4 may 2006


CEN POEMAS GALEGOS, ESCOLMA (6): Deitado frente ao mar
Hoxe vai un de Celso Emilio Ferreiro e por certo ben coñecido. Eu cheguei aos poemas de Celso Emilio a través dos cursos da Auriense dos primeiros anos 70 (que tempos! No mesmo curso de literatura galega podían participar Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Blanco Amor, Carlos Casares e Francisco Rodríguez). Despois fíxenme coa antoloxía que lle fixeran en Portugal (aquela de Razao editora): un dos primeiros libros galegos que devorei, xunto con outra escolma semellante do Manuel María. Despois veu Histrión 70 e os seus recitais sobre Celso Emilio (“Tempo de chorar” ou algo así chamábanlle) e Manuel Guede recitando “Verbas a un irmao” ou a historia do soldado Xurxo ou este “Deitado frente ao mar”. Este poema ten unha significación importante na miña vida. Chegados a Compostela, primeiro ano, vivimos xuntos Bieito Iglesias (o escritor), Benito Alonso ("Roi", historiador), Xoan Guerra (sindicalista) e máis eu. Xa traballaramos no Instituto ourensán no nacionalismo, pero era Bieito o máis organizado daquela. Pero Bieito, polo que fose, tardou uns meses, cando chegamos a Santiago, en poñerse en contacto con ERGA e coa UPG (os nosos alias eran, creo, Ernesto, Xavier, etc.). Había que gozar un pouco tamén dos tempos de Santiago: o Barra-China, as mozas, o novo sabor da rúa dos viños, etc. Ao cabo dun mes e medio en Compostela, semanas despois da morte de Franco, escoitamos nunha asemblea de distrito, na antiga Facultade de Económicas (daquela no Pazo de Fonseca), un mozo, non lembro o seu nome (creo que era de Económicas) que recitaba literalmente este poema de Celso Emilio. Bieito saiu de alí dicindo: este é de ERGA, seguro. Así era nas cousas daquela: falar en galego situábache de inmediato no campo nacionalista. Aos poucos días xa estabamos organizados, ERGA, logo a AN-PG, UPG e todo o demáis: e o contacto foi este poema de Celso Emilio. Lembro tamén que noutras asembleas posteriores houbera unha disputa polo idioma cos ácratas (eran debates habituais) e un deles (príncipe Galín, quizais?) dixo, en castelán, que só lles interesaba o galego como “lingua proletaria”, como quería Celso Emilio. Pero que, en canto o galego fose lingua de poder ou da burguesía, eles defenderían de novo o castelán. Que tempos!
Deitado frente ao mar...

Língua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gana;
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Magnífico poema. Fenomenal escolla, amigo Marcos. Este texto, toda a poesía de Celso Emilio Ferreiro, é un canto á liberdade, unha esperanza eternamente nosa, un grande milagre que diría Pimentel. Mágoa que o poeta de "Longa noite de pedra" descoidase tanto a cuestión lingüística. Pero esa é outra cuestión, outro debate.

Anónimo dijo...

Tempus fuxit, amigo Terencio!

Anónimo dijo...

"Falar en galego situábache de inmediato no campo nacionalista".
Eis a nosa desgracia.

Era Cunqueiro nacionalista?
Era Celso Emilio nacionalista?
Era Risco nacionalista?
Era a Rosalía que ensaiou o galego e, farta de nós, volveu en Las Orillas del Sar ao castelán, nacionalista?
Eran Luís Seoane ou Rafael Dieste nacionalista?
Era Don Eduardo Blanco Amor nacionalista?
Era Carlos Casares nacionalista?
É Neira Vilas nacinalista?
Era Don Ramón Otero Pedrayo,nacionalista, no sentido manipulador e exclusivista que lle queren dar hoxe os do BNG?
Non, non e non.

Fóra dalgunha excepción a maioría dos nosos intelectuais foron xente que non militou nas cousas do nacionalismo.
Por iso creo que hai de desnacionalistizar -¡toma ya!- o galego e, se cadra, facer como Verdegaia e facer unha asociación civil independente para potenciar as cousas da lingua dentro da inexorabilidade do multilinguismo
que que debemos tender.

Ou isto, ou deixamos que o BNG e a MEsa -tanto monta monta tanto- ussen a ingua como arma

Marcos Valcárcel López dijo...

Ten bastante razón Etxeokeai Fdez.: as relacións dos escritores que cita co nacionalismo foron escasas ou moi conflictivas. Velaí os casos de Blanco Amor (creo que criticado por Castelao en máis dunha ocasión) ou de Casares, perseguido en Boborás e noutros lugares con pancartas do Bloque. Pero o problema non é xa que fosen ou non nacionalistas, ou máis ou menos galeguistas: o problema é non entender a cultura sen ataduras, ese afán por marcar e patrimonizalizar o "territorio cultural" de xeito excesivo (velaí o último video adicado a Manuel María: un longo travelling para que quede ben claro que era o poeta da UPG, a cámara non para ata dar coa súa imaxe nun congreso dese partido, algo que ademais todo o mundo xa sabe).

