18 nov. 2010






A CARBALLEIRA E OS IRMANS MARX
Marcos Valcárcel

Benqueridos compañeiros
Grazas a todos e todas. Por todo.
Dos 50 primeiros anos da miña vida, días de plenitude, pasei 25 nesta casa. Por iso a Carballeira segue moi viva nos meus recordos.
Sobre todo a nosa tobeira de Humanidades. Mila e Pilar debaten con Esther e Uxía sobre lingua e literatura, Marina e Joaquín aclaraban dúbidas de Inglés. Nos ordenadores, Pilar a filósofa de garda, Xabier o historiador e Marcos fochicando no blog coa axuda de Xulio o informático. Por alí andaban Rosa de francés e a outra Rosa cos mitos odiseicos e sumábanse ó faladoiro María José, Delia, Sara, Emilia e Angeles. E logo aínda chegaba Fidalgo con quilos de apuntamentos e fotocopias. Aquilo semellaba o famoso camarote dos irmáns Marx.
Lembro as longas conversas con Afonso Salgado, Manolo Míguez, Emilia, Sara, Uxía, o santiño de Pascual ou con Paco Bordas, quen, malia as nosas diferenzas ideolóxicas, pagaba sempre o cafés.
Lembro hai moitos anos un cortexo fúnebre de antroido, eu de crego á cabeza, que non gustou ós poderes fácticos. Ou aquela revista dos alumnos que eu coordinaba e que foi censurada por un artigo dunha alumna sobre sexualidade; a min sometéronme a un interrogatorio cos varios cregos do instituto (excelentes persoas por outra parte). A cousa non era para tanto: semanas despois a Xunta de Fraga publicaba ese mesmo artigo nos xornais.
Lembro as actividades extraescolares, os xogos matemáticos, os recitais do Liceo e os intercambios: nunha ocasión, convidado por Luís Sérrano, acompañeino cos alumnos gregos nun roteiro polo Ourense histórico. Lembro os claustros con Carlos e Vicente, cheos de discusións e emotivos, con Felipe e Marga como críticos asiduos, e o día que o director chorou pola marcha dos profesores de automoción, metal e electricidade.
Lembro os días moi felices co coro de Xabier e os compañeiros que cruzaron a derradeira fronteira: Eloy García, Bonifacio Borreiros, Antonio Prada, Javier Randulfe. Hai meses este último, sen saber eu do seu mal, agasalloume cunha colección de orixinais da revista Nós que pertenceu ó seu pai, o histórico galeguista Angel Martínez Doval.
Tamén os alumnos están nas miñas lembranzas de todos os días. Deixaime simbolizalos a todos na xeración do Prestige, aqueles que fixemos unha cadea humana desde a praia de Muxía. Boa xente abofé.
Nos últimos anos recibín varias homenaxes como a Medalla Castelao ou o Premio Otero Pedrayo. Pra min este recoñecemento de hoxe, que une o meu nome ós libros, éncheme do mesmo orgullo e gratitude.
Grazas a Juan Quíntana por transcribir este texto e a Benito Losada, un dos meus mellores amigos, por ler estas liñas.
Grazas a todos e todas.

P.S.: grazas ós compañeiros, alumnos e amigos que puideron asistir. Dedicado tamén a Eva Robles e José Manuel, hoxe en Valdoviño, que tan bos recordos deixaron na Carballeira.

11 comentarios:

Merce dijo...

Noraboa novamente Marcos, e miro esas fotos e lembro cantos profesores me diron clases e algunha horiña que botei na biblioteca estudando (ainda que as veces escaparamos de cara a cafeteria ;) cousas de rapaces...)

Noraboa e graciñas por aturarnos dun xeito tan paciente, xovial, aberto e instructivo.

Unha grande aperta dende un recuncho ourensan que hoxe encheuse de moitas lembranzas.

Unha ex-alumna.

Xosé M. González dijo...

Tanto gusto sempre de velo, mestre. E de lelo.

Nerea dijo...

Non sei porqué cada vez que entro nesa biblioteca do instituto acordome de Marcos,será por tantas horas pasadas na biblioteca contigo?Os alumnos estámos moi agradecidos por todo o aprendido con vostede,por ter tanta paciencia con nós e ser tan bó profesor e como non unha grande persoa,sempre facias as clases tan levadeiras que en galego nunca nos aburriamos,só me diches clases un ano pero foi o mellor ano de clases de galego.

