3 may 2006


Rescaldos do Gran Temoneiro
(Andoliña 3 maio)
A finais dos 60 e primeiros 70 era o grande heroe dos mozos en todos os campus de Europa: o Gran Temoneiro, o home que levou o xigantesco barco de China ao comunismo. Os partidos definíanse "pensamento Mao Tse Tung" e abundaban as siglas nesa onda: Partido do Traballo de España, Movemento Comunista, a ORT, Bandeira Roxa, etc.: un hoxe moi coñecido escritor convidoume a un seminario do MCG cando eu xa militaba noutras filas e entre Bieito Iglesias e mais eu chafámosllo. Había mesmo grupos que esixían, antes de ingresar na súa militancia clandestina, un exame das Obras Selectas de Mao.
Desde aquela choveu moito. Os historiadores (o último nesta liña foi o libro de Jung Chang e Jon Hallyday) demostraron que a Mao Zedong o único que lle obsesionaba de verdade era o sexo e as mulleres (ás que desprezaba). Estivo 25 anos sen bañarse e aseándose só cunha toalla mollada. Só era un estalinista ao que nada lle importaba, para cumprir os seus megalómanos plans, que millóns de chineses morresen de fame: cousas das condicións obxectivas do paso ao socialismo, supoño. Deixou como herdanza un inmenso país choutando ao capitalismo e á cabeza do mundo en totalitarismo e en penas de morte. (Imaxe: Mao na coñecida icona de A.Warhol)

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Non saio do meu pasmo: un libro que saiu hai tan pouco, que é tan groso, con tantas páxinas e con letra tan miúda, e vostedes xa o leron. A min levariame un mes, cando menos.

Anónimo dijo...

O diagnóstico sobre Mao é certeiro: un sátrapa oriental émulo do máis cruel dos emperadores antigos.

Lin outras cousas anteriores sobre Mao na liña que suxire o señor Valcárcel, pero este libro aínda non.

O outro día vino na libraría e si que é moi groso e con letra moi xunta e pequecha.

Quizais no verán me anime a lelo, xa veremos.

Marcos Valcárcel López dijo...

Tampouco eu dixen que lera tal libro, pero si varias referencias arredor dos seus contidos: o artigo só toma como excusa o volume citado. Pero si lin outros anteriores con moi semellantes conclusións: Mao Zedong é deses personaxes que, canto máis se furga neles, peor. Ah! Lembrades as crónicas panexíricas que lle dedicaba Haro Tecglen en Triunfo: había moitas cousas certas e de ton positivo, pero, polo visto, faltaban moitas outras. Para Anónimo Político-cultural: no suplemento "Culturas" de hoxe de La Vanguardia hai varios traballos de interese sobre historiografía en España hoxe; creo que se pode entrar pola rede (tamén o teño en papel).

galeidoscopio dijo...

Cuba non é comparável coa China da Revolución Cultural e do maoísmo.
Tampouco creo que sexa pior a situación real da povoación cubana que a da maior parte da América Latina e, tamén, de milhóns de persoas nos Estados Unidos.
No entanto, é posível que perante o castrismo moita xente cometa o mesmo erro que con Mao, admitindo feitos que non aturarian na Galiza ou morando durante anos na ilha.
E a excusa do embargo explica o desastre económico, mas non pode xustificar as violacións dos dereitos fundamentais como realidades e non como letania bempensante de papel.