7 oct 2006


Sobre a homenaxe a Beiras en Ourense

Máis de 200 persoas no Ateneo de Ourense para escoitar, con entusiasmo, a Xosé M. Beiras. Aínda había máis na cea-homenaxe nos locais de Aixiña, con moitos mozos, de Galiza Nova e independentes. (Un dato para reflexionar, o día anterior houbo un acto público da persoa que hoxe (e sempre) mandou no Bloque a nivel orgánico: con moitísima menor presenza de militantes). Composición moi plural dos públicos arredor de Beiras: profesionais, amigos de Beiras (Buciños, Carlos Martínez, Xaquín Acosta, Paco Constenla, etc.), moita mocidade, militantes do BNG e non militantes. Presenza moi importante de xentes de Esquerda Nacionalista, de Unidade Galega, do antigo PSG, etc. Presenza destacadísima de militantes e cadros da CIG e de colectivos ecoloxistas e outros. “Chapeau” para os organizadores (Secundino, Lito, Henrique) pola súa capacidade de comunicación coas xentes e de convocatoria. Ausencia radical de cargos institucionais do BNG (nin o primeiro). Asiste o candidato ás municipais da cidade, Alexandre Sánchez Vidal, antigo beirista, nun xesto que lle honra (xa sabía que ía escoitar cousas un chisco incómodas: eu falei con plena liberdade e creo que non dixen ningunha mentira). Entusiasmo e aplausos sentidos no foro do Ateneo.

Tocoume facer a presentación, xa saben, e prepareina ben: un longo discurso, case 8 folios, arredor de tres datas históricas: 1936, 1963, 1982, con Beiras na cerna das miñas palabras, por suposto. Tentarei difundilo por esta vía (blog) ou por outra que me ofrezan. Gustou moito ós asistentes (toda a noite estiven recibindo felicitacións) e tamén a Beiras e a Aurichu, de corazón. Simplemente dixen o que moitos nacionalistas querían escoitar e ninguén se atreveu a dicir en público nos últimos meses: fíxeno eu porque estou libre de obediencias e podo falar con plena independencia e liberdade. Rematei pedindo a xustiza histórica coa figura de Beiras que lle foi negada. E facendo un canto á irmandade e fraternidade solidaria dos vellos galeguistas, a que amosou Bóveda cando defendeu a Filgueira Valverde ó fundar este a Dereita Galeguista: “onde estea Filgueira estade seguros que estará un obreiro da causa galega”. Palabras que o nacionalismo debe recuperar: fraternidade, irmandade.

Beiras deu un discurso impecable sobre o nacionalismo no momento actual e as estratexias arredor da negociación do Estatuto de Autonomía. Moi crítico coas tácticas que se están a levar, co mimetismo arredor do Estatuto catalán, co rexeitamento a impugnar o límite constitucional. Explicou a inserción dos poderes na autonomía e a necesidade de impulsar un cambio “cualitativo” (non cuantitativo, “o problema non son as competencias”, dixo) no novo Estatuto: cambio xurídico que recoñeza o pobo galego como suxeito político do poder, como figura na Constitución ó respecto do pobo español. Se iso non se pode facer, o nacionalismo quedaría negado e deslexitimado no futuro aprobando un Estatuto de segunda división. Críticas a unha autonomía cun Poder Xudicial que vai por libre e depende do Estado central, cando debería estar incardinado nas institucións autonómicas; que non foi quen aínda de organizar a súa propia estrutura territorial (concellos e deputacións) de xeito realmente autónomo. Un discurso discutible, como todo, pero no nivel intelectual eficaz, case académico, contundente.

