12 sept. 2006


Retrato dun desgraciado (artigo de Afonso Monxardín, hoxe, en Galicia Hoxe)
Ao ver como lanzaba patadas contra o cristal mentres entolecido insultaba e ameazaba o xuíz ao que tiña que darlle conta dun dos seus crimes menores -insultos a outro xuíz-, non pensei nel como o terrorista que é, senón como un pobre desgraciado a quen alguén, máis listo ca el, enganou.
Aquelas patadas, sen sabelo, querían ir dirixidas a quen lle falou dunha patria por liberar que era máis importante que a súa vida e que todo, porque estaba por riba das persoas e merecía todos os sacrificios... Esa pel que dicía desexar arrincar coas súas mans do corpo con aparencia de xuíz, era, sen sabelo, a dese alguén, -amigo, familiar, leigo ou crego, ou todos xuntos-, que lle recordaron, continuamente, desde que era rapaz, datas de ofensas do pasado. De cando o estado moderno e liberal lles sacou os foros da mítica arcadia euskalduna, de cando Franco entrou a sangue e fogo en Euskadi, -como se a pobre España estivera detrás-, mentres lle ocultaron os titubeos do nacionalismo e a entrada en Bilbao dos requetés navarros cantando, en vasco, cancións relixiosas e integristas. E tamén lle contaron xestas épicas de vidas exemplares: a oposición ao réxime, inmolados ao bonzo, o xuízo de Burgos, a voadura do coche de Carrero...

Continúa o artigo...

32 comentarios:

Un amigo dijo...

Totalmente de acordo con que é o retrato dun desgrazado. Tamén é o retrato dun ser desprezábel, dono dunha patoloxía antisocial máis propia dun análise psiquiátrico que político.
Co que xa non estou tan de acordo son con certas ideas que se verten no artigo.
Pobre España? Acaso esquecemos que un dos esteos ideolóxicos da sublevación militar do 36 e da posterior ditadura foi España. esa España trentina, martelo de herexes, supostamente histórica dende os romanos, (ou dende Atapuerca).
Esa pobre España que segue a servir de fermento ideolóxico dos dous grandes partidos estatais, para negar e impedir que se desenvolvan en plenitude outras nacións distintas da española.
De verdade pódese chamar pobre España?

anómimo político-cultural dijo...

O artigo de Monxardín é maxistral por moitos moitovos, Os meus parabéns.

Unha aclaración para o "amigo":

En efecto, un dos esteos da sublevación militar foi unha DETERMINADA IDEA de España. Pero non España a secas, sen máis.

Porque tamén houbo, durante a guerra, OUTRA IDEA DE ESPAÑA ben diferente no bando republicano.

Recoméndolle ler o libro que o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas vai publicar, contra fin de ano, na editorial madrileña Marcial Pons. Alí pode aclarar moitas destas cousas.

A idea de España non é algo único e eterno. Desde o século XIX foronse conformando dúas visións de España (con matices varios). Neste sentido xa pode ir lendo dous libros: o de José Álvarez Junco, Mater Dolorosa (Ed. Taurus), e o de Santos Juliá, Historias de las dos Españas (Ed. Taurus).

Verá como, despois de lelos, non sosterá unha idea tan nesgada de España.

Saúdos.

Un amigo dijo...

Para Anónimo Político-Cultural
Claro que pode haber outra idea de España, e máis de dúas, claro que si. E non todas son iguais. E evidentemente a España que se aliñou no bando republicano era moi distinta da España facciosa e reaccionaria. Malia as dificultades no bando da República respecto do recoñecemento da realidade plurinacional do Estado Español é evidente que representaba o bando das liberdades.
A mesma España da República que loitou contra do fascismo, incluso na resistencia francesa, é digna de loubanza.
Pero por desgraza esa España non agromou. Nin albisco no horizonte que vaia agromar. Ou de verdade pensa vostede que imos por ese camiño.
Grazas polos libros que me recomenda ler, recollo a súa frase "xa pode ir lendo dous libros"

Anónimo dijo...

España, españa, españa... cada vez que aparece mentada, aparecen problemas. Aparece o vello problema de España.
España é a institución libre de Enseñanza, España son as autonomías da República e da democracia. España e moita cousa.
Non sei se será posible outra España. O que si sei, seguro, é que para repensar, refacer España, é preciso falar e termos aliados na España monolingüe, nese lugar onde froito da historia, lles parece qeu somos algo raro. A nova España non se pode construír pola alianza de Galeuscat sen máis. Creo que nunca na historia recente houbo máis ousadía no goberno central de poder encarar este proceso. Se cadra lle costa a Zapatero o cargo, porque os Federicos, copes, etc. son moi poderosos e moven baixas paixóns.
Pobre España o país que en tres anos ten un millón de mortos. Pobre España onde a legalidade e progresismo é derrotado nos campos de batalla polos mouros e ante a pasividade ocidental. Pobre España onde para defender a República se fusilaban estatuas de sagrados corazóns...
España estaba sendo machacada, arrasada e vilipendiada por uns antiespañois fascistoides. A España republicana fructificou en América unha nova época.
A etimoloxía é así. A península ibérica -palabra prerromana- chamáronlle os romanos Hispania. Nese sentidos somos españois ainda que non nos identifiquemos coa concepción posterior e unificadora de España.
Saúde
Afonso

anómimo político-cultural dijo...

Para o amigo "Amigo":

Penso que, timidamente, con moitos problemas e dificultades, con contradicións e con moitas cousas máis, si que imos lentamente no camiño desa España na que collamos razoablemente ben todos.

O que si que está moi claro é non imos cara atrás, cara a esa España miserable que, tanto vostede coma min, deostamos.

un amigo dijo...

Coincido coa apreciación que fai o señor Afonso de que cómpre termos aliados na España monolingüe, ou sexa en España. A cuestión é si existen eses aliados, ou máis ben aliados para que, ou aliados até onde.
Tamén coincido en que a diabólica emisora episcopal e algúns outros farán o que estea na súa man para botar a Zapatero. Por suposto que o farán, e non dubidan en axitar as rancias esencias desa España para atinxir ese fin. Tamén algúns do seu partido semella que o intentan sacar do medio, cando menos non deixan de pórlle paus nas rodas (a última serpe de verán di que González e Guerra ofrécense en tándem como alternativa a Zapatero. A min a verdade cústame crelo porque serán calquera cousas agás parvos).
Se o que quere dicir é que con Zapatero se respira mellor que con Aznar, madía leva!, até con Bono se respiraría mellor.
Vostede di que nunca houbo tanta ousadía no goberno central para encarar o proceso de repensar, refacer España (emprego as súas palabras). Eu dubido que se queira refacer ou repensar España. Non creo que Zapatero (menos o PSOE) estea nese camiño. Simplemente son demócratas e toleran, pactan e negocian cos que temos outra concepción de España. Toleran, pactan e negocian cos que cremos que España non é unha nación.
Usando unha frase que non é miña Zapatero está pola España plural, non pola España plurinacional. É un avance, claro que si, respecto dos anteriores gobernos do PSOE, e xa non digamos nada respecto do “aznarato”. Mais cando falamos de aliados nesa España non debemos esquecer o que hai e non confundir os desexos coa realidade. A mesma IU non deixa de ser unha forza que non remata de asumir con todas as consecuencias a realidade plurinacional, e para proba as tensións que ten xerado na coalición a política de Madrazo e de EB.
A nova España non se pode construír pola alianza de Galeuscat sen máis, afirma vostede. Evidente, mais si lle podo dicir que as forzas nacionalistas, non só as de Galeuscat, son as que teñen turrado por outro modelo de estado. Aos “Zapateros” non se lles ocorre motu propio que hai que ir cedendo competencias, ou que hai que recoñecer a Cataluña como nación (aínda que sexa só no limiar do Estatuto), son os Galeuscat e outros nacionalistas os que crean a necesidade de ese avance. Penso que cómpre non esquecelo. Xa que logo penso que só as forzas nacionalistas son as que de verdade defenden a existencia como tales das nacións do estado que non son España.
Respecto a palabra Hispania é certo o que di. Eso non cambia nada; desa palabra ven a Hespaña que Castelao escribía con H e que abranguería a Portugal que tamén é unha nación da península. Mais creo que nin sequera como nome xeográfico corresponde exactamente coa península Ibérica, xa que os romanos denominaban Hispania (con apelidos, eso si) a unhas zonas do norte de África. Córrixame se me trabuco.
Respecto do comentario de Anónimo Político-Cultural de que imos polo bo camiño, aínda que con atrancos, desexo que sexa certa a súa visión. Só lle podo dicir que eu sei o que quero e para onde teño que empuxar por moi difícil que sexa.
Saúdos.

AV-MF- dijo...

É todo moi complexo, amigo.
Interésame escribirlle de novo, pero arestora non teño tempo.
Simplemente insistir en que a posible reorganización de España pode ser iniciativa, evidente, das nacións que non se acaban de sentir cómodas no conxunto, pero sen o consenso dunha boa parte dese mesmo conxunto non se logrará. E para iso, deben ver como ventaxe a reestruturación do estado, achegando a solución definitiva dun problema.
Coa irracional irresponsabilidade da dereita, de Zaplana e Acebes, paréceme que vai ser moi difícil todo. Saben que vende máis o vello pensamento posesivo centralista (¿Ya les dimos la autonomía y ahora que más quieren?)que as ideas de renovación. Neste sentido, teño un medo de incios da década dos trinta. As forzas modernizadoras do estado fronte a igrexa e a dereita máis feroz.
Sempre lle tiven tantas simpatías a Allende como tirria ao MIR por intentar acelerar as cousas lonxe da xente. Se cadra é momento de unirse máis no proxecto reformista do estado (a resvión de todos os estatutos parece ir por aí) que a facer declaracións maximalistas sobre quen é máis guai e de quen parte a idea e a presión. Si neste foro, claro, pero non ao público. Non sei que lle dicir, de política tampouco entendo demasiado. Voto e falo, uqe non é pouco.
Un saúdo
Afonso
PD/ Xa me gustaría a min ter tan claro saber onde tiña que empuxar. E todo moi complicado.

un amigo dijo...

