu persoal “arredor de si” nos quince anos: as misas en galego no Santo Cristo, a Coral de Ruada, a imaxe de don Ramón Otero Pedrayo cruzando a Praza do Ferro, os cursos da Auriense, a chegada ó instituto e a personalidade fascinante de Bieito Iglesias. Ás sete da mañá entrenaba a natación no Pavillón e abríase unha xornada chea de posibilidades.

12 comentarios:

calpurnia dijo...

Ánimo

arume dos piñeiros dijo...

Simon and Garfunkel son grandes, amigo Marcos, moi grandes. Deostados durante un tempo por brandos, teñen unhas cincuenta cancións inesquecibles: para ese xeneroso escribiente, Old friends.

Xosé M. González dijo...

O mar, o barco e mais ti.

Xoan da Cova dijo...

¿A actuación de Patxi Andion fora na desaparecida discoteca "Cumial"? . Porque nesa tamén estaba eu, pero debéu de ser nunha época posterior,principios dos oitenta, posterior por o que se ve ó resto das lembranzas.
Lembro que cantara nos bises esta:MARIA

Xoan da Cova dijo...

As cereixas na carretera de Alongos son das primeiriñas. Maduran xa no Maio.Daba gusto velas, encarnadiñas, empericoutadas no alto das cerdeiras. Eu apañaba as das gallas baixas, e escapaba a correr dando pedal coma un fuego na BH. Coas carabuñas faciamos munición pra unha especie de "cerbatanas" nas que convirtiamos calquer tubo estreito. As neñas colgaban as cereixas nas orellas, por o rabo, e decian que eran "pendientes".
Os vellos decían que as cereixas se conservaban mellor si levaban algo de follas .Tamén decían que non comeramos moitas, que facían mal ao bandullo.
As cerdeiras son moi falsas, anque non tanto coma as figueiras. As gallas poden partir de xeito bastante imprevisto. Igual non racha una estreita, coma racha unha grosa. Na aldea, raro era o vrau que un par de veciños non partían algunha costela por andar nas cereixas. Subir ás cerdeiras era cosa de rapaces, os vellos "arrebolabanas" cun pau desde abaixo. Eso de "arrebolar" duas cureixas cun pau groso... si o chegar a analizar o Freud...


Rebola o pai/ rebola a nae /rebola a filla// eu ramén son da familia/ tamén quero rebolare/

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Cereixas as de Corullón. Non sei se aínda as venden a carón da estrada de Ponferrada a Vilafranca ou mesmo subindo pola veiga de Valcarce arriba, como antes, camiño de Galicia. Ou camiño de Castela, mellor, porque refrescan e vai un verán adiante co sabor delas ata Burgos máis ou menos.

Xosé M. González dijo...

Son parcial da froita que os bercianos van vender nas feiras de Becerreá. Ora no tocante a cereixas o que máis me chama -probable reflexo da infancia- son as que veñen directamente da cerdeira; con pau, xaora.

Figos si que xa non. Foi probalos a primeira vez da árbore e decidir que era cousa demasiado verde; os pasos, por Nadal, xa era outro asunto. Ourensáns sobre todo, supoño que lerían "A arrasadeira" de Blanco Amor; por certo: furgando din con isto.

Xosé M. González dijo...

Para quen persiste na navegación, o meu agasallo musical. Teñan moi boa fin de semana.

lobo-moucho neghro dijo...

Ás sete da mañá, meu deus! que fortaleza. Eu son nocturno. Mouchos e lavercas, non hai máis. Tocoume ser moucho, lobo-moucho. E o fillo vai e sáleme castelánfalane e laverca.

Anónima dijo...

Precioso agasallo musical.
Como eu non domino ben este trebello, non podo enviar, para entrar directamente, a que eu acabo de escoitar.
Por si a alguén lle interesa, trátase de "Sailing" de Rod Stewart, en youtube musical.
Feliz día, tamén.

XDC dijo...

O Capitán Trueno era o meu, e inda hoxe penso que lle gañaría ao Jabato e ao Tarzán nunha loita. Loita que non é imposible, porque no mundo do comic son posibles as viaxes no tempo.
No "Club de Natación Pabellón de Orense" (CNPO) estaban as rapazas máis guapas...

XDC dijo...

Ás canicas moito xoguéi eu, anque nós chamábamoslle "bolas".
-"Cola y rei de veras"
-"Vou sacar a cháfora"
-"Mido"
-"Con vuelo"
-"Paga bola".