Vermellos e verdes nos simios
(Andoliña martes 4 xullo)
Dúas notas máis sobre os estudos do primatólogo Frans de Waal sobre bonobos e chimpancés en relación coa especie humana. Quedoume engadir esoutro día que ningunha sociedade de simios se organiza en torno á familia nuclear como as sociedades humanas: a educación nesa contorna permitiu unha infancia longa dos nenos, que o seu cerebro acade un tamaño maior que o doutros primates e que o comportamento humano se basee máis na aprendizaxe que no instinto.
Quizais lles debamos tamén algo no que se refire ás emocións e aos sentimentos que asociamos ás cores. E non se pode discutir a pegada das cores no noso mundo emocional: nos hospitais domina a cor azul, queren vendernos en verde os produtos bautizados ecolóxicos ou naturais e todo iso non é casual. Pois ben, o verde é tamén a cor da selva e o vermello a cor do sexo e o do sangue. Para os humanos o verde é un elemento sedante e, en cambio, o vermello, estimulante: bandeiras vermellas, vermellos de Van Gogh, iconas da industria do sexo, etc. Segundo Frans de Waal, as nosas preferencias estéticas estarían relacionadas tamén coa nosa primitiva historia como primates: por algo a Darwin caricaturizábano na súa época con corpo de mono.
1 comentario:
Quedoume na memoria a soluzón dos bonobos ante os conflitos; fartábanse de fornicar, en troques os chimpances matabanse a paus. Que mágoa que a clase humana non semelle o estilo bonobo!
Publicar un comentario