ESCOLMA DE CEN POEMAS (n.2)
Marinha, ende folegares
teño eu por desaguysado
e soon muy maravilhado
de ti por non rebentares,
ca che tapo eu (d’) aquesta minha
boca a ta boca, Marinha,
e d’estes narizes meus
tapo eu, Marinha, os teus,
e das mâos as orellas,
os olhos das sobrencelhas;
tapo-t’ ao primeyro sono
da mha pissa o teu cono,
como me non veja nenguû,
e dos collôes o cuû;
como non rebentas, Marinha?
Empecei esta miña escolma de Cen Poemas de Autores Galegos cun texto moi dramático: o poema de Pimentel. Cambiando totalmente de rexistro, hoxe vai outro que teño entre as máis grandes xoias das letras galegas de todos os tempos. Este novo poema está dedicado a unha tal Marinha e as súas artes amatorio-sexuais (está recollido na Antoloxía de poesía obscena dos trobadores galego-portugueses que preparara Xosé Bieito Arias Freixedo en Ed. Positivas, 1993). Este autor, seguindo a Rodrigues Lapa, sitúao atribuído a Afonso Eanes do Cotón, en cambio a edición da Lírica profana galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro prefire a autoría de Pero Viviaez, trobador portugués nobre con bens no sur de Galiza (reproducimos o texto desde a edición do C.R.Piñeiro).
O poema enmárcase no caudaloso río de poesía de escarnio e maldizer medieval (que se continuaría na sátira das cantigas populares dos Séculos Escuros, no Curros de O Divino Sainete, Celso Emilio, Manuel María e un longo etc.). É un texto magnífico, pechado, inmellorable (velaí ese xogo do “folegares”, xogando coas formas do fol para “moverse rítmicamente como un fol, durante o coito, ó mesmo tempo que se exhalan suspiros”). Velaí o seu forte alento humorístico e lúdico que se ten relaciondo coa orixe populare vulgar do poeta (se fose Eanes do Cotón). Velaí a gracia da descrición do acto con todos os seus detalles e partes participantes: o cono, a pissa, o cuu, os collôes, os ollos, a boca, as orellas, etc. Tamén se podería dicir que se trata dun poema misóxino, onde a muller está obxectualizada e degradada (correción política), pero eu prefiro cargar as tintas no seu tono lúdico e provocador. E por que non dicir tamén que expresa a anguria do home que pon todo o que pode no seu esforzado labor e aínda así se sorprende ante as capacidades receptoras da muller?. Ah, e o verso final… non mo negarán, maxistral!!! (Na imaxe, un debuxo anónimo de 1880).
3 comentarios:
Desde logo, é maxistral. Mágoa que non coñezamos moito desta vertente da lírica e nos quedemos nas ondas do mar, por outra banda tamén maxistrais, por suposto. Pasa con isto como por exemplo con algúns sonetos de Quevedo, tamén maxistrais, mais arredados, todos sabemos por que e por quen.
Espero que ninguén precisara das xustificacións polo contido ideolóxico.
Por certo, a partires deste poema maxistral xurdiu o proxecto de musicar dez cantigas de escarnio erótico galegoportuguesas, materializado no meu disco "Escarnho e maldizer" que tedes disponible en www.aregueifa.net
XURXO
Publicar un comentario