26 mar 2006


PARA A HISTORIA DA MISOXINIA (Pan por Pan domingo 26 marzo)
A escritora Anna Caballé, autora de múltiples estudos sobre a muller e a literatura, vén de publicar unha Breve historia de la misoginia (Lumen). Libros coma este serven para comprobar, unha vez máis, que ata persoas intelixentes e creativas poden dicir babecadas xigantescas. Como Valle Inclán cando afirmou que “en la presente civilización no tienen nada que hacer las mujeres”. Ou Afonso X o Sabio, o gran poeta, que consideraba a muller “a confusión do home, besta que nunca se farta, perigo que non garda medida”. A misoxinia é consubstancial ao fascismo, velaí a Pilar Primo de Rivera: “las mujeres nunca descubren nada. Les falta, desde luego, el talento creador reservado para Dios a inteligencias varoniles”. A escritora catalana optou por unha “Breve historia” pero podería publicar varios tomos. E deles habería varios con opinións de santos e altas autoridades da Igrexa de todos os tempos.
(Imaxe do pintor David Alfaro Siqueiros)

8 comentarios:

Anónimo dijo...

Non lin o libro e, polo tanto, non podo opinar del. Supoño e espero que non caerá na superficialidade de espigar frases aquí e acolá e facer, sen máis, un comentario condenatorio, senón que explicará o contexto histórico que enmarca e "dá sentido" (ollo: dá sentido, non xustifica) ás concepcións sociais predominantes sobre a subordinación da muller.

Non sei, pero a min xa o título me dá que desconfiar: é demasiado publicitario.

Lembro que houbo unha polémica coa escritora e columnista Elvira Lindo. Tal autora queixábase de que interpretaba na súa literalidade as súas columnas dominicais de "El País", e a acusaba de reproducir roles negativos da muller.

Lindo pode gustar ou non (a min uns sonme entretidos, outros unha pesadez), pero os seus artigos dominicais están cargados de ironía e de humor (auto)crítico, e non creo que sexa unha misóxina.

Ás veces confúndense o que o escritor crea coa súa propia opinión. Non é xa o primeiro que é acusado de fomentar o asasinato porque na súa obra o protagonista sexa un asasino.

Pode dar vostede algún dato máis deste libro?

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois tampouco lín o libro, aínda que si bastantes referencias en diferentes medios a través de Internet: a nota que hoxe publica La Región é só unha glosa breve, non unha recensión crítica, claro. Á espera de mercalo, é probábel que teña algo de operación comercial (volume breve) pero non por iso debe ser menos serio. A autora, en calquera caso, é unha profesora da Universidade catalana, coordenadora da antoloxía "Contando historias.La vida escrita por mujeres", 4 vols., con textos de escritoras de todo o mundo e de todas as épocas (sabe, pois, do que fala) e autora tamén dun libro de entrevistas con Castilla del Pino (que non o deixa en moi boa posición, seica). E, en efecto, hai un apartado que critica non só a Elvira Lindo, senón tamén a Rosa Chacel e a Carmén Martín Gaite, entre outras autoras. Tamén lle da paus -xustificados- por misóxinos a F.Umbral (a autora escribiu antes un libro sobre este escritor) e á película Torrente... Por suposto, admito a diferenciación que vostede fai entre escritor e personaxe ou narrador literario, pero (aínda que antes a lía case sempre) o certo é que as columnas de Elvira Lindo hai tempo que deixaron de facerme gracia.

acedre dijo...

Muitas veces (mais das desexadas) os homes esquecemos que somos metade muller.
O cadro ese e marabilloso. Notase a tristeza da muller.
Un saudo.

Anónimo dijo...

Se isa biografía de Umbral é a que lin eu haberá cousa dun ano, máis que dunha gran biografía e dun gran libro, escrito non cunha pruma senón cun escalpelo e un bisturía, alternativamente,que o é, dende logo que o é, porque a verdade é que é un gran libro, trátase, máis que diso, dunha obra invadida por unha perversión dos fins que a animan, raiana no sadismo, estremecedora, que da unha idea (aproximada) de ónde pode chegar a mente humana unha vez disposta á executar alguén publicamente. Breogán nos libre dos idealistas ascéticos e dos uros de conciencia porque adoitan dar uns verdugos públicos e uns torturadores tan exquisitos como a autora daquela excepcional biografía. Así que se ista Caballé é a mesma...oido cociña que vai de vísceras. Comprobarei o dato e pedirei disculpas se o libro aquel non era desta.
Saudiña e que cante o cuco.
AC

Marcos Valcárcel López dijo...

Para "Usuario Anónimo (AC)": trala súa intervención quédanme as gañas de ler esa biografía de Umbral que, sospeito, será a feita por Anna Caballé. Umbral, que tivo mellores épocas que a actual (sempre para o meu gusto), tamén se ten despachado sen miramentos contra máis dun escritor de hoxe e de onte (lembremos o seu polémico Diccionario de Literatura ou o seu último libro sobre Cela). En fin, desta vez tocoulle, segundo vostede comenta.

Anónimo dijo...

A muller como besta, a muller como ser inerte e inepto para creación, e xa o que nos faltaba, a muller como confusión da civilización...en que estarían pensando aqueles, e o que é aínda máis indignante, AQUELAS, cando semellantes verbas dixeron ou escribiron! Pois do útero e da dor ensanguentada da muller saímos adiante, pois da resistencia e da capacidade dual de combinar casa, traballo e intelixencia aprenderon moitOs, pois de dar, dar, e dar, sen pedir nada a cambio, as fillas e as fillos engrandécense, acceden ao que lles rodea, pois da xenerosidade e do cansanzo infrahumano en tantas ocasións elas realizánse en nós...Sexamos alomenos agradecidos por cada alento que tomamos, porque a elas lle debemos a vida, porque elas por nós dan a morte. Aínda queda moito por loitar, porque a muller aínda no mundo segue a sufrir a ablación fñisica, e o que é peor, espiritual e psíquica. O noso talento, tantas veces negado, non o merece.
Bicos de Yoli ourensá para ti, Marcos, moi bo o teu Blog! E por certo, non coñecer "un simple apelido", en absoluto rebaixa o teu gran nivel de cultura, que moitos quixeran.....

Anónimo dijo...

Por certo, esquecín facer un comentario sobre a pintura de Siqueiros. Paréceme que amosa perfectamente a dor femenina precisamente a través do ocultamento do rostro da muller, e do uso dos seus brazos como fieis compañeiros polos derroteiros da soedade; eles protexen o seu peito-corazón a través da aperta como símbolo do amor, do agarimo que nunca chega, é dicir, os brazos como prolongación dela mesma. Ao longo da historia, a muller viuse obrigada a protexerse a sí mesma, a defenderse soa. Cecais por iso aprendeu a madurar en maior grado. Na dificultade e na dor, escalamos cara á grandeza interior. Bicos veciño da terra do miño!

Anónimo dijo...

Non sei a que ven traer a colación outra vez o que non foi máis que un divertido e insignificante erro, señora Yoli. Confundiu un nome xaponés, e qué, pasa algo?
Seguramente cando vostede estudou COU puxo algunha vez Rouseu.