18 jun 2006


Prego, case esquecido.
De Manuel Prego de Oliver, un dos clásicos da pintura galega, xa case non se fala. Saíu o seu nome na homenaxe a Manuel Gómez del Valle: el sufriu tamén a traxedia desa familia, que era a súa (a súa noiva Branca era irmá do poeta). Para protexer ao resto da familia, trala morte de Manolo e da súa nai María del Valle (máis logo sería asasinado Ricardo, outro irmán), Prego incorporouse á fronte, na unidade de Tiradores de Ifni e fixo a guerra. Rematada esta, foi depurado e expulsado do maxisterio: a represión non era arbitraria, dende logo. Dedicou desde entón a súa vida á pintura e xa en 1945, nunha mostra en Madrid, recibiu os eloxios do pintor Gutiérrez Solana. Xa fixo 20 anos da súa morte. Entón falouse dun futuro museo a el dedicado en Vigo: nada se sabe daquelas promesas. De novo, fai presenza a ingrata desmemoria.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Paréceme estupendo que por fin alguén fale dunha vez de Prego de Oliver, un gran pintor que representa á miña terra Ourensá. Parece que polas paraxes das pontes só existen Conde e Quessada, e hai moitos máis. En concreto, Prego de Oliver lémbrame á miña infancia cando iamos de excursión a ver esposicións co colexio. As súas cores puras e fortes sempre me impresionaron. Parabéns Marcos por lembrar tan a miúdo a xenios que permanecen con frecuencia no anonimato. Unha aperta. Non estaría mal unha exposición en Auria...

Anónimo dijo...

Quizá xa o sabedes pero, o pasado Luns día 8 de Xaneiro, inaugurouse na Casa de Galicia en Madrid, unha exposición sobre Prego. Estará ata o 4 de febreiro.