20 may 2006


DON RAMÓN: QUERIDÍSIMA MAMACIÑA
(Andoliña sábado 20 maio)
Hai uns días, na súa charla no Liceo de Ourense sobre Otero Pedrayo, Víctor Freixanes anunciou dúas novas editoriais relacionadas co señor de Trasalba. Unha, a publicación das súas cartas con Castelao que está a preparar Alonso Montero e que verán moi cedo a luz: nelas amósase como foi Otero o núcleo activo que transmitiu de vagariño a sorte e saúde do Castelao exiliado, ata a súa morte en xaneiro de 1950, ao conxunto do galeguismo.
E a segunda, a edición, que tardará máis, das cartas que Otero escribiu á súa nai, dende 1905, con 17 anos, ata a morte de dona Eladia Ramona Pedrayo Ansoar, en 1957 (con case 98 anos). Trátase de máis de mil misivas epistolares que están a catalogar Patrias Arias Cachero e Mónica Pazos Martínez. Houbo días que don Ramón mandou na mesma xornada ata tres cartas á súa nai: un caso singular na historia literaria de fecunda comunicación maternofilial.
A revista “Grial” vén de publicar, no seu último número, algunhas destas cartas, que constitúen unha parte relevante das memorias da súa vida que nunca escribiu (só parcialmente): se se len con atención, mesmo se descobren riscos do seu inconfundíbel estilo.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Unha relación materno-filial moi especial, claramente. O que non sei é se terá moito interese a publicación íntegra do epistolario. En fin, non sei.

Anónimo dijo...

Ata certo punto creo que é unha inmoralidade publicar cartas privadas. Tanto me dá que sexan de Carballo Calero a Paco del Riego como de Otero á nai.
Que estean ao alcance dos especialistas en Penzol ou así, vale. Pero facer públicas esas intimidades, non sei.
Vicente Risco, nesta liña e excedéndose, non entendía o traballo dos arqueólogos. Non sabía porque se podía furguar na tumba do antepasado morto hai cincocentos anos e non na do morto hai cinco. Eticamente éralle o mesmo.
Pois sen tanto, por aí, por aí.

Anónimo dijo...

Inmoral non. Creo que está xustificada a publicación dun epistolario privado sempre e cando iso poida servir para botar luz sobre a obra dun autor ou as circunstancias dunha época. Os epistolarios que só valen para furgar na vida máis íntima ou para perderse en detalles irrelevantes, creo que non teñen interese e que a súa publicación é un xeito de tirar os cartos. Pero, en fin, ten que haber opinións para todos os gustos, e esta é a miña.