20 may 2006


Segue o debate FALEMOS GALEGO: EN POSITIVO
Naceu neste blog e está tomando forma e cobrando apoios: un proxecto a favor da nosa lingua en positivo, sumando e non restando. Un proxecto que funcione como Laboratorio de Ideas a favor da lingua galega e que sume colectivos, sectores, persoas, hoxe arredados do galego, pero non hostís á lingua. Unha estratexia que deseñe formas de tender pontes e de abrir fiestras. Nesa liña vai tamén o artigo de Víctor Freixanes hoxe en La Voz de Galicia (sección "Vento nas Velas": o pasado mércores falamos destes temas con el e con outras persoas (Ferro Ruibal, Carlos Varela, etc.) e só podo dicir polo de agora que moita xente está esperando un aceno neste sentido. Velaí o artigo de Freixanes:

Emitir en positivo
ERRA de cheo o Partido Socialista de Cataluña con esa campaña a prol do novo Estatuto de Autonomía dirixida contra o Partido Popular. Refírome a esa campaña na que o PSC pide o voto favorable no referendo do próximo 18 de xuño argumentando que dese xeito os votantes derrotarán decididamente ao PP (sen facer referencia ningunha a Esquerra Republicana, por certo), porque o PP disque está contra Cataluña. Nos manuais de estilo da comunicación hai unha lei que advirte contra os que titulan en negativo. Titular en negativo significa sempre restar, nunca sumar. Ás veces é inevitable, certo. Pero sempre que se poida (e en política moito máis) o discurso debe ser o contrario. A sociedade necesita vento a favor para navegar, nunca en contra. ¿Non hai argumentos para salientar os méritos da causa que defendemos? ¿Tan fráxiles son que necesitamos descualificar, arredar, asustar ás audiencias coa ameaza dos que pensan ou defenden unha posición distinta da nosa? ¡Contra Franco viviamos mellor!, aínda sentimos dicir a algunha xente. Son os desesperados, ou os desesperanzados, ou os derrotados. ¡Claro que non viviamos mellor contra Franco! Contra Franco non viviamos. Só dende a simplificación, sen intelixencia, se pode soster semellante afirmación. A democracia esixe propostas, ilusión, proxectos de futuro, trabes e armaduras para levantar a casa, non petardos para derrubala. Ninguén se apunta á destrución, nin á catástrofe, nin aos funerais (por moi ben diagnosticados que estean), nin ás derrotas. ¿Lémbranse dos «profetas do non»? Durante moito tempo o nacionalismo e a esquerda (tamén o nacionalismo galego) construíu o seu discurso á contra: non ás celulosas, non á autoestrada, non ás centrais nucleares, non aos encoros... A maioría desas campañas (non todas) estaban xustificadas, tiñan razón de ser naquel momento, pero a sociedade percibíaas sempre en negativo, e en negativo non se constrúe nada. Agardábamos outra cousa dos cataláns do PSC, francamente. Todo o contrario do manifesto que me chega estes días a través do correo electrónico a prol da lingua galega, asinado polos amigos Alfonso Monxardín e Marcos Valcarcel, dende Ourense. Con humor, con imaxinación e afouteza, di máis ou menos así: «Traballemos polo galego e comámonos a beixos». A lingua é un espazo de todos, un espazo para unir e sumar, non para restar nin arredar aos que non a falan (aínda) ou pensan diferente ca nós. O académico Ferro Ruibal falaba o pasado 17 de maio en Sada dos «falantes pasivos», esas persoas que, aínda estando en condicións de falar o idioma, polas razóns que sexan, moitas delas profundamente enraizadas no ADN dos comportamentos (instalados na xenética do fracaso, a inseguridade e o medo), non a falan, resístense a incorporarse ao pulo común do seu uso normal e normalizado. Houbo un tempo que a táctica de algúns consistía en denuncialos ou descualificalos, como se non fosen galegos. Ferro Ruibal propón, e moitos sumámonos decididamente a esa proposta, a táctica da comprensión e do afecto: xa virán, deámoslles tempo, pero sobre todo deámoslles probas e argumentos para que veñan a ese territorio que nos une e no que nos recoñecemos, o universo das palabras herdadas dos avós, transmitidas felizmente e sen complexos aos fillos e aos netos. ¡Falemos galego e comámonos a bicos! Gústame a invitación. Non necesitamos estar contra ninguén. Temos argumentos abondo para defender a causa que nos convoca. Os cataláns do PSC equivócanse. O futuro só se constrúe dende a ilusión dos proxectos compartidos.

