5 oct 2006

Banquete no Hotel Miño, Ourense, dos galeguistas a Emilia Docet, miss España
Na foto están, entre outros (están todos identificados, se a alguén lle interesa): Otero Pedrayo e a súa dona María Xosefa Bustamante Muñoz; Álvaro Cunqueiro; Blanco Amor; Leuter González Salgado; Vicente Risco; Ramiro Illa Couto; Emilia Docet (miss España, no medio); Manuel Luís Acuña (que recibía ese día o premio do certame literario Manuel Murguía); Xoán Luís Ramos Colemán; Manuel Peña Rey; Esther Peña Bouzas; Alfonso Vázquez Monxardín (avó de...); Xosé Goyanes; Daniel Piñeiro e varios comerciantes da cidade.
andoliña 5 outubro
75 anos do voto feminino (e 3)
Na asemblea nacionalista de Lugo, en 1918, as Irmandades da Fala asinan como primeiro punto do apartado III do seu programa (Problemas Políticos) a ‘Igoaldade de dereitos para a muller’. Non era esta unha posición xeneralizada naquelas datas: non esquezamos que a escritora Francisca Herrera Garrido escribe na revista Nós en 1921 un artigo ridiculizador do dereito ó voto das mulleres. Cando chega o debate na República, o Partido Galeguista crea un Grupo Feminino en Ourense e abre unha sección nova en A Nosa Terra titulada ‘O recanto da muller’, no que escriben varias militantes femininas.
Eran xestos importantes, pero de resultados relativos. Como indica Carme Blanco, os galeguistas utilizaron acotío a imaxe do mito maternal galaico como fundamento da nación, nunha liña próxima á praxe dos nacionalismos irlandés ou vasco. E apelan á súa condición de traballadoras; velaí aquel cartel do Estatuto con dúas labregas e o texto ‘Mulleres que traballades como homes, votade o Estatuto’. Pero tiveron escaso protagonismo orgánico. Só isto: Mercedes Docampo pronunciou un discurso na terceira asemblea do PG e Xosefa Iglesias Vilarelle formou na directiva da Dereita Galeguista de Pontevedra.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Parece claro que o papel da muller na vida política daquel tempo non era todo o importante que debería. As cousas mudaron pero seguen sendo necesarios máis cambios.
Grazas pola fotografía rescatada do banquete do Hotel Miño, un dos hoteis históricos de Ourense. Segundo o que puiden averiguar Emilia Docet foi galardoada como Miss España en 1933 e faleceu en 1995. Tamén houbo un futbolista do Burgas, un equipo ourensán dos anos 30, que se chamaba Docet, pero descoñezo se era da mesma familia.

Anónimo dijo...

Acabas coa Dereita Galeguista.
Estamos no seu setenta aniversario e aínda pesa unha certa vergoña ou censura sobre este tema. Como de fillos descarriados. Como se o galeguismo, socioloxicamente conservador, non puidese tentar achegarse aos sectores reticentes á frente popular...
Creo que non se sabe o suficiente sobre ela e que sería bo dedicarlle algún estudo en profundidade. Polo que lin dela, o seu manifesto fundacional reproducido en facsimil na GEG, moi razoable, parece. ¿Hai ese estudo e non o coñezo?

Marcos Valcárcel López dijo...

Graciñas polas vosas aportacións, David e Etxeokeai. Teño oído falar dese equipo Docet, pero non creo que teña nada eue ver coa miss España 1933 (a ver se me entero). E de acordo tamén coa idea que apunta Etxeokeai: a necesidade de reivindicar a Dereita Galeguista. Durou moi pouquiño pero o que fixo no seu momento non ía descamiñado (apoiou a campaña do Estatuto). Foi outra das vitimas da guerra. Que eu saiba non hai ningún estudo monográfico publicado sobre a DG: polo xeral, inscríbese nos estudos de conxunto do galeguismo (X.Castro, Beramendi, Beramendi-Núñez Seixas, etc.). Pero merecería tratamento exhaustivo e relacionado con outras figuras próximas que mantiveron a súa militancia no PG pero compartían ideas e espazo nos xornais (Otero e outros).