26 jun 2006


Trasalba 2006

Mañá contareivos da magnífica xornada de Trasalba 2006, o domingo, en homenaxe ao grupo Milladoiro.
Hoxe só quero agasallarvos con este anaco dunha coñecida foto feita por Eduardo Blanco Amor en 1958, en Compostela, foto que reutilizou Milladoiro na portada dun seu disco (e a Fundación Otero Pedrayo nos convites deste ano). Como xa contou algún xornal, o neno do violín, que tocaba co seu pai e cun irmán chámase Luís Meneses e hoxe ten moitos máis anos, claro: a sorpresa é que apareceu o domingo en Trasalba e alí mereceu un cálido e moi merecido aplauso.
Hai xa bastantes anos (1993) o Clube Cultural Alexandre Bóveda
publicamos un fermoso volume de fotos de Blanco Amor (hoxe creo que esgotado), acompañado de textos que contextualizaban cada unha das fotos (e diso encargámonos Ángeles Fernández, da Biblioteca da Deputación de Ourense, e eu mesmo).
Para esta foto dos músicos ambulantes, escollimos un texto do xornal arxentino no que escribía Eduardo Blanco Amor, que reproduzo agora (permitídeme tamén dedicarlle esta cita á amiga do blogomillo en Buenos Aires, que defende a súa galeguidade coa forza da súa poderosa palabra, Débora Campos (Fíos Invisibles):

En medio de la plaza del Obradoiro, flanqueado por los pétreos encajes del hospital plateresco, por la acuñada música del arco de San Jerónimo, por la elegante lógica neoclásica del Seminario de Rajoy y por el vuelo de las torres gemelas, advertí que se me habían terminado las palabras interiores y comencé a sentir la ciudad como una dulce y potente música, como si todo yo flotase en una torrencial y unánime melodía, como si fuese a diluirme en ella, a perderme en sus sofocantes túneles sonoros de lejanos acordes simultáneos que nacían de cada una de las piedras nocturnas... ("Mi invención de Compostela", de Blanco Amor, en LA NACIÓN, Buenos Aires, Domingo 3, agosto, 1941.

3 comentarios:

torredebabel dijo...

Non teño palabras para agradecer esas palabras, a tua xenerosidade sempre tan inmerecida pero, sobre todo, a mención xunto a don Eduardo Blanco Amor. Teño ese libro do que falas ("Eduardo Blanco Amor en La Nación") na mesiña ao lado da almofada mentres non son tan valente para comenzalo definitivamente (e nese mismo momento empezar a rematalo, entón) pero tampouco tan forte para non facelo. E así vou, lendo un pouquiño daquí e outro pouquiño dalá, deixando que as páxinas que restan por ler sexan sempre a meirande parte.
Na última Feria do Libro de Bos Aires, a Xunta mandou unha chea de libros novos. Alfaias inalcanzables para lectores arxentinos (ainda que é xusto decir que este ano eran tamén moitos os que podían mercarse e estou segura de que serán máis o vindeiro e así...). Entre eles, viña un volume de fotos feitas por Blanco Amor ao longo da sua vida. Non sei se será o mesmo libro do que falas (feito polo Clube Cultural Alexandre Bóveda), pero como só estaba aí en exposición, cóntoche que pasei máis de media hora viaxando por esas imaxens fermosas e tan exquisitas e elocuentes coma os seus libros. Qué ledicia! canto falaban dese home e do seu tempo! Moitas viaxes fixen e bastantes delas lembro con moito detalle. Pero só algunhas me foron tan intensas como o paseo por esas fotos "blancoamorianas". Gracias de novo!

torredebabel dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.
Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas, Torre de Babel. Non se trata do mesmo libro, o que sacamos nós é moi anterior e acompañaba unha exposición das fotos de Blanco Amor, a primeira que se fixo en Galiza (logo fixemos outra titulada "O fillo da florista. 34 retratos de EBA"). Aquel libro inicial, "EBA fotógrafo" levaba ademais un excelente limiar do poeta Manuel Forcadela e todas as fotos contextualizadas con textos que falaban do lugar ou personaxe retratado. Eu creo que foi cando se descubriu no país (mandamos o libro aos escritores máis recoñecidos) a auténtica faceta de EBA fotógrafo, que foi, ben se ve, un artista integral. O que viches en Buenos Aires supoño que é un traballo recente, publicado en Galaxia, con máis fotos (moitas delas coincidentes co noso). Un saúdo moi cordial.
(Para evitar suspicacias, a entrada anterior foi eliminada porque estaba repetida, cousa que sucede ás veces, coas presas).