8 abr 2006


EBA segue vivo...
Onte fixen de novo (cantas veces irán xa? incontábeis) o Roteiro A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, que puxeramos en marcha nos comezos dos 90 dende o Clube Alexandre Bóveda coa colaboración do Concello de Ourense. Foi o primeiro roteiro literario de Galiza -hoxe hai algúns máis-, ideado conxuntamente por Afonso Monxardín e este cronista e coa colaboración técnica básica de Benito Losada e Ángeles Fdez. e artística de Manolo Figueiras.
Desta vez fixen o roteiro cos alumnos do IES Auga da Laxe de Gondomar e foi por petición da amiga Concha Costas, que veu pasar un par de días ás terras ourensás cos seus alumnos (tamén estiveron en Trasalba, Allariz, etc.). Deilles a miña visión do mundo blancoamoriano pisando de novo as rúas do casco antigo que no seu día camiñaron o Bocas, o Castizo e o Milhomes e conteilles algunhas cousas de EBA e da microhistoria ourensá que non están nos libros. Creo que marcharon moi satisfeitos e case todos leran xa a novela, que lles gustara moito: sen dúbida, EBA segue vivo nos seus libros e na nosa memoria ...

4 comentarios:

torredebabel dijo...

que non daría eu por facer ese roteiro A esmorga! Lin a novela en galego e en castelán e ainda -cando a viaxe no metro faise moi longa- pérdome nas traxedias daqueles tres (o Bocas, o Castizo e o Milhomes) e nas moi interesantes lecturas que nos deu Graciana Vázquez Villanueva na Cátedra de Estudos Galegos da UBA para quen -coma min- abriu a porta Blanco Amor con esa história... Máis ainda, a viaxe de hoxe foi con Xente ao lonxe. Porque iso ten de bó vivir en Bos Aires, que a nova literatura galega non chega, pero os clásicos témolos todos e nas edicións daquela!!!

Marcos Valcárcel López dijo...

Con motivo dese Roteiro A Esmorga, fixemos xa hai bastantes anos un folleto explicativo, a cores, que se lles entrega a todos os que fan o roteiro, co plano do mesmo e notas sobre os espazos da novela e o universo literario ourensán de Blanco Amor. Se lle interesa, gustaríame facerllo chegar alí onde vostede me indique (mándeme ese enderezo a marvalcarcel@edu.xunta.es). Saúdos moi cordiais.

Anónimo dijo...

Habendo como hai tan extraordinarios pintores e escultores en Ourense, qué pecado cometerían EBA, CEF e aínda algúns outros pra que resulten irrecoñecibles nas tan libres como desafortunadas interpretacións que das súas veras efixies levan feito algúns artistas ós que non cabe apor falta de talento senón, probablemente, presas inxustificadas, nugalla recalcitrante, preguiza recorrenete, cando non unha falla de respecto contumaz que os obriga/determina a pechar os ollos dediante das súas creaturas?
De agora en diante millor será que, antes de aceptar/recibir unha obra que, como a que ilustra o texto, intenta identificar este con alguén, a partires de xa, non se admitise nada que non tivese a mínima semellanza exixible co obxecto da recordación.
As técnicas de reproducción, as do collage e aínda outras, permitenlle ós incapacitados pró retrato recorrir a elas e non enganar a ninguén.
Coqueto como foi o EBA se levanta a cabeza e se ve así retratado ía formar unha de sete estalos.

Anónimo dijo...

Hai que facer os cestos cos mimbres que hai.