Beiras estaba conmovido e agradecido: non foi pose, estiven na súa cea ó seu carón e falamos de moitas, moitas cousas. Necesitaba este xesto e alégrome que se fixera en Ourense. Estou seguro que noutro lugar calquera de Galicia tería a mesma repercusión e apoio social. O nacionalismo está vivo: demostrouse esta noite, coas gañas que teñen moitos militantes de recoller un alento de esperanza e de ilusión.
Beiras percorreu todas as mesas (“como nas vodas”, díxenlle) saudando os amigos e amigas e sen parar de facer fotos. Os mozos trouxéronlle algún agasallo. Cantouse espontaneamente a Internacional e o Himno Galego e houbo os berros habituais “Galicia ceibe, poder popular” e tamén “Independencia”.
O Beiras falou tamén ó remate da cea: cinco ou dez minutos, aparentemente improvisados (levábao todo moi ben pensado), pero cunha elegancia de estilo e claridade de significados maior que nunca. Devolveu os aplausos ós asistentes para dicirlles que eles eran os homenaxeados, por estar aí e ser quen de traballar tantos anos no futuro do país. Afirmou que el estivo sempre a disposición da xente e que tivo moitas oportunidades, se el quixer, de ser presidente da Xunta de Galicia, xa nos inicios da transición: só tiña que buscar o cabalo axeitado; pero non se trataba diso, tratábase de que a xente quixese cambiar as cousas e el só sería presidente da Xunta se era en nome desa xente que loitaba con el todos os días.
Enlazou co meu fío da presentación para reclamar esa fraternidade necesaria dentro do nacionalismo. E engadiu que está aí, con moita máis xente, e que loitará por volver a un novo equilibrio do Bloque que reoriente a súa dirección e a súa estratexia (hoxe sábado había unha xuntanza en Santiago dos beiristas, baixo o nome “Encontro Irmandiño”, independente da “Alternativa” que propugnan EN e UG). Quizais se encontre no camiño con outras persoas e colectivos que van nesa liña: iso depende dos militantes e dos debates que veñen. Pero el está con folgos para ese debate e saíu de Ourense cargado de enerxías, co apoio e a calor de varios centos de nacionalistas que non queren que sexa negado nin borrado da historia deste país.
(Imaxe: Caricatura de Beiras por Pinto-Chinto, do libro da Segunda Bienal de Caricatura de Ourense, 1994).
NOTA 1: podedes escoitar a conferencia completa (arredor dunha hora) e a miña presentación (media hora máis) en (http://alter-galiza.agal-gz.org), grazas ó labor do amigo Vítor M. Lourenço que está a salvagardar importantes documentos sonoros do noso país.
NOTA 2: en La Región de hoxe publícase unha entrevista de Laura Grandal con Beiras, na que fala con claridade diáfana do que está a pasar no BNG.
NOTA 3: Información en Galicia Hoxe sobre a homenaxe a Beiras en Ourense e a presentación da Alternativa en Compostela.
NOTA 4: Baixar ou ler o texto de homenaxe en formato .pdf

17 comentarios:

Anónimo dijo...

Reporta vostede que no acto berrouse "Independencia", gostaría saber quen berrou. Beiras? vostede?
agradecido de antemán pola resposta.
Marcialg

Anónimo dijo...

Mi madriña! Canto entusiasmo posto nesta crónica! Dá gusto ver xente entusiasmada. Queda pouca nestes tempos.

Anónimo dijo...

Marcos, aproveito já que tens pendurada a crônica do teu blogue para informar-te que podes descarregar a gravação directamente da seguinte ligação. Vai tardar um bocadinho, excepto que a ligação ADSL for, pois são 83 Mb. A qualidade é boa.

http://www.agal-gz.org/radio/Beiras_Nacionalismo_e_Estado_20061006.mp3

Abraço,

Vítor Manuel Lourenço Peres

P.S. Em seu caso, podes copiá-la e colá-la na barra do navegador e a seguir salvar como (ou ouvi-la só). Depois, claro, podes passá-la para um CD. Tu e quem quiser, claro.

Anónimo dijo...

Ois Marcos, que vi que falta um «boa» depois de «for», na minha postagem anterior.

De resto, olha, quando tiveres feito a descarga avisa, faze o favor. O meu co-e já o sabes.

Abraço,

Vítor Manuel Lourenço Peres

Anónimo dijo...

Desculpai, acabo de reparar que o site no qual está a gravação corre o perigo de colapso, portanto se quiserdes ouvir a gravação tereis de visitar o blogue Alter Galiza (http://alter-galiza.agal-gz.org)

Abraço,

Vítor Manuel Lourenço Peres

P.S. De todas as maneiras o Marcos pode contactar comigo e eu forneço-lhe a gravação em alta qualidade. Valeu?

Marcos Valcárcel López dijo...

