Beiras vetado na Radio GalegaAcabo de enterarme por Galicia Hoxe que Xosé Manuel Beiras foi vetado no programa da Radio Galega no que colaboraba. Segundo este xornal, por comisarios políticos da UPG, tema ó que dedica tamén un comentario o director de GH, Caetano Díaz.Se tal nova se confirmase (cousa que, por desgraza, non me estrañaría nada), iso significa que xa se pasou a fronteira das "boas maneiras" que reclamaba o noso Eduardo Blanco Amor.
E que algúns neoestalinistas están dispostos a todo: moi cedo empezarán a borrar as fotografías do 25 de xullo dos últimos anos para eliminar nas imaxes os rostros de Beiras e de Camilo Nogueira e quen sabe si se todos os simpatizantes dos mesmos (seguro que os teñen ben controlados).
Admítense curriculums para a convocatoria de novas prazas de funcionarios neohistoriadores e neopensadores, na mellor xinea do relato de George Orwell... Como en "1984" alguén quere aquí reescribir a historia e dicirnos o que debemos pensar e o que non.
(Imaxe: o Savonarola foi un bon precursor dos totalitarismos de hoxe).
33 comentarios:
Hoxe en día xa non se pode poñer a man no lume por ninguén... Por circunstancias da vida, coñezo a Tino Santiago e non podo crer que se deixe influír desta maneira por ningún tipo de comisarios políticos.
Non entendo o que está a pasar no Bloque. Divide e vencerás?
O triste, como ben dis, é que no caso de ser certo non nos estrañaría nada.
Con todo o que lle deben... e como lle pagan.
Prudencia, por favor. Todos sabemos que aos medios lles encanta meterlle o dedo nos ollos ao Bloque.
Eu tamén pediría prudencia. E pola mesma razón que o anónimo anterior: a todo o mundo lle gosta meterlle o dedo nos ollos ao Bloque.
Por outra parte, falar de veto paréceme moi forte. Non hai moito vin a Beiras na TVG en "Somos unha potenzia". Gustoume moito a entrevista. Beiras falou durante bastante tempo e falou do que quixo.
Penso que palabras como "veto" ou "comisario político" son desacertadas.
Repito: prudencia. Penso que o mínimo que deberiamos facer é, antes de criticar, esperar a comprobar se esa información é certa.
Ben, queridos amigos, súmome ás vosas peticións de prudencia. Pero non creo que o director dun xornal, onde escribe Beiras todos os domingos, invente esta nova sen ningún tipo de fiabilidade. Se así fose, eu retiraría os meus comentarios (pero, insistindo, por desgraza, creo que pode ser certo).
Beiras colleita o que sementou, ignorando que Roma non paga a traidores.
Moitas grazas, Marcos, pola túa prudencia.
O comentario do anónimo anterior (dividindo ao mundo en "traidores" e "non traidores") demostra ben ás claras o seu sectarismo.
Beiras é unha persoa tremendamente valiosa, que deu (e dá) exemplo co seu enorme compromiso e amor a Galicia.
Mire, o máis probable é que Beiras fose vetado por xente próxima ao actual portavoz nacional. Logo, Losada chamou ao seu amigo Caetano e xa temos escándalo. Isto é un caso Dreyfus ao revés.
Téñao en conta señor Valcarcel e non se deixe levar pola tirria á UPG
Losada, pim, pam, pum.
Estimado señor Marcos:
En canto lin o da censura ao Beiras na Radio Galega sentín indignación e mágoa a partes iguais e fun correndo á web de GH para ver a noticia á que facía referencia. Lina dúas veces por se non entendía ben, e a miña indignación e mágoa foise mudando de lugar ao ver que non se trata máis que dun disque disque sen confirmación de ningún tipo. Que si un foro de Vieiros, que se a UPG (xa sabemos que é a causa de todos os males), interpretacións sobre a saída de Beiras do programa de Tino Santiago, ..., pero en concreto nada. Porén da nada sácase un titular, unha noticia sen base algunha e un artigo de opinión sobre a censura ao profesor Beiras (xa non é o tolo do Beiras para moita prensa).