21 comentarios:

Anónimo dijo...

COncordo con gañar falantes, como non. Mais non se excedan vostedes con tanta positividade. A negatividade tamén necesaria, as veces, para que logo se torne nunha positividade maior. O camiño da lingua ten positividade e tamén negatividade. Negatividade para algúns que so percibila sufren unha suspensión das suas seguridades, entran en crise. Non esquezan vostedes que a dialectica comoeza cunha negación.
Queda moi ben tanta positividade, tanto comerse a vicos, mais os vicos tamén con facilidade cando hai exceso. exceso de positividade podense trasmutar e axfixia, e agresión, negatividade. O positivismo remata no exceso nun dogma, nunhas posicicións fanaticas, lembren a Commte.
Nada mais amigos, sorte coa campaña que a min parceme tremendamente positiva, mais falta de absolutamente de contido.

Anónimo dijo...

Graciñas por considerala positiva, mais non podo concordar no de "absolutamente falta de contido",
Porque aínda non hai ningunha campaña en marcha.
De momento o que temos é unha idea bastante clara: cómpre unha nova voz a pular pola lingua desde presupostos distintos aos que se vén facendo na actualidade. O país é moi plural como para só expresarse co ton dunha soa corda. E nós queremos unha voz amable, firme e amante, que seduza, que incite, que mova.
Persoalmente direille que creo que Carlos Casares fixo máis galego-lectores coa amabilidade das súas columnas que mil panfletos, claro que iso é opinable.
Hai moita xente xa que traballa no negativo. Ningún problema. Pero a ver se nós podemos xuntar voces que o fagan doutra maneira.
Se hai xente que queira intentar un novo discurso, non teña dúbida de que non xuntaremos e faremos, colectivamente, un discurso.
Non imos ser tan pretensiosos como para elaboralo nós sós.O país é plural e grande.
Gustaríanos contar con vostede, ou se o desexa, cos seus comentarios e suxestións. En calquera caso, graciñas. Un saúdo.

Anónimo dijo...

Tezamos redes de amizade para pescar o futuro da lingua

Anónimo dijo...

Xa que uns falan de "en positivo", e outro de "en negativo", pregunto eu se sería posible facer algo "en neutro".

Anónimo dijo...

Señor Vazquez-Monxardín, semella que coincidimos no dos contidos. Aclarádo de que a campaña é de momento só unha declaración de intencións. Segue a parecerme pertinente, mais, non lle parece que esta intención tería que ser recollida polas institucións autonómicas para a elvavoración desa campaña poa que estamos agardando?
O certo é que se retrasa e o que vostedes fan é solapadamente unha chamada de atención en positivo, que ten a súa parte negativa, ao recordarlles ao goberno que teñen que se mover, aina que sexa negativo, por producir esta cuestión roces no bipartito. Que se teñen que mover, digo e adiantar camiño na lingua porque a cousa está parada. Senón a vosa iniciativa non sería pertinente e estaría de mais. Cousa contraria é o que sucede.
O positivo ven tamén da man do PSOE, que tenta ser tan respetuoso cos castelanfalantes que chega a promover un "deixar facer" que convirte a campaña nunha pora cosmética. O BNG quere mais, e esto provoca roces, desconfianzas. Amais un sector, o mais oficialista pactista, non está disposto a romper a liña tensa de entendemento pola lingua. Vamos que está todo vastante paralisado.
Terá que ser a iniciativa cidadán?
Mais hai forzas para esto?
de que serviu o cambio?
cando nin varían a normativa de exección do galego?
cando hai un franco continuismo co goberno anterior.
É mais doado ser positivo cando se conta co apoio da administración. Cando parte da inciciativa parte da administración. Dende a sociedade civil as iniciativas, por moi positivas que sexan, sempre serán descalificadas con maior facilidade. Sigue a existir unha LIngua A e unha linguaB. a B,sen a promoción positiva efectiva dos organismos investidores, apareceran ante a opinión publica como os do "non".
É hora de cambiar, claro, mais arriva o cambio semella resistirse.
Un saudo, e en vez de comernos a bicos porque non comezamos a darnos a man e reconciliarnos,que a palabra sexa contigo, con vos, que non minta, como dicía Celan que busque a súa sombra,dalle sombra, para que se recoñeza na verdade, porque xa é tempo, xa é tempo de que a pedra se aveña a florecer.