Unha aperta moi grande e noraboa por esa biblioteca que leva e levará sempre o teu nome.

Anónimo dijo...

Найти лучшее: скачать jetaudio 7.5.4.20 plus vx rus 52 мб

The Maister dijo...

Noraboa. Foi unha pena que non me puidera achegar polo instituto.

Canta xente hai nesa foto que me deu clases.

Tamen, 11 anos que estudiei ahi deron para moito. Jeje.

Un saudo.

Lobo neghro dijo...

Marcos seguimos eiquí.
Gostaríame verte, pero dependo de Monxergas...xa lle-lo teño dito...cando poidamos aparecemos.
Unha grande aperta.

sam rock dijo...

Unha forte aperta, Marcos, e outra pra Benito. Foron moitos e bos os momentos compartidos na vella Auria.

Roque

apicultor dijo...

Un dos mellores premios recibidos con toda xustiza por Marcos, sen ningunha dúbida.

Unha gran aperta!

Roberto Vázquez dijo...

Alegreime moito da noticia. Fun alumno seu e gardo un bo recordo. Tamén coñecín ó seu avó Benxamín, xa que nacín e crieime en Ervedelo. Aínda o recordo como unha persoa entrañable. Era o seu avó e para min era o "avó de Ervedelo" cando eu era rapaz. Os meus pais viviron na sua casa en aluguer. Teño que dicir que he unha gran satisfacción leelo de novo. Reciba unha grande aperta. Seguirei atento "as uvas na solaina".

Roberto Vázquez

Anónimo dijo...

Por casualidade... descubrín o blog do que probablemente fose o mellor profesor que tiven na miña etapa estudiantil na Carballeira... Nese instituto, (para moitos o peor da cidade naquel entonces) puidemos demostrar entre profesores e alumnos, que con esforzo, entusiasmo e traballo, o prestixio e o recoñecemento conseguímolo cada un de nós, cos nosos propios feitos...

E xa cando estaba nesas clases de galego, hai uns sete ou oito anos, sentíame afortunada de ter a oportunidade de que alguén tan brillante e coñecedor da cultura galega, ti Marcos, nos transmitises con tanto entusiasmo e humildade... parte dos teus coñecementos...

Por iso considero, que todas as homenaxes que che puideran facer, son poucas... Merécelas todas e moitas máis... Por todo o que loitaches por esta nosa cultura, xa formas parte da súa historia.

Unha grande aperta dunha alumna que non recordarás, pero que se sinte moi orgullosa de poder decir que alguén da categoría de Marcos Valcárcel lle ensinara toda a historia e cultura galega que agora sabe.

Vanesa Fernández Padrón (a que un día tivo a ocurrencia de pensar que os invidentes, cun bastón cun vibrador na empuñadura, terían menos dificultades na súa andaina pola vida...).

Eva Robles dijo...

No noso caso non foron 25, pero 9 xa foi unha cifra importante. Cheguei recen licenciada, con un L no meu coche e 24 anos. Compartín no centro momentos significativos, a oposición, logo casamos, e cando naceu Iria, recordo o comentario “Como unha nena tan pequena e tan feitiña podía ser igual a un home tan moreno e tan barbudo”.
Xa case van outros tantos en Valdoviño, pero aínda así, estou pendente das cousas que pasan, manteño contacto co meu gran amigo Xulio, con Rosa, e case todos os veráns dou un paseo pola praia con Antolín. Eles infórmanme das cousas, das xubilacións e tamén de algunha non tan boa.
As “manis” , tamén nos serviron para ver a Carlos Varela e a Pascual (disto teño documento gráfico), xa que non serviron para que os políticos escoiten, foi un pracer volver a ver a estes compañeiros. Coincidín tamén con ( Luís Serrano, Juan Blanco e Chus Fraga), en setembro.
Gústome moito, ver esta foto na que aínda case todos son coñecidos, saber que aínda vos acordades de nos, tamén ler as anotacións dos antigos alumnos,..Unha aperta para todos e en especial para o departamento de informática