Se polo menos o título do post “Beiras vetado na radio Galega” levase interrogante sería aceptabel, mais non é así. Seguidamente di que “Acabo de enterarme (sic) por Galicia Hoxe que Xosé Manuel Beiras foi vetado no programa da Radio Galega no que colaboraba”, polo tanto as súas peticións de prudencia, ás que se suma, chegan un pouco tarde, aínda que neste caso vale máis tarde que nunca.
Eu non creo nos paxaros preñados e non poño a man no lume por ninguén, nin por Losada, nin pola UPG, ..., nin por Beiras, mais comparto moitas cousas con todos eles, polo que non me parece san o camiño de autodestrución que algúns semellan querer que inicie o BNG. Eu dende logo non penso caer nesa trapela e coido que o BNG como organización tampouco.
Se houbo censura por favor que se diga, polo ben da liberdade, da transparencia e tamén do BNG. Pero que sexa con algunha proba, con algún testemuño, non con un disque disque.
Vexo, e saúdo, que no nacionalismo hai non só voces de diverso tipo, senón, entre elas, lugar para a crítica, a serenidade e a ponderación. Devólveme certa esperanza que barullos diversos podían tender a amolecer.
Dito isto, aclárese o tema. Diga o que sabe quen o saiba. Se houbo algo e alguén o soubo.
O asunto semella escuro e confuso.
Houbo realmente veto? De habelo, procedeu da UPG ou de Quin-Losada?
Calquera cousa é posible. Mesmo que non sexa certo.
A min estes arcanos da política e da comunicación quédanme lonxe, lonxe.
A información que aporta hoxe GALICIA HOXE: Beiras acusa a Antón Losada
nas ondas
Xosé Manuel Beiras: "Fun obxecto de censura política"
O político ratifica a información de "Galicia Hoxe" sobre o seu veto na Radio Galega e espera unha explicación por parte do BNG
ROSA RODRÍGUEZ . SANTIAGO
O político Xosé Manuel Beiras ratificou onte a información publicada por este xornal, na que se asegura que a súa voz foi silenciada dentro da Radio Galega (RG). Beiras, que onte, finalmente, recibiu unha explicación da súa exclusión, por parte do director da RG, Virxilio Costas, fala directamente de censura política. "A explicación que se me deu non se corresponde coa realidade. As miñas fontes indícanme que houbo unha censura política por parte de Antón Losada", asegura Beiras. Segundo as súas palabras "as cousas son as que conta Galicia Hoxe e agora espero que todo isto se clarifique dentro do BNG".
En canto á Radio Galega, a súa dirección asegurou onte, mediante un comunicado, que Beiras, a día de hoxe, segue estando na nómina dos personaxes que participan en "A Rebotica", malia que a semana pasada non interveu ningún día. A emisora considera "totalmente falso que comisarios políticos da UPG veten a Beiras", tal e como explicou na edición do martes este xornal.
A explicación ó silencio de Xosé Manuel Beiras en A Crónica reside, segundo a dirección, "na nova temporada que trouxo consigo a incorporación de novos tertulianos, a baixa doutros e a creación de novas seccións".
Deste xeito, "abriuse un novo espazo en A Crónica que se chama "A Rebotica" no que lle propuxon a Xosé Manuel Beiras a súa participación, proposta que foi aceptada", afirman.
A Radio Galega lamenta que "Galicia Hoxe non contrastase a nova". Ademais, asegura que "é falso que algún xornalista dese periódico intentase falar co director da Radio Galega onte pola tarde (referido ó martes). Estaría ben, continúa o comunicado, que, "polo menos, os lectores de Galicia Hoxe puidesen coñecer a versión da dirección da Radio Galega".
Finalmente, a Radio Galega, baixo a dirección de Virxilio Costas, asegura que non vai entrar a xulgar se as informacións deben elaborarse con fontes obtidas de "numerosos chats" e sen contrastar. Tamén lamenta que se utilicen estas informacións pouco contrastadas para dirimir diferenzas políticas, respecto ás cales a emisora pública é totalmente allea".
