18 mar 2006


Unha sabia decisión sobre as Burgas
(Andoliña sábado 18 marzo 2006)

Supoño que a moitos lectores lles pasaría o mesmo que a min cando leron as novas que onte traían os xornais sobre as Burgas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, declarou Ben de Interese Cultural (BIC) ese recinto, o que durante 20 meses paralizará algúns proxectos á espera dun plan especial para garantir a protección patrimonial de toda a zona, isto é, un proxectado Hotel Balneario que xa empezou moi mal e algunha idea perdida sobre o vello cárcere do Progreso que nunca se concretou con prazos e financiamento.
Eu pensei: E logo non eran xa as Burgas un Ben de Interese Cultural? Pero en que mundo vivimos? As raíces romanas da nosa cidade, o hábitat que foi crisol cultural da nosa historia ao longo dos séculos, o humus literario que enchoupou a escrita de Lamas Carvajal, Álvarez de Nóvoa ou Blanco Amor… O noso sinal de identidade no mundo: a cidade das augas quentes. Hai uns meses levamos un bo susto cando as Burgas deixaron de botar o seu caudal: iso non volverá pasar.
As cousas hai que facelas ben (a empresa Xardín das Burgas xa deu probas de que ese non é o seu caso). Ben por Cultura e a súa conselleira, Ánxela Bugallo, e ben por esta prudente decisión!
(Imaxe: postal antiga das Burgas, como as coñeceían un Lamas Carvajal xa velliño ou Blanco Amor aínda neno).

2 comentarios:

Anónimo dijo...

!Que de verdad se cumpla!,o urbanismo expeculativo non se resigna facil.....
¿Que dís da foto Na Voz ,ultima paxina hoxe 18, sobre Anxeles Cuña?
E cabreante que poñan eso.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois aínda non vira a nota da Voz sobre Ánxeles Cuña: ABSOLUTAMENTE INDIGNANTE!!!! A pobre Ánxeles ao carón de Milosevic cos malos da semana. E acusada de querer máis cartos ou algo así. Ánxeles foi tremendamente elegante en expor o que sucedeu: eu non teño por qué non fiarme das súas palabras, prefiro crela. Houbo algunha chapuza nalgures, pero ela non foi a culpábel. Pediu unhas condicións mínimas, lóxicas (se vivise de rendas, non lle faría falla); non llas deron e deu por non cumprido o seu contrato ou a súa aceptación. Impécabel!! A que ven logo esta maledicencia?? Que se explique Juan Luis Martínez ou que pida excusas públicas.