Dona Emilia e as Academias.
(Pan por Pan 6 Outubro)
Contouse tamén na Coruña, no Simposio sobre a Pardo Bazán, cómo foi a campaña que ela mesma dirixiu, moi sutilmente, para impulsar a súa candidatura á Real Academia España: a escritora mobilizou xornais, amigos, estudantes, etc. Pero de pouco lle valeu: a Academia era conservadora e non quería mulleres no seu seo. Seica un bispo, tamén académico, dixo daquela que mentres el estivese alí, non habería nesa institución outras saias que as súas. En cambio, dona Emilia foi nomeada Académica de Honor e Presidenta Honoraria da Real Academia Galega. Pero non foi á sesión fundacional de 1906. Sabía que alí estaría Manuel Murguía, con quen mantivo unha forte polémica na prensa (o escritor rexionalista consideraba que dona Emilia minorizaba a figura de Rosalía). A autora de “La Tribuna” escusou a súa presenza porque estaba “indisposta”.
(Imaxe: Dona Emilia cun fillo no colo, foto tirada de La Tribuna, A Coruña, Casa Museo Pardo Bazán, n. 3, 2005).
2 comentarios:
Xa que anda con Dona Emilia, cóntenos algún "cotilleo" de Galdós.
Pois quería eu dar co epistolario que publicara Bravo-Villasante onde xa sabedes como lle chamaba ao seu amante novelista: "Mi gatito". Pensen na mole inmensa de dona Emilia e o apelativo non deixa de ter sentido...
Publicar un comentario