7 abr. 2010

Calidade da democracia
MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO
Galicia Hoxe, 07.04.2010

Dígame vostede que políticos de calidade temos e eu direille que democracia de calidade nos toca vivir. Ou dito doutro xeito: a calidade dos partidos políticos condiciona a calidade da democracia. ¿E cal é a opinión maioritaria que latexa na sociedade sobre a política e os políticos? Como di Leonardo Morlino, profesor no Instituto Italiano de Ciencias Humanas de Florencia, unha boa democracia é, antes de nada, un réxime amplamente lexitimado e, polo tanto, estábel, do cal os cidadáns -e isto é, aos efectos, de suma importancia- están plenamente satisfeitos. O filósofo Daniel Innerarity, Premio Nacional de Ensaio, opina que a calidade democrática española é moi baixa e que a axenda dos temas políticos é moi superficial, pois todo se resume, segundo o seu punto de vista, nunha especie de axitación arredor dun "antagonismo dramatizado". Vexamos a personaxe política Esperanza Aguirre, por exemplo, interpretando o seu papel no grande escenario político madrileño: a loita permanente polo poder, partenaires conflitivos, os sempre inimigos a bater, o embigo político propio oportunamente exhibido e un formidábel coro mediático que forma parte activa do espectáculo. A calidade democrática madrileña resúmese nun puro protagonismo e antagonismo dramatizados, e a política real e práctica brilla pola súa ausencia. ¿E en España no seu conxunto? Son moitos, e cada vez son máis, os analistas -lembremos, por exemplo, a campaña electoral das Xerais do ano 2008 e, entre nós, a última das nosas Autonómicas- que coinciden en afirmar que a calidade da democracia en España é pésima e que non se cumpren algúns dos requisitos básicos para que o sistema democrático exista plenamente e sexa recoñecido como tal. Se se levase a cabo un estudo serio, cousa que non se fai, sobre as calidades democráticas existentes no Estado español, o resultado, sen dúbida, sería decepcionante. E nunca se debería chegar a aquilo que, incrédulo, abesullaba Borges. ¿Democracia? "Una superstición muy difundida, un abuso de la estadística".

6 comentarios:

Apicultor dijo...

Coido que non hai ningunha democracia na que os cidadáns estean "plenamente satisfeitos", como di -erroneamente ao meu ver- Fernán Vello. Tampouco creo que Morlino diga exactamente iso, cando menos nos termos que Fernán Vello pon na súa pruma.

O asunto da "calidade" das democracias é algo capital e ten dado lugar a estensas discusións entre os especialistas desde hai moito tempo. Desde logo, un dos seus elementos fundamentais é a calidade dos políticos e gobernantes.

Estaría ben que, alén do caso madrileño, se fixese máis fincapé na calidade da democracia en Galicia. Habería moita tea que cortar, penso eu.

Loureiro dijo...

-Frases carcas como "todos os políticos son iguais".
-Sorrisos ao saberen os roubos dos políticos.
-Monxas que levan a anciáns con alzheimer a votar co sobre na man.
-Cregos que fan propaganda política dende o púlpito.
-A famosa frase "¿e como vai o meu?".

Unha medida sinxela: obrigar a todo dios a entrar na cabina para escoller o voto. Simplemente iso. Que ninguén dispoña das papeletas de voto antes das eleccións, e que soamente estén dispoñibles nas cabinas.
A democracia faise con pequenos xestos.

Son eu dijo...

Se non me equivoco, señor Loureiro, iso da cabina creo que é norma inexcusable en Italia. Polo menos, un meu amigo italiano así mo asegurou, escandalizándose moito de que en España non fose así.

E xa ve...

ms dijo...

Mentres que sigamos con este sistema politico (turnismo bipartidista da terceira restauracion borbonica), cunha Constitucion que non se cumpre ("derecho a una vivienda digna", etc), cunhas leis que non condenan con dureza os casos de corrupcion economica, urbanistica, etc., e cunha prensa e television ao servizo dunha ou doutra ideoloxia politica (PP ou PSOE), EU PASO DE VOTAR. E COMA MIN, MOITAS PERSOAS QUE COÑEZO.

JR dijo...

A crise de confianza nos politicos mina a democracia. Por mais que se ornamente o discurso, por mais que se bautice unha nova suposta civilización de empática se as prácticas dos políticos apuntan cara o coorporativismo a inmunidade e o cinismo, o credito nas súas promesas medrarán en proporción inversa aos seus feitos.

O curioso é que a democracia pode funcionar con graos moi altos de desconfianza nos seus políticos.

Cando o ambito xudicial está moi polítizado a mesma corrupción convirtese nun elemento mais do xogo político. A finalidade pode ser entón gañar unhas eleccións denunciando a corrupción nun partido, pero non sanear a política de corrupción. A corrupción é así instrumentalizada politicamente e pasa a ser un elemento mais de intercambio no sistema político.

Unha sociedade espectacular sempre terá un público capaz de asombrarse ruborizadamente ante a corrupción como se fose unha primeira vez, cando xa é moeda acuñada e de acelerado intercambio.


En Galicia chama a atención, o pouco en que quedou a corruptela das dietas polos viaxes. Que curioso!, un fino veo primeiro e logo un frondoso telón tecido entre os políticos retirou da vista dos cidadáns nun caso cutre e quincalleiro que podería osixenar un pouco a confianza nos nosos escualidos horizontes políticos.

Loureiro dijo...

ms dixo que "el pasa de votar".
Esa é a outra frase tras da que se escudan os carcas de sempre: ¿par qué ides votar, se non cambiaredes nada?

Calquera que faga caso a iso, caeu na propaganda carca. É unha pequena variante de "todos os políticos son iguais".

Sou eu: se é vostede, permítame dicir que porque a democracia italiana teña outras chatas, non imos dicir que TODAS as cousas que fai estan mal. Esa, en concreto, está ben. Non é a panacea, por suposto, como non é a panacea que os políticos declaren as súas propiedades, pero é un pasiño na dirección correcta.

A democracia hai que traballala cada día. Algo que algúns revolucionarios de cátedra de universidade esquecen a cotío.

Saúdos.