A POESÍA NON MORDEO 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía e os ourensáns amantes das letras teñen, como todos os anos, unha cita no Liceo, ás 17,30 h., para asistir á presentación e recital poético arredor do libro
"Poetízate" de Fran Alonso (publicado por Ed. Xerais). Estarán connosco o autor desta excelente escolma poética e o editor
Manuel Bragado. Pero os protagonistas da xornada serán os mozos e mozas dos institutos ourensáns que recitarán poemas de escritores galegos de todos os tempos, dende
Rosalía de Castro e Manuel Antonio ata
Olga Novo e Antía Otero. Participarán nesta nova xeira da Sección de Literatura do Liceo ourensán alumnos e alumnas dos
Institutos de As Lagoas, Eduardo Blanco Amor, A Carballeira, Xesús Ferro Couselo e Celanova, ademais de
Teresa Devesa e outras persoas.
Para animar e convidar a todos os interesados neste faladoiro (acompañado, como sempre, do tradicional café con pastas), reproduzo unha parte do interesante limiar deste libro-escolma, do autor, tamén poeta,
Fran Alonso. Se pensas que a poesía é un xénero difícil, direiche que estás equivocado, que hai poemas complexos como tamén hai poemas moi doados de entender. O certo é que canto máis poesía se lea, mellor se comprende, porque para estar en forma coa poesía, como no deporte, precisamos adestramento. (…) Ademais, non creo que ninguén teña que obsesionarse con entender a poesía. O importante, dígocho de verdade, non entendela senón gozala, sentila e, en todo caso, intuíla. Ademais, os lectores tamén temos un papel activo nos libros e cada un interpretamos o que se di en función da nosa sensibilidade e das nosas circunstancias. Non hai verdades absolutas; moito menos na literatura. Así que o fundamental non é comprender o que se nos di senón sentir o ritmo do poema, a súa sonoridade, os xogos de palabras que ás veces nos deslumbran, as fascinantes imaxes que nos ofrece. E tamén os seus enigmas. Facer da poesía un pracer, en definitiva.
No hay comentarios:
Publicar un comentario