Comezo polo final no que di que de política non entende demasiado. Di que vota e fala; eu engado que tamén escribe, xa que verte opinións políticas en xornais, e paréceme moi ben e anímolle a que o siga a facer. Por outra banda cabe preguntarse se alguén pode asegurar que sabe moito de política. Precisamente porque as cousas como vostede ben di son moi complexas, abofé que si.
Todos queremos que as cousas roden no sentido da historia que nos gusta e nin sequera facer análises a posteriori é doado. Que quere que lle diga do de Allende? Partindo da base de que me faltan moitos datos, ¿non será que nos anos setenta os USA non toleraban ningún exercicio de soberanía política que cuestionase o seu patio traseiro americano? Xa lle digo que non coñezo a fondo a cuestión, pero non será un exercicio un pouco masoquista botarlle as culpas ao MIR, por outra banda unha forza marxinal que nin sequera formaba parte da UP. Quizais o problema de Chile naquel momento foi que non gañou a Democracia Cristina de Frei, o pai, e gañou a UP de Allende. Terían que ter renunciado a levar políticas de transformación para evitar o golpe? Terían mesmo que renunciar a gobernar? As cousas son complexas como vostede di.
A solucións definitiva da que vostede fala non é outra que o recoñecemento das nacións do Estado como suxeitos políticos con soberanía, e consonte con iso a reconstrución do Estado Español como un estado plurinacional. Se imos no camiño de conseguir ese obxectivo chegaremos á solución definitiva.

Afonso V-MF dijo...

De acordo, amigo.
Obviamente a culpa do golpe de Chile fois dos USA como todos sabemos e da política activamente criminal que mantiña naquela época. A folga reaccionaria dos transportistas, o acaparamento de alimentos,e un grupo como o MIR , que aínda uqe marxinal, andaba con bombas. Foron as excusas. Pero os do MIR fixeron mal. As bombas son cousas moi molestas para un goberno, polo que obxectivamente, estaban cos que facían a pinza de verdade, a grande, como nos caranguexos ermitáns, doutra parte.
Dicía o meu vello profesor Don Carlos Alonso del Real que o máis parecído a un tonto de dereitas que había no mundo era un tonto de esquerdas. E os do MIR, andando o tempo, creo que o foron.

Leituga 1 dijo...

Nesta polémica sobre España, o estado plurinacional, as nacións, etc, que a min me gusta moito, o primeiro que quero facer é ofrecerlle os meus parabéns a todos os interviñentes por expresarse dunha maneira tan educada e respetuosa coas opinións dos demais nun tema que habitualmente encende paixóns entre os nacionalistas e tamén entre os non nacionalistas.
Eu atópome entre estes últimos. Detesto o nacionalismo español de tradición absolutista e católica que deu orixe á Guerra Civil. E tampouco aprecio o españolismo de esquerdas, de tradición liberal, cando vai tinxido de nocións e prexuízos nacionalistas. Aborrezo ETA, Batasuna e todo ese mundo noxento e criminal, neste caso non tanto por seren nacionalistas como pola súa dexeneración moral, moi dificilmente reversible. Non simpatizo nada co nacionalismo vasco en xeral, nin co PNV en particular, pola impronta que lle marcou a lume e ferro a súa orixe racista, catolicón e dereitoso. Soporto con paciencia o nacionalismo do BNG, na medida en que o vexo evoluír e civilizarse pouco a pouco dende aqueles tempos anti-Estatuto, do "parlamento de cartón" e do enterro de Castelao. Curiosamente, teño certa simpatía polo nacionalismo catalán, do que me gusta o seu xorne liberal e pragmático, probablemente o que máis saca de quicio á dereita española de sempre.
Coa maioría dos teóricos, historiadores e estudiosos do nacionalismo, creo que as nacións son máis un produto das narracións de élites culturais e políticas nacionalistas que entidades inmemoriais, eternas, existentes practicamente dende sempre. Esta última concepción, porén, é a que vexo subxacer nas consideracións da maioría dos nacionalistas galegos cando falan de Galicia, de España e do Estado plurinacional. Galicia como unha nación que existe... porque existe, porque ten unha lingua e unha cultura propias, como se estes dous elementos (poden engadirse algúns máis)fosen de seu suficientes para "ser" unha nación e, polo tanto (outro paso en falso), ter "dereito á autodeterminación". Neste discurso nacionalista, moi frecuente entre a militancia do BNG, a nación aparece como algo obxectivo, dado para sempre, e mesmo independente da conciencia e da vontade dos galegos. E se se introduce este tema -a vontade dos "nacionais" como factor imprescindible para a construción dunha nación- e nos decatamos de que Galicia está aínda moi lonxe de albergar unha vontade nacional clara (que se expresaría por medio da victoria electoral do nacionalismo), os meus amigos bloqueiros adoitan daquela acudir á "españolización", á "colonización cultural", ao "atraso", ao "caciquismo do PPSOE"... todos eles factores que "España" tería utilizado de xeito case maquiavelicamente consciente para dificultar ou impedir que os galegos recoñezan a súa "verdadeira identidade". Esta "identidade auténtica", non sei aínda hoxe moi ben por qué, só pode ser única -a galega-, nunca dobre -a galega e a española-. Algún día o velo hispano que cubre a alma orixinaria galega caerá e, entón si, Galicia accederá ao seu verdadeiro ser, sera ela mesma, soa e única, sen adherencias estrañas, españolas... A narración pode matizarse e completarse, pero é bastante parecida a esta.
¿Non cren que este discurso podería e debería ser revisado, aínda que só fose para adaptalo á realidade e ás percepcións sociais? ¿Venlle futuro, capacidade de convicción, se non hai grandes agravios por medio, a esta leria? ¿Por que o nacionalismo galego, sendo predominante no ámbito da creación literaria e artística, é sen embargo tan indixente na teorización política sobre si mesmo? ¿Debe o nacionalismo galego condenarse a seguir sendo unha opción meramente parasitaria e seguidista ora do nacionalismo vasco, ora do nacionalismo catalán?

marcos valcarcel dijo...

Ben interesante este debate, dende logo. Pola miña banda, quero amosar o meu acordo coa última intervención de Leituga 1 e a necesidade de revisar o discurso nacionalista galego, indixente na súa teorización política. Aínda máis, hai moitos anos, o asinante deste blog e o seu amigo Xosé R. Quintana presentaron unha novidosa e polémica enmenda nun congreso do PSG-Esquerda Galega que ía xusto nesta liña: a necesidade de acentuar os elementos voluntaristas e cidadáns do nacionalismo, contra calquera esencialismo obxectivista. Creo lembrar que a enmenda pasara adiante, con certas matizacións, despois dun valioso debate (disto hai moitos anos xa: tedría que mirar os papeis para confirmar as datas. Foi en Compostela).

anómimo político-cultural dijo...

Coido lembrar aquela emenda da que vostede fala, señor Valcárcel.

Pero de pouco lles valeu.

Camilo Nogueira non lles debeu facer moito caso, porque ultimamente anda dun esencialista subido á parra do historicismo máis decimonónico.

anómimo político-cultural dijo...

Espléndido o texto de Leituga 1, por certo.

Anónimo dijo...

Son Karlos
E como no Galicia Hoxe parece qeu non me deixan colgar o comentario fagoo aquí (non me deixan, supoño que por un prblema tecnico.

Señora Leituga, debido ao meu traballo tiven con outros avogados o caso de Bilbao entre as máns, polo que para min non é un simple suxeto que berra e ameaza encerrado nunha gaiola de cristal.
Di vostede que lle tirou a vida a 18 persoas. Os soldados do exercito español,o español por exemplo, teñen entre as suas encomendas matar por defender a súa patria. Mais supoño que algúns, non tan poucos, farianno, como profesionais, por cartos, e que entón así sería mais razonabel para vostedes?.
Bilbao di vostede loitaba por unha causa. polas súas ideas, e esta idea devolverialle a dignidade.
Pois ben amigos, a dignidade Bilbao nunca a perdeu. Se vostedes lle retiran a dignidade, a categoria de persona aos condeados de calquera estado, incluso nos mais lexitimados, cargarianse vostedes todas as cartas de dereitos humanos. POlo que observo con preocupación as suas afirmacións.
Segue parecéndome inxusta a petición fiscal de doce anos por insultar a un mortal.
Hai señores un conflicto con dous axentes que ten unha expresión e as saidas son limitadas: A mellor para mín é un proceso de paz, no que se vaian sustituindo as expresións violentas por expresións politicas.
Para vostedes co tipo de sentido comun que mostran (tan español, e tan pouco ilustrado) Haberia só unha parte lexitima: O Reino de España, e o outro axente viría a ser unha sorte de bandidaxe a que se pode se se portan ben rexenerar.
Estan vostedes ao axexo de calquera dato, fundado ou non ,que lles permita ampliar esa perspectiva dende a que mirar o conflicto. Son vostedes parte. Eu tamén.So que eu non dubido en non desposeer a ninguen da dignidade, porque, eu si, amigos, aposto pola xustiza e non pola venganza.
Fai vostede un perverso fundido de patrias.
Eu puiden ter matado na rebelion de Espartaco
Enfrentándome cos soviets ao exercito zarista.
Coa guerrilla do Che
Mais nunca co fascismo, nunca con Hitler, nunca con Franco nunca cos neonazis.
Señora Leituga ,como vexetal, pensa pouco e mesturao todo....patria....todo por la patria....a Guardia Civil con MOncho Reboiras...e non....eu penso...discrimino, separo...hai ensaladas que non me van.
Un saudo.

Unha nota:
Antes, aos nacionalistas dende o aparataxe intelectual español tildábsenos de esencialistas. Mais fumos espabilando, e enterandonos, viaxando, estudando e ata nos fixemos constructivistas, asuminos o da comunidade ideal de comunicación, reformulamos a nosa disidencia, puxemonos ao día e...de volta encontramos incrustado en todo esa aparataxe acusadora a negrura dunha españa esencial que se cola ata polos ranuras emerxentes do Psoe e moi perigosamente.
Señora Leituga polo que di as veces teño a sensación de que non é vostede un vexetal senón un fungo.
Un saudo cordial
Karlos

Anónimo dijo...

Son Karlos
E como no Galicia Hoxe parece qeu non me deixan colgar o comentario fagoo aquí (non me deixan, supoño que por un prblema tecnico.