UPG: "Non somos partidarios de ningún tipo de censura"
Pola súa parte, o secretario nacional de Organización da UPG, Roberto Vilameá, asegura que a UPG non ten ningunha responsabilidade na non continuidade de Xosé Manuel Beiras na RG. Vilameá explica nun comunicado que o seu partido "non é partidario de ningún tipo de censura e que, ademais, a UPG non ten ningunha responsabilidade política na dirección da Radio Galega. A UPG -continúa- defende o principio do respeito escrupuloso ao pluralismo político, respeito que, lamentabelmente, non sempre se cumpre nos medios de titularidade pública no noso país", segundo pon de manifesto no comunicado.
A información sobre o "silencio de Beiras" "non dá, porque non pode dalo" ningún dato obxectivo e verificábel que permita ligar a UPG coa decisión de afastar a Beiras da súa colaboración coa RG. Para Vilameá trátase dunha información que "non alude a ningunha fonte concreta e que está inzada de prexuízos sectarios". Neste sentido, a UPG "lamenta a falta de rigor profisional na redacción da noticia que, por outra banda, non aparece asinada".
Nota de redacción: O martes 24 de outubro a redactora Rosa Rodríguez intentou, en múltiples ocasións e de 17 a 21 horas, poñerse en contacto con Virxilio Costas a través da súa secretaria de dirección. Sen resposta, optou por recorrer ó gabinete de prensa onde lle recordaron que só era posible establecer comunicación a través da secretaria, coa que lle pasaron de novo por liña interna. Finalmente, recorreu a un "contacto" na RG. Todos os resultados foron infrutuosos.
REACCIÓNS X. Manuel Vega, presidente do Colexio de Xornalistas
"Lamento moito que se faga un uso partidiario dos medios públicos. De ser tal e como di Beiras revelaría que se están a usar criterios políticos e que a mentalidade aínda non cambiou".
Arturo Maneiro, director da Asociación de Periodistas
"Non coñezo o caso pero considero que todo o que sexa censura ou que non se poidan expresar todas as tendencias nun medio público é un desprestixio para eses medio público".
Tino Santiago, director da "Crónica", da RG
"Eu sigo contando con Beiras para o programa. Non hai ningún conflito político. Na última semana non participou, unhas veces pola falta de coordinación e outras porque tiña outros compromisos".
Entre todas as versións..., por certo tan subxectivas as do director da RG como as de beiras como as de calquera outro que está metido ata o fondo nesta pequena pelexa partidaria, sexa militante da UPG, do BNG, ex-militante, irmandiño, pro-alternativo pelexa ... eu quédome con
Tino Santiago, director da "Crónica", da RG
"Eu sigo contando con Beiras para o programa. Non hai ningún conflito político. Na última semana non participou, unhas veces pola falta de coordinación e outras porque tiña outros compromisos".
En calquera caso ao Sr. Beiras volveulle a pesar demasiado o seu exceso de protagonismo e a súa nova postura de vítima.... ¿Será que alguén empeza a actuar de xeito paranoico? Solo é unha hipótese, claro....
Teño a oportunidade de escoitar dous días á semana o programa de Tino Santiago. É un programa moi decente e Tino é un bo comunicador, pero ten unha gran eiva que alguén lle debería obrigar a solventar: fala un galego penosísimo! Como é posible que, despois de tantos anos, sega a falar ese castrapo? Veña, amigo Tino, faga un esforzo e mellore o seu galego. Os oíntes agradeceriamosllo eternamente.
Despois de todo o rebumbio, como foi a cousa realmente, amigo Valcárcel?
Houbo ou non censura? De habela, quen foron os censuradores? Beiras continúa ou non no programa?
A ver se nos pode tirar deste mar de dúbidas.
Por certo, escoitaron vostedes na radio esa cuña publicitaria na da "Vicepresidencia de Anxo Quintana" (textual!) dedicada aos maiores?
Inenarrable!
Para APC e para todos: teño información recente e moi directa sobre o tema Beiras.
Que confirma, e só podo dicir isto, tres cousas:
(1) que Beiras foi vetado na Radio Galega, con estratexias sibilinas de cambialo de espazo porque o seu perfil era "moi forte" para a Crónica;
(2) que ese veto procedeu de Antón Losada, factotum do goberno galego;
(3) que Beiras non colabora actualmente na Radio Galega;
(4) que Beiras planteará no propio BNG unha intervención a este respecto, pedindo explicacións polo veto.
