15 sept 2006


Huntington e a democracia exportada
(Andoliña venres 15 setembro)
O mundo non é hoxe un lugar máis tranquilo que antes do 11-S. Só en Iraq, segundo informes da ONU, morren uns cen civís cada día e eses masacres repítense noutros lugares de Oriente Próximo. En 1996 Samuel P. Huntington publicou o seu libro El choque de civilizaciones y la reconfiguración del orden mundial: todo o mundo se puxo a falar entón de choque de culturas e poboacións e esas teorías lexitimaron dalgún xeito a ofensiva de campañas antiterroristas patrocinada por Bush (despois Huntington sacou o seu libro sobre a inmigración nos Estados Unidos e provocou outro boa lea, pero ese é outro tema).
Esa nova orde mundial anunciada na cabeceira daquel libro presentouse coa peor das caras posibles: terrorismo islámico fronte ao imperialismo norteamericano. Choque de trens tolos, habería que chamarlle. Huntington afirma agora, nunha entrevista distribuída polo The New York Times, que se confirmaron as súas teorías. Alguén moveu os peóns para que iso sucedese así, supoño. Recoñece ademais o politólogo que non se pode exportar a democracia e di que os Estados Unidos deben limitarse a apoiar os movementos democráticos doutras sociedades. Sequera niso ata podemos estar de acordo.
(Imaxe: detalle de "Venus e Cupido", de Lorenzo Lotto).

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Podía darnos a referencia exacta desa entrevista?

Marcos Valcárcel López dijo...

Eu lina en La Vanguardia do pasado mércores 13 (toda unha páxina). Non a encontrei en Internet porque creo que La Vanguardia non deixa consultar a hemeroteca, agás os suscriptores. De todos os xeitos, no mesmo google poderáse buscar dentro duns días (aparecen cousas de La Vanguardia do 11 setembro)

Anónimo dijo...

Todos sabemos cales son os causas que motivan á "superpotencia" americana para levar a cabo os seus "salvadores" enfrontamentos bélicos: o control do petróleo. Todo o demais é puro discurso demagóxico ao servizo da causa. Quen cre, a estas alturas, nas paranoias ianquis das misteriosas armas de destrución masiva iraquíes, tan perigosas para á humanidade, no armamento nuclear, potencialmente activo do Irán, que estoupará o día que o Tío Sam quede dormido algunha mañá, quen traga iso dos reinos do terror e do mal, anunciados até a saciedade por George Bush pai (e fillo)...bla, bla, bla.
Por favor, deixémonos de contos e chamémoslle ás cousas polo seu nome: capitalismo + militarismo: IMPERIALISMO. Así, con maiúsculas.

Anónimo dijo...

Non é só cousa do petróleo. Hai tamén moitas outras cousas.

Anónimo dijo...

Pode ser que haxa moitas outras cousas. É posíbel. Mais o que está claro é que para os EEUU é fundamental, e mesmo vital, que as reservas de cru estean garantizadas cando menos a medio prazo. Iso implica que os países de Oriente Medio de onde son, non o esquezamos, dúas terceiras partes das reservas petrolíferas mundiais entren polo pau estrangulador que marca o dólar, ou Wall Streat ou a nai que os paríu. Ora ben, se o que nos convén aos países occidentais é artellar coartadas de tipo: evitemos, a base de invasións e guerras, o fanatismo islámico (posto que o noso cristianismo non é fanático, que para min si o é), loitemos contra o exe do mal (Bush, dixit), contra a ameaza mundial do terrorismo que nos acecha...e máis bla, bla, bla...Entón, compañeiro político-cultural, aplícome aquela máxima de "a los hechos me remito". E os feitos, aí están. Nin armas de destrución masiva en Irak, nin armamento nuclear ameazante, nin Bin Laden, nin hóstias. Perdón.

Anónimo dijo...

Compañeiro Fraga, vostede mestura churras con merinas e allos con cebolas. O resultado é unha empanada que se dixire mal.

Hai que distinguir planos, ver as interconexións e tirarse a venda dos ollos de tantos tópicos.

Que eu lle diga que non só é cousa do petróleo, e que vostede conteste coa cansina e reiterativa sonsoneta antiBush (contra de quen estou) e anticapitalista, ou que equipare tranquilamente a día de hoxe o fundamentalismo islámico (ollo: non todo o islam)
co cristianismo (e dillo un ateo que o era moito antes de nacer vostede) só amosa que é moi novo e aínda ten moito que ler e que reflexionar.

E non mo tome a mal, se pode ser, que vostede caeme ben.