17 sept 2006



PRESENZA GALEGA DE NIEVES CONDE
(Andoliña sábado 16 setembro)
Faleceu o pasado xoves, con 94 anos, o director de cine José Antonio Nieves Conde, responsable de “Surcos” (1951), unha das obras mestras do noso neorrealismo na posguerra, e de títulos tan populares como “El clavo”, “Balarrasa” ou “Cotolay”, pero que só dirán algo, supoño, ás persoas que xa pasamos dos 40 anos. A carga crítica de “Surcos” (o éxodo dunha familia rural andaluza a Madrid) acabou por cobrarse o cargo do Director de Cinematografía da época. Tamén tivo problemas coa censura con “El inquilino” (1957), como lembraba onte Diego Galán, pois xa no franquismo había problemas de vivenda.
De orixe segoviana, Nieves Conde foi homenaxeado hai anos no Festival de Cine de Ourense e ten unha rúa co seu nome na urbe auriense. Ademais, segundo Miguel A. Fernández, rodou en Galicia dúas das súas obras principais: “Cotolay” (1966), unha superprodución da época, que exalta a figura de San Francisco de Asís, con exteriores rodados en Santiago, pero tamén en Melón, Ribadavia e Astureses; e “Volvoreta” (1976), a penúltima que dirixiu, rodada na Coruña e Madrid e inspirada na xenial novela de Fernández Flórez. Amparo Muñoz (na imaxe), nos seus mellores tempos, foi a Volvoreta de Nieves Conde.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Amparo Muñoz era, nos seus mellores tempos, unha muller bellísima.

Mágoa que logo se metera onde se meteu, circunstancia que todos desexamos superada.

Mais o que perdeu en belleza, gañouno en profundidade, a pesar de non prodigarse (ou prodigala!) moito.

Lembro agora a súa contida interpretación naquela opera prima de León de Aranoa, "La familia" coido que se titulaba, onde dá unha lección de precisión e adecuación ao seu personaxe.

Marcos Valcárcel López dijo...

Certo, non lembraba esa súa entrega nesa película, tan fascinante por tantas cousas: "La familia" de Fernando León. E Amparo Muñoz, maxistral.