24 mar 2006

Xornalismo literario: unha lembranza de Antón Villar Ponte
A tardiña do xoves estiven en Vigo, nas xornadas sobre Xornalismo e Literatura que organizou o PEN Clube e que continúan ata o sábado. Tocoume compartir mesa redonda con Xosé Carlos Caneiro, o escritor portugués Jose Viale Moutinho e Tucho Calvo, que facía de moderador, pero que tamén interveu a cotío. Falouse de moitas cousas: de xornalismo, de literatura, de censura, da invisibilidade do libro galego, da indiferencia dos responsábeis dos medios respecto dos seus propios columnistas, da diglosia nas páxinas de opinión, etc. Moitas cousas sobre as que se poderá volver en calquera momento.
Na sala predominaban os escritores: estaban alí (por reproducir a atmosfera do lugar) Modesto Fraga, Luís González Tosar, Gonzalo Navaza, Luciano Rodríguez, Ursula Heinze, Carlos Reigosa, Arturo Lezcano, Margarita Ledo (que inaugurou cunha conferencia as xornadas), María Xosé Queizán (que se amosou no coloquio moi cabreada porque xa non a deixan escribir na "Voz", ela di que por censura), e varios escritores portugueses que non tiven a honra de coñecer (perdón polos inevitábeis esquecementos).
Na miña intervención, creo que moi crítica sobre as relacións da prensa galega co feito cultural, botei man dun vello artigo de Antón Villar Ponte, de 1923, que, con matices, case se podería publicar a respecto de moitos dos medios que temos hoxe. Por certo, a presenza de varios xornalistas e escritores vencellados á "Voz" fixo que saísen en defensa ardorosa do medio no que traballan/colaboran, afirmando que non se séntían aludidos polas críticas de Villar Ponte que eu reproducín alí. Ben, pois imos ver ese texto que non gustou a todos. Vostedes dirán se é excesiva a miña afirmación anterior sobre a "actualidade" deste texto:

Un último exemplo chega para constatar a intelixencia analítica e a persistencia de Antón Villar Ponte nesta loita contra o xornalismo máis mediocre do seu tempo. É o artigo “Los defectos de la prensa gallega”, publicado nun especial do Galicia de Vigo (25-VII-1923), facendo balance do primeiro ano do diario de Paz Andrade, “uno de los diarios más imparciales y hasta ahora más modernos entre todos los de nuestra tierra”. Expoño en esquema os seus argumentos básicos contra o modelo de xornalismo dominante naquela hora:
· Falta de independencia (“pocos son los periódicos de nuestra tierra que no están entregados a la devoción de un hombre o a la disciplina de un partido político...”)..
· Mimetismo e dependencia dos xornais madrileños (“hay que esperar los juicios de la prensa madrileña para saber los juicios de la prensa gallega”).
· Dominio no estilo xornalístico do “verbalismo huero” e da mediocridade: “El periodismo lleva aquí al adocenamiento”.
· Rexeitamento a todo o que é novo e moderno, imposición dos xornalistas vellos: “siguen considerando maestros de periodismo a fósiles de la pluma”.
· Falta de personalidade e de carácter no xornalismo galego: “Tener personalidad en Galicia es lo peor que puede ocurrir a quien aspire a vivir del periodismo. (...) La elocuencia del lugar común y la ductilidad del léxico al servicio de los intereses creados son las principales bases para el éxito del periodista gallego”.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi ben a súa intervención, apláudoa. Di verdades que, por moito que non lle gusten a algúns, non deixan de ser verdades.
O texto de Villar Ponte debería ser de lectura obriga na facultade de xornalismo. Debería ser como a declaración hipocrática dos médicos. Pero vai ser que non.
Saúdos, señor Valcárcel.

Anónimo dijo...

Lamentablemente, penso que pouco e hoxe diferente. A defensa dos vencellados a "Voz", comprendese si se pensa a actualidade do Mercado do Traballo hoxe en día.

Marcos Valcárcel López dijo...

Efectivamente, no esquelete fundamental das afirmacións de Villar Ponte non houbo tantos cambios, por desgraza: o nacionalismo non foi quen de crear, per se, medios propios por exemplo de periodicidade diaria e dependemos dos que crearon as empresas privadas. Respecto á defensa da "Voz", ninguén discute que sexa un gran xornal a nivel técnico-profesional, pero, das súas relacións coa cultura galega, son máis escéptico: mesmo creo que había máis compromiso neste aspecto nos anmos 70 e 80 e, polo camiño que vamos, o discurso dominante na Voz vai a potenciar a certos escritores de orixe galega en castelán (á marxe da súa calidade, que isno non se discute) en detrimento dos que forman parte do sistema literario galego. Por outra banda, ao escribir nun xornal (eu xa o fixen en moitos), hai un certo síndrome de Estocolmo que pode derivar na defensa da liña ideolóxica dese xornal, aínda que non sexa a propia:isto xa o decía hai 30 anos, nun debate, a propia Margarita Ledo. Tamén foi esta escritora a que tomou nota, esoutro día, da defensa quizais exacerbada que alí se facía da Voz: a un autor díxolle no coloquio: xa acabas de dicir que traballas no mellor xornal do mundo.

Elianinha dijo...

Margarita Ledo é unha gran profesional que sabe perfectamente o que é ser vetada polos medios de comunicación por non pensar o que lle mandaban, por dicir o que cría. Non coñecía ese texto de Vilar Ponte, pero pareceume moi significativo. A falta de independencia é algo que hoxe en día está practicamente asumido, pero o que me indigna profundamente, e o que se omite, é a segunda característica: o mimetismo e dependencia dos xornais madrileños. Lembro a Aida Pena, a xefa de informativos da Ser, que comentaba que a análise das eleccións autonómicas pasadas, a fixeran dende Madrid e non tiveran en conta a perspectiva de aquí. Que nos importaba a nós naquel momento que se Fraga perdía as eleccións, a carreira política de Rajoy quedaba moi danada? A min, persoalmente, preocupábanme mil cousas antes que o futuro de Rajoy nesas circunstancias. Pero a análise faise por, dende e para Madrid. O que nos pasase aos galegos e galegas aquí non era importante. Para rematar, namentres o nacionalismo non teña un xornal propio de referencia, non poderá aspirar a máis nada que a un goberno de coalición, polo simple feito de que a súa perspectiva non se entende e ignórase na sociedade.