Señora Leituga, debido ao meu traballo tiven con outros avogados o caso de Bilbao entre as máns, polo que para min non é un simple suxeto que berra e ameaza encerrado nunha gaiola de cristal.
Di vostede que lle tirou a vida a 18 persoas. Os soldados do exercito español,o español por exemplo, teñen entre as suas encomendas matar por defender a súa patria. Mais supoño que algúns, non tan poucos, farianno, como profesionais, por cartos, e que entón así sería mais razonabel para vostedes?.
Bilbao di vostede loitaba por unha causa. polas súas ideas, e esta idea devolverialle a dignidade.
Pois ben amigos, a dignidade Bilbao nunca a perdeu. Se vostedes lle retiran a dignidade, a categoria de persona aos condeados de calquera estado, incluso nos mais lexitimados, cargarianse vostedes todas as cartas de dereitos humanos. POlo que observo con preocupación as suas afirmacións.
Segue parecéndome inxusta a petición fiscal de doce anos por insultar a un mortal.
Hai señores un conflicto con dous axentes que ten unha expresión e as saidas son limitadas: A mellor para mín é un proceso de paz, no que se vaian sustituindo as expresións violentas por expresións politicas.
Para vostedes co tipo de sentido comun que mostran (tan español, e tan pouco ilustrado) Haberia só unha parte lexitima: O Reino de España, e o outro axente viría a ser unha sorte de bandidaxe a que se pode se se portan ben rexenerar.
Estan vostedes ao axexo de calquera dato, fundado ou non ,que lles permita ampliar esa perspectiva dende a que mirar o conflicto. Son vostedes parte. Eu tamén.So que eu non dubido en non desposeer a ninguen da dignidade, porque, eu si, amigos, aposto pola xustiza e non pola venganza.
Fai vostede un perverso fundido de patrias.
Eu puiden ter matado na rebelion de Espartaco
Enfrentándome cos soviets ao exercito zarista.
Coa guerrilla do Che
Mais nunca co fascismo, nunca con Hitler, nunca con Franco nunca cos neonazis.
Señora Leituga ,como vexetal, pensa pouco e mesturao todo....patria....todo por la patria....a Guardia Civil con MOncho Reboiras...e non....eu penso...discrimino, separo...hai ensaladas que non me van.
Un saudo.

Unha nota:
Antes, aos nacionalistas dende o aparataxe intelectual español tildábsenos de esencialistas. Mais fumos espabilando, e enterandonos, viaxando, estudando e ata nos fixemos constructivistas, asuminos o da comunidade ideal de comunicación, reformulamos a nosa disidencia, puxemonos ao día e...de volta encontramos incrustado en todo esa aparataxe acusadora a negrura dunha españa esencial que se cola ata polos ranuras emerxentes do Psoe e moi perigosamente.
Señora Leituga polo que di as veces teño a sensación de que non é vostede un vexetal senón un fungo.
Un saudo cordial
Karlos

AV-MonxardinF dijo...

Carlos, vas mal.

Achegarme á racionalidade do outro? Non, meu. Espero nunca me achegar. Pódome achegar, iso si, á comprensión da súa vida e da súa actitude. E do seu erro. Podo exercer e mesmo promover a xenerosidade da sociedade con el e cos seus. Pero trátase diso, da xenerosidade dunha sociedade madura do século XXI que quere vivir en paz, pero non de discutir se fixeron ben ou mal, se estaba xustificado rebentar centros comerciais con bombas ou pegarlle un tiro a un rapaz na caluga ou non. GAL non, Al Queda non, ETA non. A violencia no mundo das liberdades individuais, en occidente é fondamente despreciable. E noutros lugares habería moito que falar.
A racionalidade ... apártase do sentido común? Non, meu rei, non tal. Non fagamos xogos de palabras. Razón e sentido común son sinónimos para o común das xentes, entre as que me topo. Xentes sen complexos, pensantes e votantes, aínda que non todos filósofos nin avogados. Velaí a esencia da democracia.
Construír a imaxe pola televisión? Menos mal que nos iluminas ti coa verdade do coñecemento directo, avogado. Nós estamos manipulados por España, salamántiga lisa e envisgada, e ti nos abres os ollos co arrecendo dun abrente de liberdade en Euskadi.
Un meu amigo que estivo en Carabanchel na primeira metade dos setenta contábame que varios presos dese procedencia lle dicían que se meteran naquel fregado porque alguén, que “entendía máis que eles”, así llo recomendara. Pensar por outros. Como os soldados de calquera exército. Pensa un, manda un, e os outros acatan. E se queren abandonar, se descobren os vieiros da paz e queren recuperar a súa liberdade individual, non hai problema, xarope de Yoyes. E as estratexias e tácticas decídense democraticamente, como sabe Pertur. Eu non quero que ninguén pense por min, nin pensar por ninguén. E non che conto como me parece o de rebentarlle o occipital cun tiro a alguén porque pense de forma distinta.
Cando valoras como exército de voluntariosos patriotas a eses engañados polos cregos e pola falsificación da historia, falas en serio? Nótase unha certa envexa daqueles xogos de patriotas. E citas a Moncho Reborias. Lástima que non houbese cen Mocho Reboiras, parece que pensas. E eu digo, menos mal que só houbo un Moncho Reboiras e que o disparate do verán de 1975 acabou só cunha baixa. Cando xa se coñecía todo o mundo, cando xa se ventaba o cambio, cando a xente empezaba a falar de cómo facer o tránsito inevitable de sistema, nós, en Galicia, a recú, por puro mimetismo acomplexado dos vascos, iniciar unha estratexia militar? E algunha autocrítica por ter descuberto en 1975, cando se estaban ampliando as marxes de liberdade e se ventaba o cambio, que había que empezar a tiros? Non nunca xamais. Eu digo que só ese nacionalismo radical que nos ilumina segue sen anovar os seus líderes nestes últimos trinta anos –fora os que acabaron queimados ou cambiaron de bando radicalmente como Pedro Luaces, etc. E digo que menos mal que, máis adiante no tempo, en plena democracia, os grupusculos independentistas galegos, con vocación armada, só mataron a un garda civil en Galicia –seguramente máis paisano e máis galego que eles-, pois o noso “galician way” sempre foi outro. Nós xogamos á billarda ou á chave. Xogos de habilidade. Non levantamos pedras ou partimos troncos. Xogos de pura forza. Gústame Galicia. Gústame a historia laica e integradora do noso vello nacionalismo. Célula de universalidade, integración ibérica mesmo con Portugal. Nós, emigrantes, ollámonos desde América e vimos, ao lonxe, unha Terra cunha identidade plural, na que había varias sensibilidades pero en xeral, con máis vontade e inercia de nación–cultura que vontade de construír unha nación política, un estado galego. Tamén por iso, o galego seguiu vivo entre todos os galegos do común sen nación política construída e nin sequera por moitos imaxinada ou simplemente desexada.
Ademais, meu, as nacións non son inmanentes. Algo terán que ver coa vontade da xente. Os suízos, de varios pobos-lingua, comparten unha soa vontade de ser nacional, porque esa vía de organización da pluralidade en convivencia é a cerna da súa esencia identitaria nacional. Os arxentinos e os uruguaios, co mesmo pobo-lingua, coa mesma procedencia nacional de partida, teñen claramente dúas vontades de ser nacionais hoxe, e que eu podería discutir dicindo que son dous estados pero unha soa nación... e correríanme a gorrazos pola Nove de Julio ou pola Avenida 18 de xullo de Montevideo.
¿Por que son nacións? Porque queren. E poden deixar de selo? Se quixesen si, claro. E formarían unha soa. Nós entre Chile, Argentina, Uruguai... e entre Perú, Ecuador.... e entre os países do istmo (Salvador, Guatemala, Honduras...) non vemos diferencias espaciais. Son nacións porque teñen vontade de selo... Mesmo porque aceptaron a iniciativa de calquera militarucho que no XIX montou unha bandeira e un himno para defender o seu eido. E o pobo creuno. Somos mamíferos e temos un sentimento biolóxico da terra moi grande. Incluso se bebemos o suficiente, mexamos nas esquinas como os cans.
Na historia, na época do rei que rabiou e máis atrás, a inmensa maioría das xentes só estaban en contacto cun idioma, cunha cultura, cunha terra e as identidades estaban moi marcadas e eran reformuladas e asumidas por reis e gobernos. Pero ollemos o século XXI. Agora, todo é máis complexo. Sabemos miles de cousas que non imaxinabamos hai cento cincuenta anos. Sabemos ler e escribir, conducir, viaxar en avión, ir en poucas horas a Cuba ou nunha hora e media a Londres... A muller, esa cousa oculta que paría, xa está ao noso lado, ou nós ao dela e somos, para felicidade de todos, iguais. O mundo, a identidade da xente, non ten nada que ver coas vellas formulacións. Falamos e estudamos moitas linguas (¿o señor quere falar só galego?), escoitamos moitas músicas (o señor quere só Fuxan os ventos?), compartimos a memoria mundial do cine (Só ver Mamasunción?), da literatura (se un le só os galegos, rebenta), etc. Temos moitas linguas superpostas, tempos moitas identidades superpostas (o meu refraneiro galego, o último disco de Dylan, aquel viaxe coas fillas a Eurodisney, e por qué non, o amencer cunha cervexas na man na Praza de Santana en Madrid) e temos, creo, xa, moitas nacións superpostas. Porque antes un sabía que nacía en Cudeiro e non sabía máis do mundo. Pero hoxe, creo que sabemos que somos como as bonecas rusas, ou como as cebolas, con capas. E igual que non quero que ninguén me faga ignorar ningunha lingua, non quero que ninguén me faga ignorar ningunha das varias nacións e familias a que pertenzo. A dos seres humanos, a herdeira do mundo xudeo-cristián occidental, agora laica e liberal, a europea, a do mundo latino e a do mundo celto-atlántico, a hispana de España e de toda a América do sur, a galega, de Ribadeo a Tui e dos Ancares a Igrexa de Santa Rosa de Lima en plena Avenida de Belgrano, a ourensá, desde San Cibrán de Las ao meu Cudeiro das raíces...
En calquera a miña nación dominante –e a miña lingua dominante- decídoa eu. E a nosa nación, a nosa lingua dominante, decidímola nós. A nación é, tamén un acto volitivo de todos e cada un. Eu quero que a miña xente teña moitas linguas e moitas nacións. E que sexa a esencial, a galega, claro. Por iso escribo nesta lingua e por iso debemos falar con calma aquí e sen facer heroes onde só hai escuridade. Deámoslle luz.
Eu remataba o meu artigo do Galicia hoxe, falando das cicatrices que deben aprender a levar e da oportunidade que lle hai que dar á paz. Pois iso, haxa paz e repartan gloria.

anómimo político-cultural dijo...

