15 oct 2006

Bieito Fernández: Adhesión a unha homenaxe

Silvio Falcón, un mozo galego residente nas Cataluñas e visitador habitual deste blog, está a preparar, para o próximo verán, unha homenaxe a Bieito Fernández Álvarez, que era en 1936 militante da Federación de Mocedades Nazonalistas e que antes pertencera na Arxentina á Sociedade Nazonalista Condal e colaborara no xornal arredista “A Fouce”. Bieito Fernández, a quen tiven a honra de coñecer e tratar nos seus últimos anos, foi xa homenaxeado polo Clube Cultural Alexandre Bóveda hai uns cantos anos, nas súas terras natais de Grou, e daquela se inaugurou un busto conmemorativo naquel lugar.
Como adhesión a esta homenaxe reproduzo a octavilla conmemorativa do 25 de xullo de 1936, editada na Imprenta Ferreiro de Celanova, que remataba cun viva á República Galega e que o Bieito repartiu en días moi próximos ó inicio da guerra incivil (de seguro, debe ser un dos últimos documentos de conciencia galeguista antes da barbarie). Conservo un orixinal no meu arquivo, agasallo do propio Bieito, e o texto do mesmo foi xa reproducido por Claudio Rodríguez Fer en A literatura galega durante a guerra civil (1936-1939) (Vigo, Xerais, 1994).

Día de Galiza de 1936

Ao povo de GROU

Galegos: Hoxe, 25 de Xullo, data consagrada dende fai tempo como Día da Patria, querémonos dirixir os nosos conveciños pra lle lembrar a obrigación que temos todos, como galegos, de adicar o día de hoxe á exaltazón de todol-os valores da Nazón Galega, tanto espirituaes como materiaes.
Parella coesa exaltazón patriótica é mester tamén que afirmemos a nosa vontade decidida de liberar totalmente a nosa Patria da tiranía extranxeira que a ten asoballada dende fai catro séculos e meio.
Que hoxe, mañán e sempre, so resoen no ámbito da Patria o Hino Nacional Galego e as nosas fermosas cantigas populares; que se bailen e respeten as nosas danzas nacionaes como a muiñeira, a redondiña, a ribeirana, etc.; que se lean os periódicos e libros escritos no noso idioma; que se consuman con preferencia os productos galegos, e por último que hoxe, mañán e sempre, só se fale, pense e escriba en idioma galego.
Galegos: Por enriba de todol-os partidos políticos e de toda crenza relixiosa: GALIZA, GALIZA e nada máis que GALIZA.
¡VIVA a REPÚBLICA GALEGA!
Grou Día de Galiza 1936

4 comentarios:

Silvio Falcón dijo...

Tan só che podo agradecer a difusión que lle estás dando a este feito. Así, fago un chamamento a que tódolos teus visitantes (que nos últimos tempos están a medrar, iso vese) a que fagan coma ti e se sumen á iniciativa.

Quero facer fincapé nun detalle que moitas veces non se ten en conta. Bieito foi un home adiantado ós seus tempos que, procedente dun lugar que aínda hoxe en día non chegou ao século XXI, tivo conciencia de loitar pola súa terra: Galiza.

Sen máis, agradecerche unha vez máis a túa axuda.
Unha aperta

Silvio Falcón dijo...

Estalote, podes encontrá-la biografía de Bieito Fernández no meu blog. Así, seguro que participou na Fundación Auriense, aínda que non sei se foi fundador.
Na biografía que teño posta no blog pon o seguinte:
"Asemade terá contactos con aqueloutros galeguistas do interios apartados e “olvidados” por discrepar do Piñeirismo, abrindolle a porta de novas lecturas ás persoas das novas
xeracións e colaborando na articulación do novo asociacionismo cultural, nomeadamente a fundación Auriense."

Un saúdo

Silvio Falcón dijo...

Por certo, xa atopei a resposta total á túa pregunta.

"En 1967,e xunto con outros veteranos como Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Leuter González, Bieito Fernández, participa na fundación da Agrupación Cultural Auriense, verdadeiro punto de encontro de sensibilidades galeguistas vellas e novas nos anos seguintes. O seu permanente e desinteresado compromiso de colaboración e axuda cos que empezaban, encontrou alí un bo cauce de desenvolvemento."

É un texto que fala de Xaquín Lorenzo, no que nomea a Bieito Fernández.

saúdos

Marcos Valcárcel López dijo...

Hai anos fixera unha minihistoria de Auriense, tres ou catro artigos, que agora non lograría encontrar con rapidez. Para iso utilizara unha "versión oficial" resumida da Auriense sobre as súas orixes: creo lembrar que sempre citei entre eses fundadores a Bieito Fernández, ó carón do Leuter, Otero, don Xoaquín, Ferro Couselo, Carlos Guitián, o Antón da Ponte, etc. En calquera caso é seguro que estivo na primeira fornada da Auriense e está presente en varias fotos desa época (algunhas están nas Fotobiografías de Ferro Couselo e do Xocas). (Buscarei, de todos os xeitos, os meus papeis, para confirmar o dato con base documental). Saúdos.