Anónimo dijo...

Si, si e si.
O de comernos a bicos, era puro "epatar". Venham máis cinco. Choque esa man. Que a forza nos acompañe.
Non sei se me teño que reconciliar con vostede, porque non son consciente de que en algo lle faltase ou de que vostede me faltase a min, pero en fin, choque eses cinco.
Que a palabra sexa para sempre con nós.
Creo que, independente da administración e dos partidos, debemos espallar unha sensibilidade e iniciativas positivas que, funcionando como un laboratorio de ideas, faga agromar o mellor que hai en cada un. E regalar ideas, promover accións, en definitiva cazar as escotas da ilusión para aproveitar o pouco vento que hai...Temos que navegar lixeiros, sen perder forzas no flamear das velas demasiado soltas, e repartindo ben o peso no barco..., cada un cumprindo o mellor posible o seu papel, para saír do ronsel avolto no que estamos metidos.
A administración? Pois si, tamén. Que faga cousas, claro. Que lles podemos dar ideas? Mellor entre varios, por supostso. Pero sabendo que nós nos debemos mergullar, animar e confundir coa sociedade.
¿Que iso é labor da SXPL?
Castelao era médico. Cuevillas farmacéutico. Risco e Filgueira mestres, Fole xornalista.
Nós procesos de reemerxencia identitaria, somos todos precisos, profesionais e amadores.
Vostede fálame en negativo do PSOE..., eu que non quero entar en tema político... pero poderíalle falar da lingua maioritaria dos seus votantes, da actitude na historia de Xaime Quintanilla ou Ceferino Díaz, ou de tantos outros. Eu desexaría que a actitude destes dirixentes, por exemplo,chegara a todos os seus...
Como creo que no PP sempre houbo moi bos galegofalantes activos -lembremos a oratoria política de Vázquez Portomeñe, chea de autenticidade fonética e gramatical, independentemente do seu discurso... E eu prefiro que as bases dese partido sigan eses modelos -ou outros varios- antes que o de homes menos achegados á Terra, aínda que nados nela.
E máis diríalle que cando Fraga falou en galego, empatou mellor coa xente á que se dirixía... así saben xa todos os políticos da rendibilidade de usar a lingua do país.
¿De que serviu o cambio?
Nin llo sei, nin vou entrar niso. Certo que espertou ilusións... se se cumpren ou non é cousa dos políticos e eu, nesta altura da miña vida, non lle sabería dicir. Estou bastante afastado dese mundo.
O que creo, e que a política non vai solucionar o futuro da lingua. A irlanda independente desde 1923 viu esmorecer o seu idioma ata ter unha presenza social infinitamente menor cá nosa.
¿Cambiar a normativa das isencións? Se cadra si, non sei... Pero íamos arranxar máis presenza social, íamos "ligar" se me permite a expresión, máis falantes compromtetidos, máis mocidade próxima ás ideas do espallamento.
Non quero entrar en análises políticas, como vostede fai e de onte tira a conclusión de que só un sector do BNG, o que ten menos poder, é consecuente coa lingua.
De ser así, eles xa non precisarían o noso ánimo, cariño e axuda.
Pero outra xente si.
Unha aperta

Anónimo dijo...

