29 mar 2006



Por fin!, en marcha unha escolma dos poetas da Costa da Morte
Os meus amigos poetas da Costa da Morte contarán en moi pouco tempo cunha ampla escolma dos poetas daquelas terras, cun amplo abano de 26 poetas que van desde Pondal (1835) ata María Lado (1979), segundo informa unha nova publicada na Voz de Carballo. A entidade comarcal Neria vaise facer cargo da súa elaboración ou financiación e na andaina participan poetas como Miro Villar e Modesto Fraga. Noraboa aos poetas fisterráns por esta xoia que arelamos todos os galegos amantes da poesía. (Na imaxe, retratos de tres grandes voces fisterrás: Alexandre Nerium, Modesto Fraga e Miro Villar).

2 comentarios:

Marcos Valcárcel López dijo...

(Non logro meter o vínculo da nova que citei. Por iso prefiro reproducila aquí)
Neria editará a antoloxía poética dos escritores da Costa da Morte
28/03/2006

A coordinación é de Modesto Fraga, o impulsor do libro, e de Miro Villar

Conterá textos de 26 autores, de Pondal a María Lado, e verá a luz en breve
Este é o título provisional da primeira antoloxía da historia sobre autores da bisbarra, que se presentará en breve (de seguro, antes do verán) e aprobarase esta mesma semana pola comisión permanente de Neria, entidade responsable da súa publicación. Ao mellor, tamén será a editora, pero este é un punto que aínda haberá que decidir. A alternativa é Espiral Maior, tal vez a principal editora de poesía de Galicia, e coa que xa houbo conversas.

A idea foille plantexada a Neria o ano pasado polo poeta fisterrán, e membro do PEN Clube, Modesto Fraga Moure. «Pareceume algo estraño que a Costa da Morte carecese dunha antoloxía poética, habendo autores tan importantes como Pondal, López Abente ou Labarta Pose, entre outros moitos», explica o poeta.

Desde Neria, a idea foi moi ben acollida e botou a andar de contado. Fraga contactou con Miro Villar, este aceptou e puxéronse a traballar. Estableceron dous criterios básicos para a selección: autores con alomenos un libro individual publicado e naturais, ou moi estreitamente vinculados, coa Costa da Morte. O territorio quedou centrado entre Fisterra e Malpica. E os autores, desde Pondal, nado no 1835, e a ceense María Lado, no 1979. Saíron 26 poetas. Para a escolla dos textos dos autores mortos, algúns dos participantes que mellor os coñecen foron os encargados da selección (Mato Fondo a Pondal ou Miro Villar a Labarta, por exemplo). Os outros foron os propios autores os que aportaron os poemas.

Xan García, secretario de Neria, asegura que se trata dun «fito cultural» e «unha aposta pioneira» por difundir as letras da Costa da Morte máis aló, incluso, dos límites territoriais da asociación, xa que tamén se inclúe Malpica e Ponteceso.

Anónimo dijo...

Prezado Marcos:
Moitas grazas por recolleres na túa casa esta nova tan ilusionante da antoloxía dos poetas da Costa da Morte. A verdade é que xa ía sendo hora de que a nosa bisbarra contase cunha mostra da súa inxente creación poética. Sen dúbida algunga, esta publicación é un mérito de todos, por e para todos. En canto vexa a luz, farémoscha chegar de contado. Irá polo ar, decidida, coas ás ben erguidas. Velaí o noso berro, o Pondaliano: "Feros corvos do Xallas/ que vagantes andás (...)".