ANDOLIÑA
Autonomía: no faiado da memoria
Ademais de ver a Francisco Vázquez falando en galego en prol dun Estado federal, houbo máis imaxes sorprendentes na serie de TVE-2 sobre a historia da Autonomía galega. Velaí a Francisco González Amadiós, un dos líderes do PSOE galego naquela hora, defendendo o "Estatuto da aldraxe" da UCD cando se decidiu liquidar a proposta do Estatuto dos 16. Co tempo, o propio Panchulo, hoxe xa falecido, ingresaría no BNG e sería moi crítico coa estratexia socialista. Desapareceron da escena política outros nomes como Fernando Solla, do Partido do Traballo de España, ou mudaron de papel outros como Avelino Pousa Antelo, daquela (1978) na cabeza do Partido Galeguista.
O documental amosou tamén a indiferenza das bases sociais que se mobilizaron o 4 de decembro de 1977 pero desapareceron logo do escenario. Así, o Día Nacional de Galicia, no Obradoiro, 25 de xullo de 1978, apadriñado pola Xunta e case todos os partidos, foi un fracaso de asistencia (as imaxes non menten), mentres o BN-PG, oposto entón á autonomía, ateigaba a Quintana e vencía simbolicamente naquela loita de manifestantes. Que sucedería se fose adiante o Estatuto dos 16, que impulsaban o POG, PCG, PTE e PG? Iso xa nunca o saberemos...
(Cartel de Luís Seoane para a campaña do Estatuto de 1936. Castelao, Seoane e Camilo Díaz Baliño aportaron a súa arte á causa do galeguismo republicano, con deseños de gran excelencia e eficacia).
3 comentarios:
Amigo Marcos, noraboa por esta iniciativa na rede. Magnífico o traballo de Agustín Díaz co arquivo de TVE-G. Imos ver agora que pasa cos compañeiros dada a eficacia "liquidadora" que bule polos Madriles cando o problema de TVE está alí, e non na "periferia" ou "provincias" como adoitan aínda dicir.
Saúdos cordiais desde Cabo Verde, deste ourensan do mundo.
Luís Menéndez.
Graciñas polos parabéns. Seguro que, ti sabes ben diso, os problemas da TVE non están na periferia. Pero con esa excusa vanse cargar cunha das poucas fiestras do galego nos medios de masas: mesmo se miramos cara os inicios da autonomía, dá a sensación de que imos perdendo espazos públicos para o galego. E a TV é básica neste aspecto.
Unha aperta auriense, Marcos.
Ti mesmo o dixeches: Francisco Vázquez falando en galego e a prol do federalismo. Se a isto lle engadimos a un Pedro J Ramirez defendendo o dereito de autodeterminación de Euskadi... Mudam os tempos, mudam as vontades (Camões).
Publicar un comentario