22 may 2006


MÁXIMAS, AFORISMOS, UNHA LECTORA
(La Región 22 maio 06)
La Rochefoucauld. François de la Rochefaucauld foi un dos grandes moralistas da súa época. Pertencía a unha vella estirpe da nobreza francesa e viviu nos tempos de Richelieu e Luis XIV. Das súas “Máximas”, que tiveron a súa primeira edición en París en 1665 (viu cinco edicións do libro en vida), dicía Nietzsche que as prefería a “todos os libros xuntos de todos os filósofos alemáns”. Velaí algunhas que falan da intelixencia, das paixóns e da bondade:
A maior intelixencia consiste en coñecer detalladamente o valor das cousas.
É unha gran intelixencia saber ocultar a súa intelixencia.
As mentes estreitas adoitan condenar todo o que estea máis aló do seu alcance.
Un home de enxeño veríase a miúdo moi embarazado sen a compaña dos necios.
Do mesmo xeito que o que distingue as mentes despexadas é dar a entender en poucas palabras moitas cousas, pola contra os babecos teñen o don de falar moito e non dicir nada.
A paixón a miúdo converte en tolo ao máis sensato dos homes, e a miúdo tamén fai sensatos aos máis atolados.
Ninguén merece ser eloxiado pola súa bondade se non ten a enerxía suficiente para ser malo; calquera outra bondade non é a miúdo máis que preguiza ou impotencia da vontade.
Agustina Bessa-Luís. Da gran escritora portuguesa e dos seus “Aforismos” (Lisboa, 1988), escollemos seis pequenas xoias:
“Tudo acaba, até o sol, até os nomes que damos a Deus”.
Todo home que morre é un deus cercado de poderes que tivo e non gozou, porque temeu a súa divindade.
A vellez é o desapego que xa se alia á morte. É pois a liberdade.
Cando morre un home, morre un actor.
Algún día a sombra do home terá máis realidade que o propio home.
Tan pouco se medra, entre a infancia e a morte!
A lectora de novelas. No ano 1853, un gran pintor romántico belga, precursor do Simbolismo, Antoine Wiertz pinta “A lectora de novelas” (na imaxe), que se conserva no Musée Wiertz de Bruxelas. Unha muller deitada na cama, totalmente espida, concentrada na lectura dunha novela. Na beira do leito a man dun diaño vai depositando novos libros para corromper a súa alma: esa era a concepción que daquela tiña a Igrexa católica sobre o efecto pernicioso das novelas románticas da época. Por certo, pódese distinguir o autor dos libros corruptores: o gran Alexandre Dumas, tan de moda naquela época. O cadro é un prodixio de concepción e de feitura: quizais na súa intención ata fose moralista, pero Wiertz trata a modelo con tal sensualidade que o efecto que produce no espectador é xusto o contrario.

5 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi boa tarde.
Antes que nada , parabéns polo blog, que nos mantén informados do que acontece no pobo anque vivamos lonxe.
Como non sabía como dirixirme a vostede, pois non atopei ningún e-mail seu, comunícome deste xeito un tanto inusual.

Quero facerlle un par de consultas bibliográficas, se vostede ten un minuto para enredar e é tan amable. Gostaríame saber:

1. Hai algunha literatura publicada arredor das historias do estraperlo polo Miño nos anos da ditadura franquista?

2. Seica hai publicada recentemente unha escolma de pezas literarias adicadas á nosa cidade. Poderíame dicir o título, a ver se hai sorte e non está esgotado en librerías.

moi amable por atenderme

para calquera cousa que precise, meu enderezo é:
mundomillor@hotmail.com

un saúdo e boa tarde

Marcos Valcárcel López dijo...

Amigo Xulio: repostareille dende aquí (o meu correo persoal é marvalcarcel@edu.xunta.es).
A escolma literaria (poetica) sobre Ourense titúlase "Ourense, craro río, verde val". Publicouna o Concello de Ourense no 2001 e prepareina eu mesmo. Supoño que andará polas librarías e, se así non fose, pode reclamala na Oficina de Turismo dese Concello (nas Burgas).
Respecto á outra cuestión, eu non sei de ningún traballo sobre o estraperlo polo Miño, nin histórico nin literario: creo que non se fixo aínda. Sei que entre Verín e Chaves traballaron no tema das rutas do contrabando, pero do estraperlo non teño noticias. Quizais ande nese tema, ou poida informarlle mellor, Xulio Prada, historiador da guerra civil, que dá clases no Carballiño e na Facultade de Historia de Ourense. Máis nada, un cordial saúdo.

Anónimo dijo...

Boas, todos os días dou un paseo virutal e dende fai dous ou tres dias reparo nesta viña, na que que topei co señor Vazquez-Monxardín que andava a trasvasar a lingua e tivemos unha agradabel parola. De camiño a casa pensei no nome da súa viña, na súa non sei se de todo. ou ten algo de propiedade tamén nela o señor Vazuez-monxardín, de camiño, digo ecooume polo ouvido aquel alento de palabras que tanto, permitaseseme o atrevevento, todos os que nos fixemos en Ourense estimamos:
"O traballo é simple e sen esforzo como que unha inspiración étinica inconsciente guía as súas mans e os olos alegrándose coa fermosura natural da obra, présentalle a súa aprobación inmediata porque nela fala unha linguaxe propia, entendida por tódolos galegos. O estilo da via é tamén barrco. As espigas de milo e os acios de uvas perndúranse dos balcóns e dos teitos cun profundo sentido decorativo, sobre a solaina e o muro aliñanse os colombros e cabazos, o cantar do carro ten sonoridades de órgano, os gruos de mulleres no traballo colectivo, na fonte ou na porta da igrexa saben disporse en masas movidas, coloristas, e delas xorde a charla ou o cantar con longos finais que indican como non se cerra nada, como nada é completo, senón que sempre fica unha ponte tendida cara o mais alá, unha saudade aínda nos momentos máis alegres da parola e da festa.
Cabilaba eu se as suas uvas serían estas ou como estas tan barrocas como os textos que colgou hoxe.
Bessa luis, indudabelmente ten un estilo barroquista, o mesmo que un autor galego a quen lle estou desentreñando esa impronta.
E sigo o meu paseo barroco, non son dado a aforismos, así que lle deixo un poema de Celan, que ten algo de referencial barroco, neso do mundo, do mundo demasiado extenso e complexo para un suxeto esteticamente antiguo Di así:

Unlesbarkeit dieser
Welt. Alles doppelt.

Die. Alles doppelt
geben der Spaltstunde recht,
heiser.

Du in dein Tiefstes geklemmmt,
entsteigst dir
für immer.

A miña versión:

Inintelixibilidade do
mundo,deste. Todo partido.

Sen voz
os reloxos contundentes
dan a hora na fenda

entrambilicado no mais adentro
remontaste a ti
para sempre.

Un saudo tamén a Vazquez-Monxardín que debe de andar trafegando non moi lonxe.

Anónimo dijo...

Moitas gracias pola información.

'Dixen amor e digo Ourense'
Pura Vázquez

Anónimo dijo...

Do Rochefaucauld a min faime cavilare ás veces aquela de que "É máis necesario estudar os homes que os libros".

Por certo, a xeito de curiosidade, da Agustina Bessa-Luis fixo experiencia pioneira en Portugal o Abrupto, blogue de José Pacheco Pereira, coa publicación de relatos do seu último libro antes de que chegara ás librarías.
Velaquí por se alguén lle interesan:
http://abrupto.blogspot.com/2006_04_01_abrupto_archive.html