Para o amigo Vítor M. Lourenço: moi obrigado por colgar a conferencia no teu blogue; sen dúbida estás a facer un labor moi valioso salvagardando estes textos orais que doutro xeito desaparecerían. Algún día cho agradecerán as institucións e, xa agora, os propios galegos/as.
Para Marcial G.:
Pois, sinceramente, na cea, non sei se Beiras berrou nese momento concreto, non estaba a mirar para el; si sei que cantou a Internacional e berrou "Galicia ceibe, poder popular". Por min si podo respostarlle: eu non berrei "Independencia", non vai coa miña forma de ser e son moi retraído para eses acenos emocionais, que viñan da banda dos "novos" do acto.

Silvio Falcón dijo...

Moi boas meu amigo. Encheume de ledicia o comentario que me puxo no blog.Non sei con quen falo pero gustaríame sabelo. Eu, dende o exilio, quero ser un galego máis.

Grazas polas puntualizacións sobre Bieito Rodríguez. Eu son xove, e non podo recordar esas cousas.

Pode coller o meu e-mail no meu perfil, se quere falar comigo. Eu estarei encantado.

Saudos dun galego

Silvio Falcón dijo...

Perdoe a miña ignoráncia. Xa sei quen é vostede. E xa é pra min un privilexio que lera as reflexions dun rapaz de 17 anos (o martes cumploos).

Por certo, eu son "Beirista".

Saúdos

Anónimo dijo...

Remato de escoitar a súa presentación de Beiras no Ateneo de Ourense, señor Valcárcel. E, se mo permite, quixera dar a miña discutible opinión sobre a mesma, que quizais a algún lector –ou iso espero- lle poida interesar.

Como “laudatio”, como figura retórica de presentación e canto dos méritos da persoa homenaxeada, a súa é unha peza impecable, amigo Valcárcel.
Agora ben, toda laudatio, en tanto que xénero preconfigurado, conleva inevitablemente unhas servidumes das que a súa intervención non está, non podía estar, exenta.

De aí que, desde un punto de vista máis histórico-analítico, é imposible non apreciar ausencias e/ou carencias salientables.
E é algo plenamente lóxico: non son funcionais ao obxecto da laudatio e, obrigatoriamente, por imperativos do xénero, ten que quedar fóra calquera aspecto disonante a que empañe.
No noso caso, determinados episodios da traxectoria política de Beiras. Tan só algúns exemplos.

Primeiro exemplo.

Cando se toma como verdade a reelaboración autobiográfica do propio Beiras: o seu nacemento coincide cronoloxicamente coa formación da Fronte Popular (FP), pero non naceu “coa” Fronte Popular. Entre outros motivos, porque a súa tradición familiar directa non era frontepopulista: seu pai, ilustre galeguista, pertencía ao sector católico que rexeitaba que o PG se integrase na FP, e mesmo estivo á cabeza dunha non nata Dereita Galeguista de Santiago. Isto non é ningún demérito, por suposto, pero qué dúbida cabe que hai unha mitificación da propia historia.

Nesta mesma óptica, omítese a transcendental importancia que tivo na formación de Beiras a tutela persoal e intelectual do chamado Grupo da Rosaleda (García-Sabell, Sixto Seco, …), e cómo, cando menos até comezos dos anos setenta, Beiras coincidía no esencial co proxecto deseñado por este grupo de insignes galeguistas moderados (e conservadores nalgúns casos). Que tampouco é ningún demérito, convén aclarar.

Ou cando se silencia a verdadeira entidade do PSG: un reducidísimo grupo de notables que, até ben entrados os anos setenta, apenas fixo labor político, que definía un socialismo moi escasamente marxista e que non era explicitamente nacionalista, senón galeguista-federalista. O que, igualmente, tampouco é ningún demérito, senón algo froito das circunstancias.

Así as cousas, establécese unha foto fixa que impide apreciar, con todas as inevitables contradicións, a evolución política de Beiras.

Segundo exemplo.

Preséntase a Beiras tacitamente como o gran augur que soubo clarividentemente conducir ao nacionalismo galego, cando o proceso non foi tan liñal.
A propia serie de artigos de ANT citados na intervención, non ofrecían nada novo, antes ao contrario: presentan a un Beiras radicalizado que asume acriticamente os postulados da UPG, mesmo a costa de renunciar ao seu propio pasado.