Espléndido, señor Monxardín, espléndido. Sentimento e racionalidade, argumentos e sensacións, ensarríllanse á perfección no seu texto que está por riba deste.

un amigo dijo...

Logo de dous días sen entrar nesta bitácora, vin que apareceron novos comentarios. O último que vira fora o comentario do señor Afonso que falaba de “tontos” de esquerdas e de dereitas. Mire vostede, ese tipo de debates parécenme moi interesantes, entre outras cousas para evitar repetir erros e irmos aprendendo da historia. Pero se os usamos como cerne do noso discurso podemos facilmente confundir prioridades e mesmo obxectivos. Lémbrame un pouco esas polémicas excesivas de certos sectores (maiormente de estudantes novos) sobre o papel que xogaron na guerra civil española anarquistas, comunistas, “poumistas”, etc., que pretenden enlazar aquelas cuestións de hai setenta anos coa situación actual. Polémicas que poden ser moi interesantes, pero que si non acoutamos rematan por ser inútiles para un debate sobre o mundo actual.
Respecto do que di Leituga coincido en gran parte aínda que penso que o seu discurso ten trampas.
Comezo pola primeira na que se define como non nacionalista. Resúltame difícil entender que exista unha persoa no mundo que non sexa nacionalista. Outra cousa é que ese nacionalismo non se faga explícito ou simplemente non precise facerse explícito. Digo esto porque toda persoa ten unha identidade, e a partir da mesma o marco político no que se desenvolve esa identidade pode resultarlle o acaído ou non. E todo isto con todos os graos que se queira. Se a identidade da persoa non renxe no marco estatal no que vive non precisa identificarse como nacionalista.
Para un nacionalista español non é preciso recoñecerse como tal se o actual marco político lle resulta razoabelmente axeitado, ou polo menos se o actual marco estatal lle permite a marxe de manobra suficiente para as súas aspiracións neste campo. ¿Explícome? Incluso pode definirse como non nacionalista. Non precisa definirse como nacionalista porque o marco xurídico-político (estatal) no que vive é suficientemente satisfactorio para a súa identidade. Non vou comentar as súas simpatías ou antipatías con uns ou outros nacionalismos (incluído o español), con algunhas coincido moito e con outras menos; en calquera caso o desenvolvemento de todos eles é producto da súa evolución histórica, e dos apoios sociais e ideolóxicos nos que se basearon e basean.
Coincido con leituga en que as nacións non son eternas, inmemoriais, etc. As nacións son construcións históricas e por suposto teñen moito de construción volitiva. As nacións para facerse e para subsistir necesitan da vontade dos seus “nacionais” como vostede di. Pero non faga trampa ao aducir a falla de maioría nacionalista en Galiza. Cómpre, evidentemente, incrementar os elementos voluntaristas; se non hai vontade no pobo non hai nación.
Como quere que exista maioría nacionalista en Galiza logo de todo o que ten chovido? Máis ben o que habería que preguntarse é como existe nacionalismo en Galiza.
Acenda a tele ou a radio, colla un xornal, entre nunha tenda, estude nun centro de ensino neste país, ¿Que se está a transmitir? En que falan todas as teles e radios agás unha? En que lingua están os xornais agás honrosas e pequenas excepcións? Que historia se segue a transmitir nos colexios? De que selección de fútbol nos falan até o aburrimento malia non gañaren un torneo de chapas? Podemos seguir ad infinitum, non só relatando o que foi e que elementos se lle subministraron aos galegos para construír no pasado a propia identidade, senón os que se seguen subministrando hoxe. Por certo ¿Acaso non pensa que PP e o PSOE son instrumentos desa alienación?
Discrepo bastante de que o nacionalismo galego teña copiado do nacionalismo basco ou catalán. Para ben ou para mal ten sido producto do país, coas debilidades propias tamén.
Respecto do comentario do señor Karlos as miñas discrepancias en algunhas cuestións son profundas. Vaia por diante que non cuestiono o seu traballo como avogado (calquera acusado ten dereito a el), nin cuestiono a dignidade que ten calquera persoa acusada (por suposto o señor Bilbao tamén). Coido que ninguén lle tirou a dignidade ao señor Bilbao, xa que é el mesmo o que a perde coa súa actuación. Non lla tira ninguén, pérdea el. Remítome ao que dixen no primeiro comentario que gravei neste post.
Non quería entrar no tema da violencia no conflito basco, entre outars cousas porque non son basco e o que diga pode interpretarse en clave galega. Pero vexo que é imposíbel librarse. Por suposto que non é o mesmo ser espartaquista ou resistente antinazi que esclavista ou fascista, escuso dicirlle de que parte están as miñas simpatias. Tamén sei que hai un conflicto, un contencioso basco, ou como se lle queira chamar. Pero, como di o señor Afonso nun comentario seu, o recurso á violencia, hoxe e no noso entorno, é sinxelamente intolerábel, ademais de inútil.
Penso que no mundo abertxale debería haber unha reflexión fonda do que supuxo o recurso á violencia nas últimas décadas. Reflexión non só das consecuencias políticas, senón tamén no plano moral, ético ou como queira vostede. Se non é preciso prefería non escribir máis sobre o tema (aínda que non teño inconveniente en aclarar as miñas opinións) e desexar que a substitución da violencia pola política tome caracter definitivo.
Respecto do último comentario do señor Afonso pásame como co artigo “Retrato dun desgraciado” que daba orixe a esta polémica. Se ben estou de acordo coa idea inicial que se transmite, discrepo de ideas e, sobre todo, de análises que se van deixando caer. Non podo concordar con como se analiza o episodio de Reboiras no 75. ¿Acaso non foi un asasinato? Como pode dicir que no verán do 75 xa se ventaba o cambio. ¿Que cambio? O dos cinco fusilados naquel outono, algúns galegos por certo. Por favor, non me venda unha “historia da transición” propia dalgunha promoción dalgún xornal de domingo. Tampouco concordo con ese recurso ao nacionalismo como illacionista, afastado do mundo e sen contacto exterior, resulta pouco afortunada esa caricatura. A moitos nos gusta Dylan (por certo máis que Fuxan os Ventos) ou pasear por París e tomar unha cervexa no Café da Paix (Non vou a Eurodisney porque non teño ningún cativo ao que levar). Paréceme un recurso pouco intelixente e inadecuado a este foro no que, con maior ou menor fortuna, aportamos argumentos facer interpretacións de posturas que ninguén fixo.
Coincido eso si co seu desexo, acho que de todos, de que haxa paz.

Afonso V-MF dijo...

Amigo amigo:

