20 jun 2006

Camiño do Vao: novo artigo de Monxardín
Un novo artigo de Afonso Monxardín sobre a lingua, supomos que polémico (cando menos na súa orixe). Extractamos un anaco brteve do mesmo:
¿Está o galego en peor situación hoxe que hai trinta anos? Se alguén contesta que si, é que non ten nin idea da historia. Falen coa xente. Xa está ben de buscar inimigos fóra. Escoitáballe o outro día a un sabio dicir que aquí non temos unha sociolingüística cuantitativa da recuperación. ¿Cantos nenos hai que levan xa nomes galegos? ¿Cantos comercios hai xa co nome na nosa lingua? ¿Cantas conversas se desenvolven con normalidade en galego en ámbitos que antes eran alleos? A cousa non lles está tan mal como pensa o Sr. Callón. Saia da cuncha, rompa o ovo, tire molida ou xugo, e patee a terra sen orelleiras. De acordo con que hai que poder casar ou testar en galego, pero non é cousa que fagamos todos os días. Vaia ao súper e fálelle en galego á caixeira. Vaia ao Instituto e fálelle en galego ao profesor. Vaia á Policía e fálelle en galego ao axente. Vai ao bar, á biblioteca, ao médico, a unha oficina, a comprar un coche, ao fútbol, a facer a depilación, ao museo, equivóquese por teléfono, fale con calquera. Vaia onde queira e fálelle en galego a quen queira e, por sorte, grazas ao bilingüismo pasivo de todos, vostede pode vivir sempre en galego, se é a súa vontade. E se lle fala á xente con boa cara, e se ven que vostede se desenvolve en galego de xeito natural, espontáneo e non forzado, é posible que cambien e lle falen tamén en galego. Os tempos de "Hábleme en castellano", onde é que eles van. Sabemos todos que cómpre aínda facer moito, moito, pero meu amigo, cambiando de ton, e emitindo en positivo. Imos ter que explicarlle á xente o do "deber" no novo Estatuto, en positivo, como oportunidade fermosa e útil e non como imposición ou obriga, dúas palabras que a ninguén atraen.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Transcribo aqui a miña resposta "en positivo" a ese artigo do sr. Monxardín:

Realmente faime moita graza eso que vostede e o señor Marcos Valcarcel deron en chamar "falar galego en positivo", coma se eses que vostedes tanto detestan e critican o falaran en negativo. Eu non coñezo nada que se faga a prol da nosa lingua que se faga en negativo. Sexa o que sexa.

Invita vostede á xente da Mesa pola Normalización a baixar ao mundo real. Eu non sei se eles están no mundo real, pero está claro que vostede non. Estracto un anaco do seu artigo que di: "Vaia ao súper e fálelle en galego á caixeira. Vaia ao Instituto e fálelle en galego ao profesor. Vaia á Policía e fálelle en galego ao axente. Vai ao bar, á biblioteca, ao médico, a unha oficina, a comprar un coche, ao fútbol, a facer a depilación, ao museo, equivóquese por teléfono, fale con calquera. Vaia onde queira e fálelle en galego a quen queira e, por sorte, grazas ao bilingüismo pasivo de todos, vostede pode vivir sempre en galego, se é a súa vontade." E eu dígolle:

1º Traballo nun hospital, man con man cuns deses profesionais que vostede menta (médicos) e outros moitos profesionais máis cos que segundo vostede xa se pode falar galego sen ningún problema. Un dos meus compañeiros de traballo retiroume a palabra por falar e escribir en galego, e cando preciso falar con el por cuestións de traballo, a súa resposta é "A mi me hablas en español, hostia!". Respóndalle vostede a eso en positivo.

2º Escribo en galego, como digo. Nunhas ordes médicas dun paciente que vai ser operado, escribo: Xaxún para quirófano. Os meus compañeiros danlle o almorzo ao paciente porque non saben o que é o xaxún. E os cirurxiáns, por ter que suspender a operación, montan en cólera, pero non cos que lle deron o almorzo ao paciente, non, comigo, que fun a que escribin "xaxún". "Escribe las cosas en cristiano, no puedes poner ayunas como todo el mundo?" Responda vostede a esto en positivo.

3º O banco onde teño domiciliada a nómina, respostame a un escrito que lles dirixo, e faino coas seguintes frases: "en relación con su consulta y sintiendo las molestias que le hayamos podido causar, le informamos de que en estos momentos, el servicio de correo electrónico sólo está disponible en Inglés y Castellano. Le rogamos nos haga llegar su consulta en uno de estos dos idiomas para que podamos gestionarla." Responda vostede a esto en positivo.

Que se pode falar galego en calquer lugar? Pódolle asegurar que non. Baixe das nubes, sr. Monxardín.

Anónimo dijo...

Acabo de baixar das nubes -cheguei onte ás 12 e media da noite de Roma cos meus alumnos- e lin o seu, Susana.
Supoño que terá parte de razón. Ou se cadra bastante.
Se alguén lle retira a palabra por lle falar en galego, creo que non lle pagaba a pena falar con el.
Se se monta un lío polo do xexún, hai que ver como evitalo para que non se asimile galego a problema e suspensión de operación. Se cadra, nunha fase didáctica como a que nos cómpre exercer, hai que asegurarse de que o seguinte entende ben... sen complexos.
No da banca, vaise avanzando, aínda que hai que seguir térmando deles.
O que quero dicir é que non hai que facelo sempre co fociño revirado. Un sorriso para ti, Susana. Coa túa parte de razón.