Anónimo dijo...

A propósito da gran persoa e irregular poeta Manuel María (cómo non había selo cunha obra tan ampla!), lembro que unha vez, aló por finais do anos setenta, nunha conversa de café saiu o tema de Celso Emilio. O poeta chairego sostivo que o de Celanova era un bo “poeta social” pero non un “poeta nacional”, porque aínda que facía mención a traballadores, labregos e mariñeiros, cando a facía a Galicia, sempre era relacionándoa con España (doce mágoa das Españas), nunca considerándoa unha nación en si. Pouco tempo despois, escoitei as mesmas teses, pero facendo un fincapé máis despreciativo, a Paco Rodríguez nunha conferencia. Nesta ponderación de Celso Emilio (expresada de forma moderada por Manuel María e de xeito radical por Paco Rodríguez) había unha implícita carga de profundidade: Celso Emilio viña ser unha sorte de poeta social español só que expresándose en galego, polo tanto, non reivindicable na nosa historia literaria.
Eran aqueles tempos de sectarismo exhacerbado por parte do nacionalismo galego que lideraba a UPG.
Estes tempos xa pasaron, pero non quedará aínda algún rescoldo?

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu tamén lembro iso e aínda máis, tal opinión tamén saiu na Región cando a morte de Celso Emilio, en boca de Manuel María. E iso provocou unha dura carta, creo que de Emilio Cid Fdez. (creo que se titulaba "Carta ao ingrato poeta M.Mª", por algún lado a terei arquivada, supoño). Eran, si, concepcións reduccionistas que facían depender a calidade poética dun carné militante. E o caso Celso Emilio era complicado pois pasou por todos os partidos da esquerda: UPG, PCG, PSG, PSOE... De aí viñan esas distancias. E cantos xuízos "literarios" houbo daquela marcados por condicionantes políticos? Moitos, dende logo. A confrontación UPG-PCG foi, neste sentido, pésima para as letras galegas.

Anónimo dijo...

Primeiro foi a dialéctica UPG-PCG, que pouco despois se traduciría nunha confrontación extrema entre nacionalismo/"españolismo". E todo iso foi nefasto para a nosa literatura.
Con todo, unha boa historia da nosa literatura debería dar conta destas cousas, incluídas as avaliacións e textos que estamos a comentar. Sabe se nalgún estudo sobre Manuel María se recolle esa polémica que cita? Por rigor, debería recollela.

Anónimo dijo...

Así me gusta. Hai que empezar a perder o respecto. Polo menos a xente da xeración que anda agora polos 40-50 e somos libres vivindo do noso traballo e coa nosa experiencia ás costas.
Non os neniños como ese Callón, que non saben de que vai a película e gastan camisetas de flores feísimas (claro que escribindo sobre alfombras florais, todo se entende) pero que se cadra lle gustan ao piloto rodriguez, ou esoutro Lobeira que seica nunca traballou e é profesional da política, tan noviño e cheo de fel, veleno e amargura.
Temos, de partida, que perder o respecto, digo, porque non son merecentes del. Porque tanto respecto fixo pensar á xente non politizada que Galicia era cousa só dos do BNG.
¿Somos a terra do pensamento único? Os cataláns poden escoller ERC ou CIU, os bascos HB, EA, PNV... os españois teñen o PSOE, PP... Os franceses aos gaullistas, etc... Os italianos escollen... e os galegos identificados, todos igual,BNG? Madia leva!..
Só se pode querer ao idioma aos ditados da Mesa?
Xa está ben.
Rebelión civil. Riamonos deles.

Anónimo dijo...

Exprésase vostede dun xeito un tanto "guerrilleiro", pero no fondo estamos moitos de acordo.
Xa pasou o tempo das adhesións inquebrantables!
Non hai, non pode haber pola saúde democrática, nin vacas sagradas nin temas intocables. Todo debe ser sometido á crítica, coa consciencia de que unhas veces acertarase e outras non. Pero ese é o único xeito de avanzar, digo eu.

Anónimo dijo...

Ten razón. Prometo moderarme.
Pero é cousa da noite, que me trastorna...

Anónimo dijo...

Eu tamén asino o manifesto promovido pola Mesa, que o cortés non tira o valente.

Anónimo dijo...

O tal bieito Alonso non será profesor en tui, non? porque se é así é profesor meu

Anónimo dijo...

É.