O meu artigo titulábase “O roto con causa” e non o que lle puxo Marcos de “Retrato dun desgraciado” que pode ser duro de máis. Trataba o meu artigo orixinal de construír unha ficción psicolóxica baseada na proxección que temos das reacción descontroladas dese individuo.
Estou de acordo con que os debates sobre o que foi e o que pasou poden afastarnos sobre o interesante, que é o mundo actual. (Por iso non lle son eu demasiado amigo de desenterrar cadáveres de asasinados hai setenta anos e remexer naquilo). Pero como debemos ter claro como foron as cousas en foros como este, permitinme facer a miña interpretacións, non exenta de provocación como é obvio, do tema do verán de 1975. O importante creo, non é tanto se se ventaba ou non o cambio, senón o mimetismo vasco e a falla de anovación da dirixencia nacionalista. E cando falo disto último, refírome a que os promotores permantentes do recurso de “agudizar as contradicións” tan en voga naquela altura, consideraron naquel verán que xa estaba o tema maduro como para “dar o salto” e seguir o exemplo vasco. A subtracción dos DNIs de Lugo, creo lembrar, non tiña como destinatarios últimos os galegos. As reunións ETA, PSAN (p), UPG de Portugal están aí. E a carta de Brest? De que cultura política estamos falando? Claro que reviradas desde as tácticas insurrecionalistas primeiro, deslexitimadoras do sistema parlamentario colonial –Parlamento de Cartón, virulentos ataques á renovación do nacionalismo que supuña o POG, etc.- ata a aceptación do sistema, á xestión de importantes parcelas na autonomía, creo, esixirían algo de autocrítica sobre o pasado e unha renovación profunda das dirixencias. E non estou falando das imaxes públicas, ben me entende, vostede. Doutro xeito, parece que son máis adaptacións tácticas á situación do momento que conviccións fondas no sistema democrático parlamentario occidental.
Non falo de nacionalismo illacionista, falo de que o mundo e as identidades cambiaron. Na época de Nós, eles eran moi modernos porque estaban cabo do camiño dos cambios que se producían no mundo –se cadra non tanto como a nós nos gusta pensar- mentres que o resto da poboación saía de aldeas sen luz eléctrica para ir a América, analfabetos. Hoxe cos medios de comunicación e coa sociedade na que, por sorte, vivimos, o benestar e a comunicación global fai todos eses cambios e ese mundo –insisto música, cine, Formula 1, bombardeos do Líbano, Guantánamo, 11-S, hipertrofia do mundo do deporte, caiucos- sexa moeda de fala corrente para todos. Creo que as conversas habituais entre os habitantes de Dublín, Ourense, Milán, Copenhague son bastante semellantes. Desde logo teño claro que as miñas fillas teñen máis que ver e terían máis de que falar con outros mozos europeos que co meu avó de pequeno, ou incluso coa miña nenez de leite en po americano, Cara al Sol na escola e verán en Cudeiro.
Entón, neste mundo que tanto cambiou, non é preciso repensar a idea de nación e de nacionalismo? Non comprende que non sexa todo o mundo nacionalista? O dicionario da RAG sinala que “nacionalismo” é “doutrina política que exalta o sentimento nacional...” e moitos desconfiamos da palabra “exaltación” vinculada con política. ¿Pódese promover o exercicio dunha identidade galega plural con normalidade e sen paixón? Non o sei. Hai pobos con estado, moi nacionalistas, que meten as bandeiras ata na sopa, e que se gaban continuamente da súa identidade e outros máis tranquilos neste aspecto. (Estiven no verán en Irlanda e, a pesar de entender a historia da opresión inglesas, etc. viñen farto da “irish identity” daquela xente encantadora e marabillosa. Por certo, creo que se alegraron máis en Dublín a vitoria de Portugal sobre Inglaterra no mundial de futbol que en Lisboa).
A transición? Son un fondo defensor do seu éxito, daquel espírito e daquel exemplo. Mire vostede, un día escoitelle a Arzallus gabarse de que o único lugar do estado no que triunfara a “ruptura” fronte á “reforma” fora Euskadi, porque absolutamente ningún cargo público –de deputado foral ou dos outros, concelleiros, etc.- recuncara entre os dous sistemas. Vaia carallo, pensei. Velaí un problema. Mira do que se gaba o home, de deixar fóra a unha parte. Porque entre os concelleiros que había daquela, obviamente, había tamén boa xente, pouco ou nada totalitaria que era bo repescar (Non coñezo, obviamente, a situación no País Vasco, falo desde Ourense). Moitos concelleiros benintencionados do vello réxime pasaron a UCD, como sabemos, outros a PP, moitos a CiU e supoño qeu algún ao PSOE. Do mesmo xeito que mandos daquela cousa dos campamentos da OJE e profesores de educación física, boa xente, pasaron ao PC, como ben sabemos en Ourense.
Erros na transición? Sen dúbida moitos. Pero sobre todo me interesan os máis achegados a min. Entre eles que o nacionalismo galego dominante, xogase a situarse fóra dun sistema que trataba de deslexitimar e ao enfrontamento continuo con todo o mundo, agás as “relacións exteriores”, que esquecese a Antón Alonso Ríos, presidente do residual Consello de Galicia pero que podía decorar ben unha transición recuperatoria de algo que cheirase a institución galega da preguerra. Pero ao nacionalismo antisistema non lle interesaba. Erro foi que o nacionalismo dominante montase unha inmensa tractorada o día 4 de decembro de 1979 contra as manifestacións a favor da autonomia... A autonomía, lembrémolo, chega coa oposición frontal e radical, do nacionalismo galego dominante. E os do POG, que se consideraban partido para a liberación nacional, pero non nacionalista, a favor daquel proceso autonómico, levou paus dos dominantes ata no carné de identidade. Miopemente, en vez de involucrarse o BNPG na consecución da autonomía, esta chegou entre os berros de “Galicia ceibe, poder popular” –que anacronicamente aínda ecoan de cando en vez na Quintana- e “Estatuto nunca máis, bases constitucionais”, bases redactadas, entre outros, polo redactor de Libertad digital, Vilas Nogueira.
Non sei se me enganerei no do verán de 1975... Pero a actitude do nacionalismo dominante na transición foi de auténtico disparate. Sen entender nada do que estaba pasando. Fóra do mundo e do espazo. Tratando de patrimonializar a idea de Galicia. Enfrontamento cos axentes da cultura, cos galeguistas con outras visións. Cos partidos españois progresistas. Entre outras cousas por isto, tardou máis de vinte e cinco anos en rascar bola.
E eu, para isto, para esta memoria histórica tan recente, con axentes vivos e actuantes na política, non quero esquecemento. Quero escoitarlle a alguén que nalgún momento se equivocou. Autocrítica.
Non é un tema como o da guerra civil de hai setenta anos, é un tema de onte á mañá e na mesma cerna e orixe das institucións que dar forma política á nosa identidade nacional.

anómimo político-cultural dijo...

Moito me temo que nunca recoñecerán que se equivocaron daquela (Transición). Mudaron de camisa, si, pero esqueceronse de lavarse ben por dentro.

anómimo político-cultural dijo...

En honor á verdade, tamén hai outros que se equivocaron e tampouco o recoñeceron.

Témome que en todas partes cocen fabas.

(Pero unha cousa non quita a outra)

un amigo dijo...

Señor Afonso:
Eu penso que houbo erros e ademais que algúns deles son evidentes. As posibilidades de que se recoñezan por parte dos “autores” son poucas. As organizacións políticas teñen unha grande inercia a non recoñecer que se equivocan. As organizacións do nacionalismo galego tamén, non penso que máis que as outras. E organizacións non políticas incluso máis, vexa se non a Igrexa Católica. Quizais é que vai coa natureza humana, tampouco hai moitas persoas que recoñezan abertamente os seus erros.
E se falamos do campo do nacionalismo que vostede chama dominante, hainos. Mais cabería falar tamén dos erros non menores noutros nacionalismos e no eido do galeguismo.
Penso coma vostede que foi un erro rexeitar a autonomía no 79 por parte do BN-PG. Non porque crea que a alternativa rupturista que supuñan as Bases Constitucionais estivesen mal, senón porque no 79 xa non tiñan viabilidade algunha como alternativa. A reforma política do franquismo fora adiante e o campo de xogo era outro. Non houbo a cintura política para albiscar o novo tempo político e penso que se equivocaron.
Abeiremos o tema de Vilas Nogueira e considerémolo unha das súas provocacións ás que facía refeerencia, porque o feito de ser hoxe un conspicuo ultradereitista non muda para nada a súa achega naquel momento e o que foron as Bases. Noutro comentario facía referencia a Pedro Luaces, en fin que quere que lle diga, tampouco se pode poñer eso no “debe” de ningunha organización. As xentes cambian, e a uns non nos gustan certos camiños que toman e a outros (que llo pregunten a Cacharro Pardo) seguro que si.
Vostede fala de mimetismo respecto do nacionalismo basco. Eu non penso tanto, máis ben me remitiría aos fundamentos ideolóxicos e ao pensamento político no que nacera aquel nacionalismo, moi en auxe dende a década dos sesenta. O modelo de fronte de liberación nacional e o exemplo dunha serie de revolucións triunfantes (Vietnam, Cuba Arxelia). Pero non hai que esquecer que, para ben ou para mal, era o que había e ademais non se pode negar que ese modelo conseguiu levantar algo aínda que pequeno onde non había nada. Mesmo tivo “masa crítica” suficiente para chegar até hoxe. Se habemos de facer caso do relatado por Francisco Rodríguez no recente libro de conversas con Xose Mexuto, a actitude da UPG neses anos non era a de abrir unha fronte armada, senón “ter unha ampla base social, actuar no seo da sociedade e das institucións. Na medida en que non se sabía cantos anos podería durar o franquismo e que este era un réxime ilexítimo e anti-democrático, que negaba a nosa existencia como pobo, estábamos dispostos a asumirmos outro tipo de actuacións clandestinas encamiñadas a conseguir infraestrutura e medios”(sic). Na mesma pax. 72 do que esta tomado o texto anterior dique era un grupo á marxe da UPG e que nunca pretenderon avalar a loita armada. Poño esto porque a persoa que o di formaba parte da dirección da UPG dende o ano 72 e loxicamente coñecía o asunto.
Fala vostede do enfrontamento que levaban con outros grupos galeguistas ou progresistas. Aí tamén lle dou a razón, mesmo lle darei o nome que creo que ten ese comportamento: sectarismo. Xustamente o contrario da actitude que se abriu no 82 coa constitución do BNG.
Co de Antón Alonso Ríos si que non estou de acordo. Se alguén tiña que terse lembrado da legalidade republicana eran os galeguistas, non llo bote en cara ao BN-PG, que como di vostede andaba noutra onda. Mire, aquí de culpas e erros non se libra ninguén. Onde estaban os galeguistas dos que vostede fala?, que acción política viñan facendo? Que resultado deu o “entrismo” nos partidos estatais. Albor en AP de presidente da Xunta e Piñeiro e Casares no PSOE apoiando cos seus votos a expulsión de deputados nacionalistas.
Está claro señor Afonso que hai cousas que vostede valora de xeito oposto a min. Coincido na valoración positiva de Arzallus (que non coñecía, por certo) de que ningún cargo público da ditadura seguise despois por elección popular. Que quere que lle diga, nese asunto sinto sa envexa desa sociedade. Pola contra aquí aturamos dezaseis anos a un fascista de presidente da Xunta. E se falamos de alcaldes, que lle vou dicir, algún debe haber aínda de aqueles que eran “Alcalde y Jefe Local del Movimiento”; eso si que é mudar a camisa e deixar a roña por dentro (como diría Anónimo Político-Cultural). Entronco este comentario coa valoración da transición. Non lle vou enganar se lle digo que non foi o que eu quería, supoño que para vostede tampouco, deixémolo en que foi o que foi, cos erros e cos acertos dos diversos actores. Parafraseando a Iglesias Corral, “aquí pasou o que pasou”.
Pregunta vostede se non creo que hai que repensar o concepto nación e o concepto nacionalismo. Claro que si, a cotío se me apura. Pregunta tamén se non comprendo que poida haber persoas que non son nacionalistas. Comprendo, eu mesmo, porque de feito non me recoñezo nesa definición do dicionario da RAG. Tratei de explicalo noutro comentario e quizais non o fixen ben, podo volver a intentalo. O cerne do asunto é a identidade, ou se quere as identidades, porque como moi ben di vostede temos moitas identidades. Unha desas identidades é a identidade nacional, pode haber quen teña varias, claro que si. A miña identidade nacional é galega, son galego de nación. Ademais, por suposto, son outras moitas cousas. Un galego de nación coma min reivindica soberanía política para esa nación. Eso chamase nacionalismo, ou se quere recollendo esa achega do POG na segunda metade dos 70 da que falaba vostede, estou pola liberación nacional. Para nada me interesan as “exaltacións nacionais” (outra cousa é o uso político das mesmas, porque fai uso delas todo o mundo, e non deixa de ser un instrumento que aínda que non guste hai que considerar). Por esa mesma razón moitas formas (non digo todas) do nacionalismo español son imperialismo. Porque as aspitracións dese “nacionalismo” conséguense coa negación e opresión doutras nacións, a galega entre elas. Xa sei que pode sonar en moitos ouvidos como rancio, pero segue sendo nacionalismo fronte a imperialismo.
Un cordial saúdo

AV-MF dijo...

