28 abr 2006





O Barco 1885-1969. Memoria fotográfica
Un dos síntomas máis esperanzadores do proceso de recuperación da Memoria que estamos a vivir é a salvagarda do noso patrimonio fotográfico, polo menos ata onde iso é posíbel. Nos últimos anos en toda Galiza (na provincia ourensá: no Carballiño, en Celanova, en Ribadavia, no Barco, etc.) estanse a publicar álbums de vellas fotografías que nos devolven a imaxe dun tempo pasado e ás veces negado con saña e hipocresía (a Segunda República e a represión na guerra incivil). No Barco de Valdeorras publicouse en 1990 o libro Cen anos do Barco nas fotos, 1863-1963, que abría este camiño na fermosa vila valdeorresa. Na mesma liña saiu agora O Barco, 1885-1969. Memoria Fotográfica, coordenado polo amigo Gustavo Docampo Paradelo e publicado polo Concello do Barco e a Deputación Provincial, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo que dirixe o tamén amigo Xulio Fernández Senra. Hai moitas fotos magníficas, unhas anónimas, outras asinadas, das xentes e paisaxes da comarca, da vida no río, da emigración, dos traballos, das formas de lecer, etc. Creo que as dúas que escollín aquí son ben representativas: nunha delas (cara 1920) faise a parodia do oficio do barbeiro; noutra ("Cuba, 1921") Manuel Blanco Pascual fai un orixinal autorretrato dacabalo e nunha típica facenda cubana.

1 comentario:

acedre dijo...

Encantame a fotografia e sobre todo a fotografia antiga. Que daria eu por entrar nunha maquina do tempo e poder fotografar o de antes.
Tamen me gusta Urbano Lugris. O seu Quixote noqueoume cando o mirei.
Un saudo.