por suposto que non temos nada personal en que reconciliarnos, referiame a unha reconciliación simbólica na lingua, por revivir a preocupación e a ocupación.
O contexto politico non pode determinar a súa campaña, mais é preciso telo en conta, para que a campaña estea ben orientada.
É de lamentar que persoas tan positivas como vostede non estén a frente de politica linguistica, ou mesmo Marcos Valcarcel, que con ese enamoramento seu por Ourense, seguro que ía emerxer unha vida cultural na cidade que sería sen dubida o norte das outras cidades. Tamén o mesmo Victor Freixanes, que coa sua comprobada capacidade de xestión , semella imprescindibel no deseño e aplicación das futuras politicas culturais.
So cabe esperar que o goberno non se feche, que se abra verdadeiramente a sociedade e que sexa capaz de incorporar a personas honestas capaces e positivas.
Agardo novas sobre a súa campaña, contan coa miña adhesión e entusiasmo.
Un saudo

Anónimo dijo...

Graciñas, graciñas.
É vostede xeneroso de máis con nós.
Xa lle faremos chegar unha copia do manifesto e algunha outra cousiña.
Graciñas e xa verá como sopra por popa. Imós alá.

Anónimo dijo...

Si, si, está todo moi ben. Pero a pregunta clave é se Nicole Kidman vai protagonizar ou non a campaña. En último extremo, podiamos substituila por Angelina Jolie. Que lle parece esta idea, señor Monxardín?

Anónimo dijo...

Se falla a Nicole. Non podia ser Jennifer Aniston?

Anónimo dijo...

Ou tamén Scarlett Johansson?

Anónimo dijo...

Sen dúbida, a Kidman.
Eis un reto non pequeno.
¿Lembrades a Bruce Springsteen, "the boss" no concerto do Xacobeo en Santiago dirixíndose só en galego ao público?
Magoa non se fixese publicidade daquilo. Ou o Rei, ou o Papa... pero máis o boss e esta moza...
Se cadra a Kidman, igual que fixo Os outros, barato barato... e pedíndollo Amenabar, o seu amigo, que algo tivo que ver e no de "Mar adentro"...e que vén tanto por Galicia e ten amigos aquí, galeguistas como Tosar, Rueda (case), Allariz, o Ribeiro...O outro día estiveron os pulíticos todos co Rueda na súa nova adega... estaba Amenabar... Podíanllo pedir...
Só unha ollada fixa, un bico nos dedos, un soprido, un "fálalle galego ti tamén", cambiaría o mundo. Ou case.

Anónimo dijo...

¿Falo en serio? Se cadra...

Anónimo dijo...

Non podia ser un video coma no que sae co Robbie Williams?

Anónimo dijo...

Suave, suave...
Boa noite que mañá hai que traballar.

Anónimo dijo...

A cousa non ten fastadela atrás. Etxo. empezou a falar de Kidman, e debería ser a Kidman, ou!. Onde vai o caldeiro que vaia tamén a anga.
E o primeiro converso que se comprometa a falar de por vida, premio, un biquiño nunha meixela, e nada máis.

Como sexa, tocar nas teclas que haixa que tocar, pero hai que conseguila.

XulioDRabal

Anónimo dijo...

Eu aposto pola Kidman que, sen desprezar as demais, é a máis glamourosa.
Pero o que non pode ser a campaña é como pretende Roi Queimado: como vai ser como no video con Robbie Williams se o que cantan neste titúlase "Algo estúpido"?
Iso sería unha desfeita e un despropósito para promocionar o galego: "fale galego, é algo estúpido", non pega, non.
Vedes o que pasa por non saber idiomas? Pois que se fan propostas peregrinas!

Anónimo dijo...

Pois eu estou por unha atriz galega, ¿ou é que non as hai? Uxía Blanco, por exemplo.

Anónimo dijo...

Home, as comparacións son odiosas e, neste caso, crueis.

Anónimo dijo...

Eu diciao pola sensualidade do video... non polo titulo da canción.

Anónimo dijo...

Uxía convencería aos convencidos...
Se cadra conviña tamén unha campaña como aquela do Concello de Redondela con caretos de xente guapa coñecida... ¿Lembran Arsenio, Adolfo Domínguez, Fernando Rey...?
Agora? Luís Tosar, Manolo Rivas, Paula Vázquez, Carlos Núñez, Silvia Jato, David Cal, Chus Lago, Nicole Kidman... etc.