Eu tería sido partidario de montar unha organización política en vez de facer intrismo, pero era posible coa virulencia con que eran atacados e coa inexperiencia politica dos "culturalistas"? Co POG intentouse, triunfou parcialmente na entrada ao Parlamento, era demaisado de esquerdas para o país no que cumpría unha alternativa para o xogo, non para os debates ideoloxicos. Ademais, ao pouco e con todo o trabllo de Camilio por detrás, cambiou o ciclo e foise a anovación ao carallo, con perdón. Entre Beiras e Camilo a xente quedou con Beiras máis atractivo e que tiña unha organizaicón ampla por detrás qeu funcionaba da man ferrea dos seus dirixentes. (O pobo é soberano e pode derrubar a un goberno socialista que non o fai mal e impón a semana de 35 horas como pasou en Francia, ou equivocarse, creo, na escolla).
Valoración dos froitos do intrismo de Realidade Galega?
Pois un optimista diria que a aprobación de varias leis e unha nova sensibilidade. Desde a Lei de Normalizacion Lingüística -por unanimidade- que abriu camiños, ao ensino do galego como tema obrigatorio, o monolingüísimo da administración autónoma, o feito de, andando o tempo, o propio presidente Fraga utilizase esta lingua de forma abundante, a consideración de nacionalidade ao carón das outras dúas, a montaxe da TVG, etc.
Creo qeu contribuiu a non identificar Galicia cunha opción política concreta senón cun sentimento -todos reivindican o galeguismo- e unhas institucións. Era mellor que todos falasen en galego e de Galicia que facer de Galicia un sentimento partidario. Creo, pero non estou seguro.
De acordo co de Alonso Ríos. A culpa foi dos galeguistas, pero eles historicamente estiveran enfrontados co Consello de Galiza pola lexitimidade da voz da historia, e ningún o ía reivindicar,a non ser Paz Andrade, se cadra, e, sobre todo, que non existían politicametne.
En calquera caso que Alonso Ríos, alá en 1980 se tirase ao tren na estación porteña de Constitucion por non poder seguir aturando unha vida ingrata, debe ser un cargo de conciencia para todos nós.
¿E que gañaron os deputados nacionalistas saíndo do Parlamento?
¿Agudizar as contradicións? Mire Vd. eu prometín a constitución por iso de facerme funcionario e non creo que fose peor xente eu despois de facelo. Se é baixo coacción, chega con cruzar os dedos por detrás das costas, en vez de renunciar á actuación política onde se facía e fai a política.

un amigo dijo...

Coido señor Afonso que non da acaída resposta ao meu último comentario. Vostede mesmo me da a razón. Por unha banda di que tería sido mellor que os galeguistas históricos, “culturalistas” chámalle vostede, tivesen creado unha organización política. Eu tamén penso o mesmo, polo menos terían engarzado co galeguismo da segunda república como fixeron bascos e cataláns, e isto con independencia do resultado que acadasen nas urnas.
Por outra banda vostede achácao á inexperiencia política e a virulencia con que eran atacados. Non me faga rir. Inexperiencia política porque xa vinte anos antes da morte de Franco tiñan renunciado a facer política, mesmo cortando as relacións co galeguismo que viña da República. E o da virulencia do ataque sona a broma. Ataque por parte dos que non deixaban de ser un grupo marxinal fronte a unhas respectábeis vacas sagradas da cultura. Recoñezo o caracter sectario do nacionalismo BN-PG na década dos setenta. Mais de eso a facelo responsábel de que non agromasen outras organizacións galegas nacionalistas, non por favor, é un argumento que non se sostén.
O POG demasiado de esquerdas? Quizais vostede pensa que ese foi o problema. Eu non concordo; de feito o evoluír desa corrente do nacionalismo que naceu co POG foi cara a dereita, no remate UG, e non lle valeu de nada. Creo que esa corrente do nacionalismo fixo achegas importantes, mais non acabou de entender o país. Non vou entrar no que creo que tivo de bo e no que creo que errou porque alongaría moito o comentario e o debate xa ten substancia abondo; pola miña parte déixoo para outro día. De verdade non creo que se poida resumir polo atractivo de Beiras versus Camilo. Eu son dos que penso que Camilo fixo achegas anovadoras de máis importancia que Beiras, pero xa digo que creo que eso é para outro debate.
Do “éxito” de Realidade Galega xa case o di vostede adxudicándolle todos os avances en boca dun optimista. Menos mal que estaba Xosé Luis Barreiro na vicepresidencia da Xunta (presidencia operativa ante Albor que facía de raíña nai; lémbrase do merendiñas?), creo que lle debemos máis a el, que non respondía a ningún tipo de etiqueta de nacionalista ou galeguista (sorpresas que da a historia) que a todos os de Realidade Galega.
Mire señor Afonso, eu non digo que os deputados expulsos gañasen ou perdesen por non xurar a constitución. Eu só falei do papel que xogou cada quen naquela historia. Cando se presentaran as eleccións e cando tomaran posesión do escano non se esixía xuramento como vostede seguro coñece, logo non hai nada que lles reprochar por non a xurar (ou prometer). Logo no 85 xa era un requisito e Beiras tivo que apandar aínda que fose pola memoria de Castelao. Pero mire, a min (e penso que para ningún demócrata) non me parece aquela historia un tema menor. E xa que vostede pide autocríticas, eu tamén llas pido aos “galeguistas”, “progresistas”, etc. que consentiron e apoiaron tal abuso. O nacionalismo (os diversos) galego cometeu e comete erros, pero non cometamos nós o erro de caer na trapela dos que sinxelamente queren a súa desaparición.
Outro cordial saúdo.

anómimo político-cultural dijo...

En primeiro lugar, e sobre todo, quero felicitar sincera e encarecidamente tanto a Monxardín como a Amigo (quizais o meu vello amigo ALC?) polas boas e exquisitas formas e polo alto nivel do seu debate. Así dá gusto! Xente razoable, con candanseus argumentos, que son quen de debatir con normalidade. Non é algo frecuente, non. Desde logo, coido que non é moi frecuente na rede. Os meus parabéns outra vez.

Quixera terciar un pouco no seu debate, se mo permiten. Por suposto que non coa súa enxundía nin co seu bo facer, senón moito máis modestamente, e dun xeito incompleto e fragmentario, namentres tomo unha copiña de Mencia do Bierzo.

Meu querido amigo Amigo: fomos moitos os que, ben noviños, nos socializamos no nacionalismo galego radical (por usar unha denominación cómoda) liderado pola UPG durante a Transición, participando da súas ideas, cosmovisión e complexo mítico-símbólico. Sen embargo, tanto a súa política antisistema e de superoferta (por usar os clásicos termos de Sartori), que ía cada vez a traspés, como, sobre todo, o modo sectario de proceder no plano interno (purgas, persecucións, expulsións, etc.), que penalizaba mesmo as críticas mái superficiais, fixeron que nos foramos alonxando do mesmo. Non tanto deixándoo de votar, senón anoxados con tanto sectarismo, servilismo militante e burremia (si, burremia en bastantes casos).

O caso é que nos fumos facendo maiores. Fumos estudando, lendo, madurando persoal, política e culturalmente (nunca o suficiente), e cada vez se nos facía máis patente que o nacionalismo comandado pola UPG non era quen de satisfacer os obxectivos dun autogoberno para Galicia, nin tampouco colmar as aspiracións de xustiza social, entrando nunha posición cada vez máis marxinal e excéntrica verbo da nova democracia, que, cos seus máis e os seus menos, se estaba a desenvolver en España (prefiro a denominación España que a franquista Estado Español).

Piar fundamental desta política antisistema e de superoferta foi, na miña opinión, a erradísima e miope oposición frontal á Autonomía, a cerril confrontación contra a posibilidade de ter un autogoberno, por moi insuficiente que se xulgase in nuce. E dentro dela o combate sen tregua contra as restantes forzas políticas: contra o POG (logo EG), contra o PCG, contra o PSOE, contra o MCG, contra CC.OO., etc. Estoume a referir aos anos de xestación da Autonomía. Se daquela, coa capacidade de mobilización social que aínda, o nacionalismo dirixido pola UPG se puxese á fronte da reivindicación autonomista (Autonomía que custou carros e carretas conquistar, non se esqueza), quizais outro galo nos cantaría, quizais os sectores máis acerrimamente centralistas da UCD recuasen antes e quizais se conseguise unha maior autonomía. O resultado tal vez podería ser outro do que foi: ter máis e moito antes a Autonomía para Galicia.

Aínda así, votamos á coalición do BN-PG (UPG + AN-PG) co PSG para os primeiros comicios autonómicos (e nas xerais e nas municipais). Pero os tres deputados logrados (Bautista Álvarez. Lois Diéguez, Claudio López Garrido) non aproveitaron esta nova posibilidade. Atados á política antiautonomista non tiveron a intelixencia de sortear os obstáculos. E deixémonos de lerias autocompracentes: o que fixo Beiras anos despois ben o puideron facelo estes tres, ou non?

Creo que é botar balóns fóra pedirlles aos outros grupos políticos de esquerdas presentes no parlamento que se solidarizaran co nacionalismo radical dun xeito tan pleno que este, despectivamente, nunca fixera con eles. Eu douche unhas labazadas e ti dasme xentilmente a man e, de paso, suicídaste? A política non é iso.

Por outra parte, e a título de mera hipótese, este episodio da “expulsión” e do “parlamento de cartón” non está moi clarificado realmente. Dito doutro xeito, non está estudado convenientemente o que fixeron, ou deixaron fixeron, uns e outros. Sospeito que cando se estude, se cadra temos algunha sorpresa, e ao mellor Casares e Piñeiro, como Camilo Nogueira e mesmo como Rosón, trataron de tender pontes que ficaron rotos. Digoo a título de mera hipótese.

O proceso de xestación do BNG foi, para moitos de nós, unha nova oportunidade. E por iso participamos, nun plano local e modestamente, na súa configuración. Pero axiña quedou claro que, a pesar dos pesares, o novo invento era, de momento, o mesmo can con distinto colar (e permítaseme usar tan gráfica expresión). Non houbo muda substancial nos postulados: antiautonomismo, visión de Galicia como unha colonia (seguir a soster isto, aínda hoxe, é algo máis que unha estupidez: é un mito que impide ver a Galicia real, e descúlpeme quen me teña que desculpar), etc., etc.

