14 sept. 2006


Do lume ao descrédito político
(Andoliña xoves 14 setembro)
O lume segue a queimar en Galicia: xa non tanto nas fragas e nas leiras como nos créditos políticos. A maioría dos alcaldes galegos, cando menos aqueles que loitaron contra os lumes en agosto, teñen que estar hoxe moi incómodos. O Partido Popular ten dous terzos dos nosos alcaldes e eu estou seguro que non lles gustou nada coñecer esa circular interna que unha política ousada e imprudente mandou circular na Coruña, cunha vergoñenta mensaxe de "dilación" na formación das brigadas antiincendios. Nunca tal se vira: constancia por escrito de que os intereses do partido están por riba das desgrazas que sofre o país.
Con ese impresentable comportamento, dona María Dolores Faraldo non lles fixo ningún favor aos seus alcaldes, xa fumegados polos lumes. A descuberta desta circular –de onde saíu a filtración é outro misterio que debe preocupar a moitos– bota por terra toda a estratexia do PP nos últimos meses e tamén a mobilización convocada por SOS Contra o Lume, co apoio deste partido. Deberían estes rexedores pedirlle agora responsabilidades políticas á causante deste descrédito do seu partido e non desculpar o que non ten xustificación posible nunha democracia: non todo vale para arrasar co adversario.
(Moi oportunamente, a marabilla de E. Munch que uso hoxe para ilustrar chámase "As cinzas", aínda que non sei moi ben o motivo dese título aínda).

1 comentario:

Leituga 1 dijo...

É tamén grave outra práctica que se deixa ver na célebre carta: o Partido Popular dálle ordes aos seus alcaldes, utilízaos como correas de transmisión das súas políticas de oposición, mesmo se esas políticas van obxectivamente en contra dos intereses dos municipios e dos veciños. Parece algo xeralizado, pois hoxe "La Voz" informa dun caso moi similar en relación co Consorcio Galego de Servizos Sociais. ¿Onde queda a autonomía municipal e a necesaria distinción entre institucións e partidos?