Tamén para APC e para todos:
non escoitei o famoso anuncio da "Vicepresidencia de Anxo Quintana". Sei que existe porque houbo un fío ó respecto en Arroutadas. Segundo as miñas noticias, houbo un momento en que no BNG se extremaron as medidas para que non houbese confusións entre partido e goberno, porque xa se cometeran algúns disparates ó respecto (p.ex. convocar a axentes sociais ou a empresarios a unha xuntanza co goberno co membrete do BNG). Pensei que se solucionara esa tentación pero esta cuña demostra que non. E que o concepto de "Democracia" dalgúns dos nosos dirixentes está aínda en Primaria.
UPG = merda. Beiras, es o mellor, pasa desa xentalla.
Inés Abelleira
Moitas grazas polas súas aclaracións, amigo Valcárcel.
Este Antón Losada semella moi maquiavélico, só que ten un problema: Quin non é ningún Príncipe.
Algo que non cadra en todo este folletín irmandiño......querido Marcos…… O tema da presunta censura a Beiras non sae cando Beiras mudou a súa participación no faladoiro do programa "A Crónica" ao espazo A Rebótica do mesmo programa (algo que por certo aceptou el mesmo, polo que alguén me explicará porque Beiras aceptou ese troco, si era algo tan noxento e froito dunha censura); xurde cando non lle chaman unha semana a participar nese micro-espazo.....
Claréxemos realmente o tema:
- ¿Podes confirmar que chamou Antón Losada a RG e pediu que vetasen o a participación de Beiras no microespazo a Rebotica? do programa "A Crónica"?
- Se non e así...... e a miña información é a certa…..¿Por que Beiras tragou no seu día con mudar a súa colaboración co programa Crónica, dende a Tertulia o espazo a Rebótica, e agora saca esa denuncia? ¿Terá algo que ver coa súa estratexia , por certo que bo orador é e que pésimo estra tega, de debilitar a Quintana e o BNG gobernante? ¿Pensa realmente que indo de señor maior mártir sacará moitos mais votos na asemblea do BNG? ¿Realmente pensa que sacaría moitos votos nas eleccións do 2009?
Non sexamos maniqueos porque nos sexa simpático alguén....... …..está ben defender aos amigos pero....... ….. O final vexo que o noso amigo Beiras cústalle marchar tanto como lle custou a Fraga ou a Aznar….. ¿Ningún amigo e quen de dicirlle o mesmo que sempre opinaban do que debía facer Sr. Fraga Iribarne?
O meu último comentario foi moi claro, nos catro puntos citados. Non volverei sobre el, pois. Non vou prexuzgar por qué Beiras denuncia e cando denuncia no momento que el considere axeitado. Non sei os votos que sacaría no 2009 nin si está disposto a retirarse de bo grao ou non: ese non é o meu problema, é un problema do país en todo caso. Pero, fóra diso, sigo dándolle fidelidade á versión que sostén que Beiras foi vetado e, por suposto, non me parece un comportamento ético nin xusto.
Visto o visto, o único que teño claro é que non o teño nada claro.
Non teño claro porque non devense de xulgar os comportamentos do Sr. Beiras cando se fai dos presuntos comportamentos dos demais (¿Quen é obxectivo neste conto?.....)
Eu teño unha información moi directa, anterior ao momento en que o sucedido este saltou aos medios. Polo que eu sei, non houbo censura, senón sospeitas de Beiras de que si a había a raíz do seu cambio de espacio, dende a tertulia á "Reobotica". Beiras empezou a darlle voltas á cabeza e as sospeitas foron medrando, medrando e medrando ata que o asunto acabou como acabou. Talvez quen me contou isto -unha persoa directamente implicada no caso- me mentiu, pero non o creo. A explicación paréceme verosímil e verdadeira.
Iso parece o razoable...e, si é así, o comportamento de Beiras non estivo a altura que eu esperaría de alguén como el.....