Con todo, pouco a pouco, lentamente e con contradicións, o BNG foi mudando sobre todo a súa estratexia política, e non tanto o substrato interpretativo e a súa (sub)cultura política.
....................

(Descúlpenme todos vostedes, porque agora quixera seguir, pero estou xa canso e é moi tarde. Quizais continúe outro día. Queren que os ameace co "continuará"?)

Un cordial saúdo a todos.

un amigo dijo...

Para Anónimo Político-Cultural:
Que lle vou dicir do nacionalismo de base UPG se vostede estivo nel, (socializouse nel, di). Non llo discuto porque ademais sei que foi así. Sei desas purgas internas; o sectarismo ao que eu me refería noutro comentario non era só para fóra, era tamén para dentro. Sei tamén que o BNG do 82 naceu lastrado e que as cousas nin foron, nin son fáciles. Non son dos que penso que a verdade é única: as cousas son poliédricas e teñen moitas facianas.
E a realidade é que as organizacións políticas que naceron fronte a ditadura tiñan uns postulados políticos cargados de esquematismo e de receitas que trataban de suplir a falla de análises finos. Mire, eu non sei se Galiza é unha colonia ou non. Ou se o é, que tipo de colonia é. Supoño que dependera de como definamos colonia. A estas alturas me importa bastante pouco que etiqueta lle poñemos. Mais tamén podemos recoñecer que con todos os erros, con todas as eivas, os nacionalismos galegos chegaron até aquí e foron os que teñen termado do país como entidade política propia. E dentro dos nacionalismos galegos, o nacionalismo galego de base UPG, “radical”, “popular” ou como lle queiramos chamar xogou un papel moi importante e mesmo central. Con análises no meu entender errados (o que xa temos comentado do rexeitamento da autonomía), pero outros, tamén no meu entender, moi atinados (incluso algún que se ten manifestado máis certeiro segundo pasaban os anos).
Noutro comentario dicía que o POG, no meu parecer, fixera achegas importantes. Unha delas creo que foi aquela de chamarse “obreiro” para abranguer todas as correntes que foran xurdindo ao longo da historia do movemento obreiro, e non etiquetarse con ningunha delas. Así o POG, e logo Esquerda Galega, reivindicábase herdeira de todas as tradicións da esquerda (anarquistas, socialistas, comunistas,...) e non co nome de ningunha delas, por entender que foran produto do seu tempo e que perderan moito do seu sentido. Todas foran alternativas de liberación social que, con erros e acertos, responderan a uns tempo pasados e uns lugares concretos. De feito aquela posición do POG foi naquel momento moi novidosa e adiantouse en anos ao proceso que seguiu o PC italiano, dirixido por Ochetto, de conversión nun partido da esquerda, onde o comunismo era só un sinal de identidade non a identidade exclusiva do novo partido (PDS). Pois ben, recollendo ese espírito integrador e superador daquel POG, tamén me reivindico de todas as correntes do nacionalismo galego, e do galeguismo, ¿por que non?, que con maior ou menor fortuna teñen axudado a levar a nación galega como suxeito político até hoxe. Reivindico o papel xogado por todas aquelas persoas, correntes e organizacións que teñen pulado pola liberación nacional. Acho que é preciso ollar para adiante, debater e aprender do pasado, pero non encirrarnos por cousas que cómpre superar. Volvo ao de antes, as cousas son poliédricas, e cada un ten dereito a miralas dende distinto ángulo. O importante é compartir obxectivos e botar unha man neles, tamén dende distintos ángulos.
Non sei a quen se refire con ALC, supoño que serán unhas iniciais; eu non son, eso asegúrollo.
Tamén para todos/as un cordial saúdo.

marcos valcarcel dijo...

Quizais o outono de 1982, despois de tocar fondo, era o momento axeitado para cambios sustanciais. Así nolo pareceu a moitos: despois de disolver a AN-PG (por certo, sen dar grandes explicacións das razóns), púxose en marcha o que habería de ser o BNG. No proceso de debate participaron grupos moi diferentes: Galicia Ceibe de Ferrín, os ácratas de Arco da Vella, os independentes con Beiras, Jordán e Xaquín Leiceaga (entre moitos outros), a UPG, parte do PSG, etc. Eu viña da mili, un pouco desconectado, pero estiven na asemblea de Riazor: gardo un recordo vivo daqueles días e notas escritas de todo o acontecido. E fun dos que votei por cambiar o nome: se había que facer algo novo, BNG era demasiado parecido a BNPG. Había 5 ou seis propostas e cadaquén defendeu a súa. Saiu a oficial, a que promovía a UPG. Cedeuselle o liderato a Beiras e, dende aquela, Beiras ocupou a pantalla (a imaxe) mentres a organización seguía intacta, ben controlada polas mesmas mans de sempre. Adaptáronse as tácticas e estratexias ao novo marco político: xura Constitución, etc. Pero non houbo cambios de fondo no discurso ideolóxico nin na cultura política (nin, sería moito pedir, autocrítica de ningún tipo). Nos últimos 30 anos militei en varias ponlas do nacionalismo, por esta orde: ERGA, ANPG (Frente Cultural), UPG, BNG; logo Esquerda Galega, PSG-EG e de novo ingresei no BNG, no que participara na fundación). Si podo dicir unha cousa: foi nos tempos do PSG-EG e UG cando percibín xeitos de funcionar máis democráticos (a organización era máis pequena, tamén é certo) e un discurso teórico, reflexivo e intelectual moito máis sólido. O BNG, en cambio, tiña outra presenza social e maior comunicación coas organizacións de masas, en xeral. Polo visto, non foi posible facer conxugar as dúas tradicións dun xeito ricaz e plural.

Afonso V.-M.-F dijo...

Estou encantado de ter propiciado co meu artigo esta enxurrada de diálogo, debate e lembranzas nun ton civilizado e amable.
Isto creo que é un exemplo de cómo hai que enfrontar o futuro e a reflexión sobre o pasado.
Señores político cultural, leituga, Karlos, Amigo e Marcos Valcárcel, ¿Por que non tomamos unhas cervexas?
Polo moito que aprenderei de vostedes, pago a primeira ronda.

Leituga 1 dijo...

