Celebrouse onte o Día Mundial da Poesía con actos en diferentes lugares de Galiza e do mundo. O PEN Clube galego convocou unha cita moi relevante en Compostela (Antonio Gamoneda, Xosé Luís Méndez Ferrín, António Salvado, Xoana Torres) na que se leu a seguinte mensaxe, que paga a pena reproducir:
Mensaxe de Koichiro Matsuura (director xeral da UNESCO) no Día Mundial da Poesía
O mundo cambia constantemente, no tempo e no espazo, día a día e dun lugar a outro. Os seres humanos non somos a excepción, porque tamén estamos en perpetua transformación.
Para empezar, a nosa vida individual é un exercicio de adaptación. A través das colectividades, os pobos e as sociedades, as culturas e as civilizacións cambian ao longo da Historia. Os seres humanos somos axentes dinámicos do cambio: transformamos o noso entorno e, ao facelo, transformámonos a nós mesmos, poñendo así en tela de xuízo a noción sinxela dunha natureza humana fixa e inmutábel. Sen embargo, a condición humana persiste con tenacidade e cando, a través do tempo e a distancia, nos recoñecemos noutros seres e eles recoñécense en nós, non estamos á vez recoñecendo que algo permaneceu? Hai algo que poida dar razón simultánea do cambio e a inmutabilidade?
Por suposto que si. Ese algo é a poesía. As nosas linguas son, por suposto, diferentes, como diversos son os xeitos en que colocamos as palabras, frases e oracións, así como a forma e a métrica dos nosos versos. Pero a través dos seus modos e ritmos múltiples, a poesía remítenos ao diálogo entre o cambio e a permanencia na vida mesma.
Mediante a linguaxe, expresamos as nosas distintas crenzas, valores e experiencias. A pluralidade dese río de identidades constitúe a humanidade. A poesía é unha ponte entre persoas e grupos, que nos axuda a comprendernos mutuamente e a entendernos a nós mesmos. A poesía expresa - ás veces de forma sinxela, outras con fonda complexidade- os nosos temores, esperanzas, arelas e presentimentos. Nas súas máis eximias manifestacións, a poesía é capaz de revelar verdades que captan a esencia da nosa común humanidade e a súa beleza lémbranos os cumios artísticos que a especie é quen de acadar.
(Imaxe: retrato dunha xove, de Besnard Paul Albert)
PAISAXES CON MÚSICA
-
Paisaxes con música
de
Emilio Blanco "Milucho"
Someday Soon (1977)
Firefall
Hace 2 semanas
8 comentarios:
Pois síntoo moitísimo. Onte escribín con demasiadas presas varias cousas e xuraría ter visto unha nota con ese apelido, que tamén me estrañou, pero quizais o soñei. En calquera caso, debín contrastalo: no blogue ten doado remedio, no xornal escrito xa non. Graciñas polo aviso.
Comprobando o meu correo, obsevo que o ditoso Tamagochi viña no nome dun documento que me enviaron co discurso. Esa foi a raíz do meu erro: aínda que isto non me pode excusar tampouco.
Vaites, ho. En bo lío te meteron estes "informais" co ditoso documento.Todo é culpa do aburrimento, das horas á intemperie na oficina, dos ríos de auga que asolagan os rueiros da pétrea cidade.Éche culpa de Gamoneda, do Ferrín, de Xohana, de Salvado...Mais non te preocupes, estas cousas pasan.Apertas, amijo.
Ondiá!!! pois si que é unha boa metedura de pata....!!! Menos mal que só se decatou do erro o estalote. Aínda que tamén habería que pensar algo: Se ninguén se decatou do erro pode ser por dúas cousas.- 1)Porque nin deus le o Galicia Hoxe.... ou 2)porque nin deus saber como se chama o tal Director da UNESCO...
A min non me parece ningunha metedura de pata. Marcos Valcárcel como calquera ser humano ten os seus "fallos", se se lle pode chamar fallo a un exceso de confianza. Para min o ourensán é unha das persoas máis rigorosas e eficientes que coñezo.E xógome o pescozo a que o asunto é totalmente alleo a el.Así que a freir espárragos, xaba-rring!.Ah, se podes, de paso, le un pouquiño máis e opina logo cando os artigos de Marcos (a inmensa maioría) son de verdadeiro mestre.Así esfumaráseche ese ar sospeitoso.
Graciñas, fisterrán. Todos somos humanos e capaces de errar: ese é o noso límite e tamén a nosa mellor esperanza. Un mundo de seres perfectos non sería demasiado agrádabel, quizais. En fin, mirarei con lupa nas miñas próximas citas de nomes xaponeses (no fondo, o erro ata foi simpático e se lle serviu a alguén para rir un pouco, que lle preste).
Fisterran, metedura de pata é. O que si teño que dicir é que ninguén puxo en tea de xuicio a valía de Marcos, como tamén teño que dicir que sei que é unha persoa moi rigorosa, que parece que és ti o único que segue a traxectoria profesional de Marcos. Pero como el mesmo dixo, ninguén é perfecto (grazas a Deus). Non atopei burlas nin "mal rollo" nos comentarios feitos, nin por min nin por quen se deu conta do erro.
Fisterrán.... amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale!!
Pois si que é ben gracioso o detalle este do Tamagochi. Eu non lera este post até hoxe, e é unha pena que Marcos xa o puxera ben aquí.
A verdade é que non temos, todos, nin a máis mínima idea do Xapón e dos xaponeses. Só que son baixiños, que fan folgas raras, que viven en pisos diminutos e que, cando veñen por aquí, veñen en récuas con cámaras.
Haberá que dicirlle ao Fernando da Marisol que nos conte algo, que para iso vivíu alí varios anos, amigo Marcos.
Publicar un comentario