4 jul 2006

O galego, patrimonio común, artigo de Afonso Vázquez-Monxardín
(Galicia Hoxe, Camiño do Vao, martes 4 xullo 2006)
O movemento de recuperación e actualización da identidade galega ten unhas raiceiras culturais moi fondas. Tense dito que no século XIX, coa instauración do estado moderno, Cataluña foi reinventada pola burguesía comercial e industrial, o País Vasco por cregos que defendían os seus foros e a lei vella -ou sexa o antigo réxime- e Galicia, polos homes da cultura que mergullados en arquivos e nas aldeas do país, toparon unha lingua e cultura moi viva cuxa traxectoria ignoraban, pero na que albiscaron futuro.
E eu estou tan encantado de que nos inventaran o país os intelectuais como daquelas intencións tan fermosas e avanzadas do Manifesto das Irmandades de Lugo en 1918 (voto feminino, preocupacións estéticas...) tan lonxe, desde logo, do rancio españolismo uniformista de despois da guerra de Cuba, como do pensamento racista, involucionista e clericalista de Sabino Arana, por poñer dous exemplos que non me entran polo ollo. Moitos consideramos a cultura o noso máximo sinal de identidade, e, se cadra, o único chamado a permanecer por sempre no mundo globalizado. E a lingua é, obviamente, a columna mestra á que se cingue a hedra da cultura.
Dito isto, quero, en voz alta, facer unha libre reflexión sobre lingua, cultura e nacionalismo galego, pois persoas pouco ilustradas poden confundir termos e caeren nunha sinonimia tan perigosa como errada. Permítanme que empece cunha pequena anécdota persoal. Corría o ano de 1984 e impartía eu, ilusionado, un curso de iniciación de galego no concello do Carballiño cando unha señora me atallou nun local público preguntándome se eu era o que impartía clases "dese castrapo, desa trangallada coa que a Xunta quere matar o galego...". Alucinado, pregunteille cun sorriso forzado e amable, cal era a súa graza e a que se dedicaba. "Chámome tal e son costureira", dixo. "Pois si, sonlle eu o profesor -contesteille-, pero perdoe, só lle falo do tema con profesionais. Eu a vostede non lle discutiría de corte e confección e vostede, a min, non me discute de lingua, e menos se empeza faltando". Recoñezo que fun ousado e groseiro -desculpe señora se me le-, pero direi no meu descargo que era eu moi novo e canso estaba xa dalgunhas actitudes.
Aquela sincera señora -estaba, sóubeno logo, nunha asociación desas do galego aportuguesado- obnubilada polo seu amor á lingua, cría estar en posesión dunha ciencia infusa nacida do corazón que mesmo lle permitiría descualificar traballos alleos e falar de ortografías como se fosen xogadores para meter ou sacar nun partido de fútbol. Igualmente, ata hai pouco calquera cachorro nacionalista pouco lido, e grazas á súa "coherencia ideolóxica", atrevíase a denigrar a obra literaria de Carlos Casares ou os ensaios de Xesús Alonso Montero, por citar só dúas bichas históricas. ¿Engánome?
Permítanme que lles diga, meus señores, que furgando na historia da cultura e da literatura galegas, fíxense vostedes, hai tamén escritores de todas as ideoloxías. E non me chama a atención, porque a lingua é o que é, un patrimonio común de todos: altos e baixos, gordos e fracos, louros e morenos, tolos e cordos, nacionalistas e non nacionalistas, de dereitas e de esquerdas. E todos eles teñen a súa participación no mundo da escrita galega. Desde Euxenio Montes a Álvaro Cunqueiro. Desde Celso Emilio a Manuel María. ¿Ou alguén quere unha lingua só para unha ideoloxía? Sería suicida. O galego é un código para que nos entendamos, soñemos e recreemos o mundo. Naceu hai mil anos e viviu ata nós. Agora, é a nosa responsabilidade proxectalo no futuro dos nosos fillos. Desde a historia, desde o feito nestes últimos vinte, trinta, corenta anos debemos ir con Manuel Antonio, sempre "máis alá". Co bo Plan de todos.

7 comentarios:

Anónimo dijo...

Afonso Vázquez-Monxardín afirma que ata hai pouco calquera (!!!)'cachorro nacionalista pouco lido', denigraría a obra literaria de Carlos Casares e os ensaios de Xesús Alonso Montero.

Ao ler esas palabras, ocúrrenseme dúas cousas:

1. Que unha afirmación coma esa o que demostra é o carácter sectario da persoa que se atreve a denigrar a todo un grupo de xente. Repito: a todo un grupo de xente. ¿Como se pode facer unha acusación-xeralización coma esa?
A miña resposta é: soamente desde unha visión simplista, pobre, e estereotipada da realidade (neste caso, dos 'cahorros nacionalistas').

2. Por outra parte, penso que é unha enorme falta de respecto cara aos 'cachorros nacionalistas' que gozan (ou gozaron) coa obra de Carlos Casares e que aprenden (ou aprenderon) cos ensaios de Alonso Montero.

Anónimo dijo...

O anterior anónimo parte, seguramente, dunha moi boa intención, pero, desgrazadamente, o máis frecuente até non hai moito tempo era o que sinala Monxardín.

O sectarismo foi, até non hai moito, o sinal de identidade negativo do nacionalismo (do nacionalismo maioritario dentro do BNG). Hoxe as cousas mudaron bastante, pero aínda quedan residuos que afloran de cando en vez.
Pero, e esta vez por fortuna, tamén está habendo xente que, sendo nacionalista, xa non comparte rancios sectarismos e, menos aínda, os expresa coa virulencia de antano.

Ao nacionalismo aínda le queda camiño por percorrer para deixar fóra ese lastre que lle ten impedido crecer e modernizarse. Pero algo xa anvanzou. O que non é pouco.

Marcos Valcárcel López dijo...

Pois, realmente e desgraciadamente, as cousas foron durante moito tempo como din Monxardín e Anónimo p-c. Un só exemplo: entrega dun premio Lousada Diéguez a Casares en Boborás con varios militantes do BNG con pancartas contra el (hai fotos publicadas nos libros, se é preciso escaneámolas). Iso non quere dicir que así fosen todos os militantes do BNG, pero si certos cumios con moito peso neses "cachorros nacionalistas", se vale a expresión. As cousas cambiaron, por suposto, pero... Quizais, para que todo o mundo crese neses cambios, non estaría de máis facer de cando en vez algunha autocrítica sobre as actitudes sectarias do pasado. Fíxose algunha vez dende ese campo, de forma oficial ou oficiosa?

Anónimo dijo...

Non, nunca fixeron nin a máis mínima autocrítica sobre as actitudes sectarias no pasado, nin oficial nin oficiosa.
É un sinal de soberbia que amosa, non fondo, unha gran debilidade.

Anónimo dijo...

"Afonso, Afonso é caralludo/ Como Afonso non hai ninjuno"

Anónimo dijo...

O mesmo que o usuario anónimo, sei do que falo. El terá a súa parte de razón, porque non lle cadraría a época nin o sectarismo que había noutrora, cando non se micaba nin cheiraba poder.
Certamente os máis vellos -os que somos de xeración anteriores aos CAF- sabemos que nos "seminarios" pouco menos que se nos ordenaba atarcar a aqueles que citei. Marcos sabe.
Saúde desde Irlanda nunha tarde chuviñenta de verán.

Anónimo dijo...

sectarismo? hai moitas clases de sectarismo, en cal estades vós?