Xosé Manuel Beiras, Galego EgrexioO pasado sábado a Fundación Premios da Crítica de Galicia acordou nomear Galego Egrexio ao catedrático de Estructura Económica da Universidade compostelá, Xosé Manuel Beiras. Sabia decisión dos amigos do Premio da Crítica e sabia a escolla do lema "Pensar+facer: país", pois iso mesmo é o que fixo Beiras ao longo da súa dilatada vida. Pensar o país, facer o país: elaborar o pensamento necesario para entender a nosa Terra, poñer as pezas imprescindíbeis na acción para que ese soño se fixera algún día realidade. Quizais non viviu a mellor das épocas para gozar da plasmación práctica dese Pensar e Facer, pero o futuro recoñecerá en Beiras un dos chanzos fundamentais da Galiza contemporánea.Aproveito para dicir que non me gustan nada as comparacións que se fan estes días, sobre todo por certos xornalistas, entre Beiras, Fraga e Francisco Vázquez, presentándoos aos tres como políticos en retiro e dunha mesma caste. Admito que os tres foron políticos de peso, pero pouco máis. Fraga foi un ministro do franquismo que se axeitou á nova realidade sen formatear o seu disco duro e iso evidenciábase cada vez que abría a boca, por exemplo, para falar das mulleres e dos homosexuais. Francisco Vázquez era un avogado laboralista ao que o mesmo Beiras recomendou nunha ocasión como un dos futuros líderes do PSOE galego, nos inicios da transición e cando este partido non tiña votos nin cadros políticos: o que veu despois é ben coñecido e non é o perfil que se identifica cun político de esquerda e, moitísimo menos, cun político comprometido co seu país, Galiza (el xa non admitiría esta fórmula: o seu país é España, a poder ser con acento inglés). E Beiras, con todas as súas luces e sombras, como calquera figura pública, é, sen dúbida, OUTRA COUSA.(Caricatura de Gogue)
6 comentarios:
Lamentándoo moito, non comparto tanto fervor beirista de tanta xente. Foi importante, si. Tivo transcendencia política nun momento determinado, tamén. As súas "ideas" son claves e imprescindibles para a Galicia do futuro, pois moito me temo que NON.
En primeiro lugar, parabéns polo blog.
O fervor beirista tampouco é xa tan frecuente. Noutro tempo si que era valorado por xente de todas as ideoloxias.
Mais que as ideas, penso que a sua prática política e a de moitas persoas mais (e por simplificar demagóxicamente), levou ao BNG das catacumbas ideolóxicas e sociais ao governo galego.
Uma aperta. Saúde e beiras.
Graciñas polos parabéns. Respecto a Beiras, falaba eu do seu papel histórico (que tanto "anónimo" como galeidoscopio recoñecen) e da comparación que se está a facer en certos medios Fraga-Fco.Vázquez-Beiras. Para min é unha simplificación inxusta. As súas ideas non son claves e imprescindíbeis para construír a Galiza do futuro? "Anónimo" pensa que non, con toda lexitimidade. Pero Beiras está hoxe retirado ao plano de reflexión teórica (véxanse os seus artigos dominicais en "Galicia Hoxe") e tampouco vexo eu que sobren alternativas de reflexión teórica desde o nacionalismo galego. Por outra parte, Beiras impregnou co seu pensamento, ao carón doutras adherencias, a praxe política do BNG entre 1982 e 2005, xusto cando o BNG chegou ao goberno. E tampouco vexo eu un traballo de reelaboración a fondo dos esquemas ideolóxicos do BNG e do nacionalismo, cando menos explícito. O pensamento e as aportacións de Beiras son discutíbeis, como todo, pero non vivimos nun país tan sobrado de cabezas pensantes como para "xubilar" xa a Beiras mesmo como intelectual nacionalista. De todo isto, supoño eu, haberá que falar tamén no futuro.
Coma sempre, é vostede moi magnánimo con todo o mundo, Marcos.
Iso hónrrao, pero tamén, parécemo, lle impide ser máis crítico, dito sexa con toda a cordialidade.
E é, de certo, moi magnánimo chamarlle "reflexión teórica" aos artigos de Beiras en "Galicia hoxe".
Na miña humilde e falible opinión, pouco máis son que unha mostra máis da súa retórica archisabida que adubia como fogos de artificio un pensamento oco e reiterativo, e que é moi limitado en canto a un coñecemento cabal das novas tendencias críticas no plano mundial.
Está ben admirar, pero a admiración nunca pode ser unha adurmideira.
Isto é o que penso, con toda cordialidade e verdadeira admiración por vostede, amigo Marcos.
O própio Beiras en Láncara fixera uma clara autocrítica.
Na sua longa marcha, Vázquez inaugurou uma rua co nome de Camus (no que, dixo el, coincidiria co Beiras). O motivo foi que a sua nai fixéralhe un agasalho (non sei se aos 14 ou 15 anos): O estranxeiro (que, segundo declarou, "non o entendin. Despois xa lin A peste e ese xa o entendin").
As semelhanzas con Fraga Iribarne poderíanse estabelecer pola caréncia mútua de verdadeiros fundamentos democráticos.
Referíame às semelhanzas entre Fraga e Vasques.
Publicar un comentario