E, sen embargo, as cousas moveronse paseniñamente.
Con moitas contradicións e non poucas incongruencias, foi Beiras quen capitaneou o barco dun BNG á deriva e levouno a bo porto ou, cando menos, a un porto a salvo de temporais.
Pero, en tal travesía, o propio Beiras tivo que arriar algunhas velas que logo, anos máis tarde, cando tratou de despregalas, estaban xa podres.
Porque, ben por necesidade táctica ou ben por oportunismo acomodaticio, o caso é que Beiras, durante moitos anos, mantivo un pacto, máis ou menos tácito, co sector dominante no BNG (a “innomeable” UPG), un pacto de conveniencia que deixou na cuneta a propios camaradas de Beiras (o caso de Esquerda Nacionalista é ben elocuente) e que rematou –iso é certo- cunha puñalada trapeira a Beiras.

Xa que logo, presentar a Beiras, sen máis, como unha vítima política dunha conspiración dos “innomeables”, non se atén aos feitos.
Beiras foi vítima das súa errática posición no xogo de poderes e equilibrios internos no seo do BNG.
Cando a UPG rachou unilateralmente o pacto con Beiras e o substitui por un novo pacto cun Quintana que semellaba moito máis manipulable e menos impredecible, Beiras quedou, de súpeto, espido e abandonado como un apestoso.
A súa vez, a cólera do héroe, vendo como moitas ratas abandonaban ingratamente o seu barco, foi terrible. De aí procede, en parte, a súa posición política actual.

Dito isto, concordo en que é mesquiño e desprezable negarlle o pan e o sal a Beiras, como está a facer hoxe a cúpula dirixente do BNG. Que merece un recoñecemento do seu papel histórico está fóra de toda dúbida.
(Cuestión moi diferente é que eu opine que é xa unha reliquia da historia, como apuntei noutro post, e que, por moito motivos, non é quen de encher o clamoroso oco dun discurso do que, hoxe, carece o nacionalismo).

O único que quixen aquí foi poñer de manifesto –con maior ou menor fortuna- algúns dos episodios que non caben, non poden caber, nunha laudatio tan extraordinariamente ben elaborada como a súa, amigo Valcárcel.
(E pido desculpas pola extensión. Graciñas).

Marcos Valcárcel López dijo...

Agradézolle que vostede analizase o meu discurso coa limpeza académica propoia dun comentario de texto literario, en función das características propias do xénero ("laudatio"). Pero, lida a súa interesante aportación, que ten suxerencias moi valiosas e que complementan a miña visión, tamén observo que non é contradictoria co fío xeral da miña intervención, que non podía ser un estudo histórico-político, senón outra cousa. Saúdos moi cordiais.

Anónimo dijo...

Concordo tamén co anónimo politico-cultural, puntualiza aspectos da biografía policica de Beiras, que non hai porqué deixar de ter en conta.
O triste de todo e que unha vez mais repítese o topico de que na Galiza se de algo somos incapaces é de rexir a sucesión.
As partillas persíguennos como unha maldición. Este caso,o de Beiras, semella un escarnio. E actos como o de onte semellan orientados a aminorar a creba escandalosa dunha ofensa que di moito mal do estado de madurez do nacionalismo no poder.
Beiras non foi un santo, nin un exemplo en moitos aspectos, mais a súa talla politica, intelectual e humana non merece a espantada de que foi obxecto. Se se trata así a personas tan significadas na nosa historia politica recente....que poden agardar outros. Como sempre, todo a eito, a eito de machada, segando arredor para que ninguén medre...enveleñando o pais, minifundio no referente último das palabras, solipsismo, terror ao recoñecimento do diferente, mentres o pais se esfarela, incapaz de asentarse en institucións que salvagarden os valdores da colectidade. ....perdendo unha oportunidade tras outra....crebando calquera esforzo optimista.
Marcialg

Marcos Valcárcel López dijo...

Algún día, amigo Marcialg, alguén debería escribir unha historia antropolóxica do acaecido no nacionalismo nas últimas décadas: quizais así descubririamos algunhas luces...

Anónimo dijo...

