14 mar 2006


O autor, contento coa súa bitácora
Así de contento maniféstase hoxe o autor desta bitácora, no seu miniartigo diario de "La Región" de Ourense:
PAN POR PAN martes 14 marzo
Pois xa ven, dende o pasado venres ando pola blogosfera. Non, non se asusten: non se trata de ningún territorio extraplanetario nin tampouco dun ataque de irracionalismo feroz que me levase a algunhas das múltiples sectas que andan polo mundo. A cousa non vai diso. Trátase, sinxelamente, dun espazo virtual, o de Internet, dende o que se comunican millóns de persoas todos os días: o meu currunchiño nesa inmensidade que mete medo leva un nome en homenaxe a Vicente Risco (http://www.asuvasnasolaina.blogspot.com/), que xa utilicei como cabeceira dunha sección semanal neste xornal hai uns anos. Montalo foi doado, cunha pequena axuda de Afonso Monxardín, e eu mesmo estou asombrado da acollida interactiva do meu blogue nestes dous primeiros días. Estou coma un neno cun xoguete novo, case tan contento como esta bailarina aquí ao carón, do artista arxentino Diego Manuel Rodríguez.

2 comentarios:

Ian dijo...

Que o blogmillo lle sexa ventureiro. Un pracer poder lelo no xornal e na rede.

Anónimo dijo...

Aproveito para darlle a benvida ó vizoso blogmillo. Pasarei por este curruncho para visitalo con frecuencia. Un saúdo.