Beiras mantén outra versión,hoxe. Cadaquén que pense o que queira da credibilidade de cadaquén...
E cal é esa outra versión? Onde se pode consultar?
Será este o famoso conto de nunca acabar?
A versión de Beiras é xusto a que expuxen eu aquí. E, si, isto xa parece aquilo de "Queres que che conte un conto..."
3 novembro en GALICIA HOXE:
Opinión ALBERTE BRENLLA GONZÁLEZ
laparada de papel Novamente Beiras: así non
Dezaseis anos, catro lexislaturas de goberno Fraga foron dende o meu humilde ver unha perda de tempo que só un novo xeito de exercer a acción executiva na Galiza o pode superar. A tremenda ferida que deixaron na Terra os que dende tantos anos atrás converteron unha nación rica nunha terra empobrecida, só se pode curar coa rexeneración democrática nos xeitos de exercitar o poder. A sociedade galega demanda e esixe unhas maneiras novas nos comportamentos políticos e, sendo eu dos que pensa que a clase política é un reflexo da sociedade, ao atoparnos con situacións, que non é que parezan doutros tempos senón que son imitadoras da angueira do xa fenecido e esquecido "Ministerio de Información y Turismo", nos producen desilusión, desacougo, desasosego, por empregar verbas suaves, e rematamos por rebelarnos.
A voz estridente, pero sincera e necesaria nos nosos días de Xosé Manuel Beiras foi censurada na Radio Galega por vai ti saber que tipo de anano mental. O máis nidio representante do "galeguismo real" é calado por "real decreto" na compaña dun absoluto silencio daqueles que predican acotío a liberdade de expresión. Malia todo, ao Beiras non se lle fai calar con facilidade, tentan asasinar a súa voz, como a Xulio César nos famosos Idus de Marzo: "Ti tamén, Bruto, meu fillo". Sen explicacións de ninguén que asuma a responsabilidade de non deixar que unha das opinións máis valiosas da Terra poida ser escoitada pola sociedade, que hoxe recoñece, incluso dende a discrepancia, o saber e a valía do Profesor Beiras.
Mancheas de xentes dunha maneira directa uns, outros máis pasivamente, pelexaron, e non só dende hai un ano, nun despacho de San Caetano, por que o nacionalismo galego se achegase ao poder. Coido que a actual conxuntura política está chea de posibilidades para o nacionalismo gobernante e organizado. Ábrense novos horizontes que moitos parecen non ter nada claros, pois a vileza da man que move o berce, que cuspe xenreira a quen sabe o que di, escurece o futuro do nacionalismo e dos nacionalistas. Estou completamente seguro de que o Profesor Xosé Manuel Beiras non deixará de falar, para ben ou para mal, e seguirá defendendo as súas conviccións facendo brillar, coma sempre fixo, a "estrela na palabra" nunha "nación incesante" que aínda precisa del. Non é bo costume prescindir dos bos e xenerosos. Os libros de historia galegos non se han pechar para Xosé Manuel Beiras, porque el escribiu da súa propia man parte dela.
É preocupante que o que cala hoxe a Beiras estea na beira do nacionalismo. De aí tamén que dende estas liñas eu exprese o meu inconformismo pero, malia as miñas eivas, non me treme a pluma para de calquera xeito e en calquera momento reivindicar o poder non como un fin, senón como un instrumento ao servizo da cidadanía. Por iso denuncio a fenda aberta entre os comportamentos e o discurso dos homes nun país que necesita máis Beiras e menos covardes de despacho agochados comodamente nas institucións.
Os responsábeis políticos do Bloque Nacionalista Galego deberían falar, debater este feito e, sen dúbida, esixir responsabilidades. É parte da obriga dunha organización que está sustentando un goberno a quen non se lle pode tolerar a inútil censura nunca.
Xosé Manuel Beiras non precisa da miña defensa, iso é obvio, pero eu si necesito escribir sobre este penoso suceso para poder dicir que son galego de nación e fachendosamente nacionalista. Novamente o "asunto Beiras", e o BNG parece sumido no soño dunha noite de verán. Non o quero crer.
COMENTARIOS
Publicar un comentario