Tómolle a palabra e acéptolle o convite, señor Monxardín. Lembrareillo a próxima vez que nos vexamos, que non ha estar moi lonxe.
Un dos participantes no debate ("Amigo", creo) impútame ter feito algunha "trampa" na miña argumentación inicial polo feito de declararme "non nacionalista" e pon sobre a pantalla un argumento, xa ben coñecido, consistente en afirmar que todo o mundo é "nacionalista" polo feito de ter unha "identidade". Nunha intervención posterior, e a raíz do debate con Monxardín, dá certa marcha atrás no seu argumento, pero sen dala de todo. O mesmo ocorre con outras cuestións clave, como a caracterización de Galicia como "colonia". Esta vaguidade conceptual tamén é detectable no uso doutros termos que forman parte da "herdanza recibida", como, por exemplo, "liberación nacional" ou "imperialismo" en referencia a España (á España actual, claro).
Prégolle a "Amigo" que non tome isto como un reproche, nin, por suposto, como un intento de descalificación. En absoluto: non pretende ser outra cousa que unha observación, a constatación dun feito. Talvez sexa unha observación impertinente, pero é que a min me vén ao pelo -recoñézoo- para reafirmarme nas miñas opinións sobre a escasa elaboración teórica do nacionalismo galego ao que "Amigo" sen dúbida se adscribe. A todo iso me refería eu no meu primeiro comentario cando falaba dunha necesidade de revisión conceptual, teórica e política por parte do nacionalismo galego. Moitas palabras que seguen a ser correntes hoxe no vocabulario nacionalista galego non se sabe realmente o que queren dicir nin parecen responder a análises actualizadas. ¿Que quere dicir, por exemplo, "Galiza ceibe, poder popular"? Esta pregunta non é unha das miñas "trampas": se a formulo aquí é porque Francisco Rodríguez reivindica a lexitimidade, necesidade e actualidade do seu uso no seu libro de conversas con Xosé Mexuto, qu eu tamén ando a ler. Tamén defende a mesma vixencia para a expresión "pobo galego", consciente de que non é conceptualmente equiparable a expresións como "sociedade galega", "cidadanía galega" ou incluso "Galicia" a secas. Non sei que sentido e que utilidade ten seguir mantendo estas inercias, máis alá dos placeres que líderes como Rodríguez atopen nesa clase de teimas.
Saíron neste magnífico debate moitas cousas e non teño agora moito tempo para debatelas todas. Gustáronme especialmente os recontos de experiencias persoais que algúns dos comentaristas fixeron, todas elas no campo do nacionalismo. Eu creo que tamén debo facelos partícipes da miña traxectoria. Un pouco por unha inofensiva pulsión narcisista, non o nego, que vostedes saberán disculpar. Pero sobre todo porque seguramente é bo saber dende onde fala cada quen, de maneira que ninguén poida imputarlle vontade "tramposa" ou manipuladora a ninguén.
Eu non veño da cultura política nacionalista, senón da marxista-leninista e internacionalista. Con 16 anos, con Franco aínda vivo, ingresei no Partido Comunista de Galicia, do que era secretario xeral (no exilio) Santiago Álvarez, e no que daquela militaban xentes que logo tiveron algunha ou moita relevancia pública, como Pérez Touriño, Dolores Villarino, José Ramón Fernández Antonio, Anxo Guerreiro, Rafael Pillado, Alonso Montero, Manuel Amor Deus, Peña Rey e un moi longo etcétera. No PC non só non eramos nacionalitas, senón que tiñamos nos nacionalistas (e nos diversos grupúsculos maoístas)os nosos máis duros contrincantes dentro da oposición de esquerdas ao franquismo. Eu deixeino en 1978 por razóns que non veñen ao caso pero que tampouco presentan ningunha especial singularidade. A militancia no Partido Comunista foi para min unha experiencia decisiva dende todos os puntos de vista: político, intelectual, vivencial... Votei SI á Constitución Española e ao Estatuto de Autonomía de Galicia. Nos anos 80 fun votante de Camilo Nogueira a través das súas diversas reencarnacións partidarias. ¿Fixérame eu nacionalista? Se mo chegan a preguntar daquela non sabería que responder. Tería que dicir: "depende..." Non deixara de considerarme español, pois non tiña antes nin teño hoxe ningún problema con esa adscripción identitaria. Mellor dito, durante o franquismo si tivera problemas dese tipo, e rexeitaba esa identidade española da mesma maneira que certos liberais progresistas do século XIX rexeitaban "patrias" que non fosen patrias libres.
Tampouco tiña ningún problema para sentirme plenamente galego, unha cuestión ademais sobre a que reflexionaba, lía e conversaba moito, pois houbo un tempo no que estiven moi preocupado pola cuestión da "identidade". Un amigo nacionalista a quen eu lle explicaba que me sentía galego e español díxome daquela que non se podía ser á vez galego e español, pois ou se era nacionalista galego ou nacionalista español. Aquelo deume que pensar e, despois de darlle moitas voltas, a verdade é que acabei no mesmo sitio onde empezara: para min renunciar a calquera das dúas identidades que dende pequeno se me inculcaran e que eu sentía como propias supoñía unha especie de autoamputación, traumática opción que en ningún momento considerei seriamente.
Nos anos iniciais da autonomía galega tomei contacto co mundo do galeguismo, atraído sobre todo pola literatura galega, da que eu era lector frecuente. Non me interesaba moito a política do galeguismo, que eu consideraba excesivamente morna e indefinida no eixe de ubicación "esquerda-dereita", que era o que a min verdadeiramente me parecía importante, en consonacia coa miña formación "peixe". Eu valoraba, non embargantes, o papel positivo, mesmo crucial, que desempeñara o grupo piñeirista de "Realidade Galega" en todo o enmarañado proceso que levou á aprobación dun Estatuto de Autonomía no que se consideraba a Galicia como unha nacionalidade histórica. Sempre me pareceron abusivas, inxustificadas e innecesariamente crispadas e hostiles as críticas do "nacionalismo popular" a Piñeiro, a Galaxia e a todos aqueles señores tan dignos, educados, cultos, intelixentes, venerables e amantísimos de Galicia. Detestaba daquela ao PSOE, o cal era produto tanto da herdanza comunista como da miña consideración negativa de políticas que estimaba pouco audaces e escasamente de esquerdas.
Pero isto nunca foi impedimento, aínda que si motivo dalgunhas discusións fortes, para unha boa relación con Piñeiro, Alfredo Conde e Carlos Casares.
Eu seguín votándolle a Camilo ata que concorreron, xa nos anos 90, dous feitos decisivos no meu cambio de orientación política. Por un lado, a formación de Unidade Galega como paso previo á integración de EG no Bloque. Tiven certa participación naquel proceso, do que me zafei cando estaba xa absolutamente claro que a integración era o seu obxectivo único. Por outra parte, o goberno do PSOE vivía infelices momentos de acurralamento por parte da circunstancial tríada formada por Aznar, Julio Anguita e Pedro J. Ramírez. O meu contacto frecuente co mundo do galeguismo e da cultura galega, o coñecemento cada vez máis extenso da historia de Galicia,de España e de Europa alonxábame cada vez máis, non sei se paradoxalmente, do pensamento e do sentimento nacionalista, non así da identificación con iso que Piñeiro chamaba "galeguismo" e que se caracterizaba por ser incompatible só coa intolerancia e co fanatismo, trazos que eu detectaba, en copiosos montantes, no "nacionalismo popular". Estiven presente en actos como o regreso dos restos mortais de Castelao -do lado de Camilo- e na entrega a Carlos Casares do premio Losada Diéguez no Pazo de Moldes -do lado de Casares. Moitos dos que lean este comentario saberán do que falo.
Coqueteei un pouco de tempo cun proxecto imposible e marxinal, o dos antigos camilistas que non querían subsumirse no Bloque (EDG, creo lembrar que se chamou aquilo) e empecei a evoluír cara ás posicións do PSOE, que apoiaba no conxunto de España, pero coas que gardaba unha gran distancia no que respectaba a Galicia. Eu vía aquí un PSOE que nin partido era, cunha pluralidade interna que me parecía excesiva, mal organizado e no que se daban cita xentes tan variadas que a súa reunión baixo unhas mesmas siglas chegaba a desconcertar: por un lado, estaban persoas coas que eu tiña un alto grao de identificación política e mesmo persoal, como Xerardo Estévez, Ceferino Díaz, Antón Louro, Xaime Barreiro, Rodríguez Pardo, etc, a maioría procedentes do vello PSG fundado na casa de Piñeiro. E ao seu carón, xentes que me producían un rexeitamento non só político, senón mesmo visceral, como Francisco Vázquez ou Carlos González Príncipe. Pequenos grupos de independentes, maioritariamente galego-falantes, de esquerdas, non nacionalistas, aquí e alá, suspirábamos por un Partido Socialista de Galicia que seguise o modelo do PSC, sempre un referente. As cousas foron decantándose cara a esperanza cando Touriño, a quen eu xa coñecía do PC, se fixo coas rédeas do PSdeG. Foi nese momento cando eu empecei a falar por vez primeira de PSdeG. A chegada de Rodríguez Zapatero á secretaría xeral do PSOE e, posteriormente, á presidencia do goberno, xunto coa Declaración de Santillana del Mar e a asunción polo PSOE da concepción e o proxecto da España Plural leváronme a solicitar o ingreso no Partido Socialista, que agardo se formalice en breve, aínda que estes carallos son un pouco lentos.
Pídolles disculpas por este interminable rollazo que acabo de soltarlles. É que me embalei...

Anónimo dijo...

Encontro moi interesane este fio, lamento non ter intervido antes. Mais excitado pola problematica aquí tratada non quero deixar de posicionarme, non opinar porque cansaría xa a estas alturas de mais.

Declararse non nacionalista é unha utopia, unha identidade alimentada dunha utópica visión cosmopolita, que operaria no presente. Porque non? Mais farto dicifil, de equilibrios complicádisimos. Sabedores de que hai nacionalismo etnocentricos, espansivos e outos policentricos, que tentan perservar a direncia comoa riqueza ecocultural....poderíase dicer non son nacionalista e non matizar mais?
Se o cosmopolitismo implica a aniquilación das diferencias culturais, estaría de acordo este non naciolista?
E se esta pola persistencia das diferencias culturais, que debido a configuración das nosas sociedades necesita expresarse politicamente, declarasiase non nacionalista?
Se esta pola persistencia das diferencias, podería dicer que non está por ningún nacionalismo en particular, mais que non esta por recriminar a expresión politica dunha diferencia cultural a ningun grupo, non?
Senón seria vostede señor non nacionalista un completo autoritario que negaria o dereito de expresión politica das diferencias.
Pareceme que o que vostede quere dicir é que non esta con ningún nacionalismo en particular, ainda que comprende a sua existencia , sempre que se orienten nun camiño de emancipación global, Eí pareceme que non habería problemas entre os partcicipantes deste for.

2)Eu definome como independentista.
Mais ben:
Sei que non sono tempo non caben conceptos xa tan obsoletos como poden ser todos os sinomimos soberanistas.
No mundo actual, propiamente falando, non hai independencias, senón dependencias. Así que permitantme que matice o meu independentismo:

Consciente da inebitabilidade da dependencia, as dependencias, o que tentaría o independentismo moderno , é xestionar as súas dependencias nun mundo globalizado, e para xestionalas, necesita unha comunidade politica suficientemente consosidada, por unha parte, e por outra apartar unha supradependencia, que mediatiza a nación nas suas potenciais relacións intenacionais.
Esta mediación nociva, é España. O obxectiva sería nin mais nin menos que de Galiza ao mundo sen pasar por España, ou pasando por españa, como pasando por Francia, Kuwait, Usa, korea, Australia, china, ou luxenburgo.
É ben sinxelo.
Todos somos non nacionalistas na medidad en que queremos unha universalización dos dereitos da persona, mais todos somos nacionalistas na medida, en que sabemos que a universalización deses dereitos so se pode chegar, so se pode avanzar cara ese obxectivo, respetandoos xa no concreto. Leituga: lamentabelmente para vostede:non existe o suxeito trascencental. A pomba sen aire, por moito que aletee cae ao chan.
Un saudo a todos, e a ver cando nos tomamos unha cervexa
Marcialg

Anónimo dijo...

ben querido leituga1 esta ben toda esa autoxustificación da túa afiliación, so teño una dúbida ¿Ccompartes agora responsabilidade con antigos compañeiros do PC?

Leituga 1 dijo...

Tres cousas, para non ser tan pesado coma onte. A marcialg, con quen comparto de cando en vez o foro de Arroutadas, direille que non toda a variedade de situacións e actitudes que describe en relación coa preservación das diferencias lingüístico-culturais teñen por forza que ser adscribibles ao "nacionalismo". Como marcialg si realiza esa adscripción, inevitablemente CALQUERA postura favorable ao mantemento e promoción das linguas e culturas minoritarias acaba sendo, segundo o seu punto de vista, unha postura nacionalista. Eu non estou de acordo con iso, pois creo que o concepto "nacionalismo", aínda tomando en consideración toda a súa riqueza e amplitude, non é un concepto que o abarque todo. De modo que primeiro teríamos que poñernos de acordo en que é e que non é nacionalismo para poder seguir falando do asunto con certa precisión e capacidade de entendemento. No que respecta ao suxeito transcendental e á súa desparición, que vostede lamenta, pois que quere que lle diga, que o acompaño no sentimento e me sumo ao pesar por tan lamentable pérdida.
Hai outro usuario anónimo que me pregunta se comparto reponsabilidades con antigos compañeiros do PC. Se se refire a estar na política ou facer algún traballo dese tipo, non. Pero estou en contacto e manteño relacións -ceas, algunha reunión...- con algúns deles que si están na actividade política.
Xa para rematar, sinto moito que o meu comentario de onte lle puidese parecer ao usuario anónimo unha "autoxustificación". En realidade, non era nin pretendía ser algo tan innecesario coma iso, senón unha especie de mini-ensaio autobiográfico estimulado polo que Marcos Valcárcel, Monxardín e algún outro usuario fixeran nese mesmo sentido. E tamén porque crin pertinente de cara ao debate aclarar a miña posición "político-ideolóxica". Un saúdo a todos.