Cando o BNG-UPG e o nacionalismo é o filtro politico exclusivo co que se olla para o mundo, o pensamento pode volverse perverso e as figuras que transitan pola terra adquirir unha dimensión que, posiblemente, só teñan cando se esgotan eses marcos.
Por máis que o intento non acabo de ver unha especial "talla intelectual" en Beiras, a non ser que o ermo cultural do nacionalismo sexa tan fondo que saliente a aquel que presenta unha imaxe e un falar asociable á altura intelectual. A súa obra escrita (que outra podemos analisar que nos dea referencias?) é escasa, moi espallada no tempo e en boa parte coxuntural. Dende logo lonxe -se a situasemos, con esforzo, na órbita do marxismo- do rigor doutros autores galegos que -curiosamente- non se atopan case nunca nas referencias da "intelectualidade" nacionalista de esquerdas en Galicia, nin no propio Beiras, como pode ser o vigués Felipe Martínez Marzoa.

Teño a sensación de que politicamente orfos como estamos dende hai varias décadas, necesitamos fabricar os nosos mitos: mitos de dereitas ou de centro nos vellos galeguistas e mitos "radicais" de guedellas brancas e verbo aceso. Tamén teño a sensación de que malamente basearemos unha propoposta política de esquerdas tomando como referencia a historia do BNG-UPG, inzada, especialmente de cadavres ou malferidos (como agora lle tocou a Beiras) na cuneta.
A memoria, Marcos, é feble.

Pero se cadra o que manifesto é só un fondo descoñecemento da vida e obra de Beiras fóra dos círculos iniciados e nel apoio as miñas palabras.

Anónimo dijo...

BEIRAS

Un día, alá polo corenta e tantos, xuntanse Ramón Piñeiro, García Sabell e Manuel Beiras, todos tres conservadores e din o país anda mal e temos que preparar líderes para o futuro. Un novo Castelao. Ensínanlle francés e piano a Xosé Manuel, o fillo máis listo de todos tres. Piñeiro, calado, envexa o fillo. Envíano a Europa a que vexa mundo e cásano coa filla máis lista de todos tres. Piñeiro, calado, envexa a filla. E Xosé Manuel, que se sabe “esperanza branca”, vén de Europa, conforme á moda dos tempos, marxista, e crea ao chegar un partido para os amigos. Intelectual, amigo e fiel ao vellos que deben entender que o mundo cambia e que as novas correntes atractivas para a mocidade poder ser a súa idefinición. Partido Socialista Galego. Autoxestión, federalismo, galeguismo... ideas bonitas e etéreas. Xugoslavia. A terceira vía. E chega o momento das grandes decisións. Morre Franco e os rapaces andaluces e madrileños que conseguiran rescatar o vello socialismo histórico español en Francia, precisan aliados entre a xente nova da Federación de Partidos Socialistas que montaran os mozos socialistas españois de forma autónoma en cada lugar, para aggiornar o seu discurso, antes de tentar falar co vello profesor da universidade, que sabe máis ca eles, aínda que ten menos detrás. E falan todos. E os do Psoe déixanlle mans libres aos que se incorporen para, co diñeiro alemán, botar a andar un proxecto aberto, non revolucionario, que permita situar España, unha nova España plural, nos mapas. Enrique Barón acepta. Os cataláns aceptan. E Beiras dubida. A presión da UPG é forte. Tépedo. Pseudonacionalista. Algúns galegos non se deixan intimidar e ventan o futuro, aceptan. E Beiras nega. E Bieras é idealista. E Beiras só ante o pobo, perde. O pobo non lle creu o berro desesperado de “o socialismo galego somo nós”. Non. O pobo díxolle que non. Que prefería para socialismo galego a outros. E Beiras queda fóra do mapa político. E entra en crise. Humana. Política. Familiar. Psíquica. Queda fóra de xogo. A UPG ri. Caín botou a Abel fóra da subpartida dos perdedores. E Beiras pasa uns anos sen entender o que pasou, ollándo cos ollos vacíos e a mente hibernada un país que estudara pero que agora lle resultaba estraño.
E pasa o tempo, e un día chisca os dedos Rodríguez, cando as cousas lle pintaban mal. O nacionalismo renovador e Camilo acababa de plantar unha árbore que lle podía facer sombra. Ofrécelle a Beiras ser a Imaxe da Nación á que acollerse. A el encántalle. De súpeto chouta das catacumbas do alén, á palestra.
El sabe todo, el é o intelectual. El escribira “o atraso” e inventara o de “colonia interior”... E así, con síndrome de Estocolmo pacta dos seus vellos inimigos –el, xeneroso, nunca os vira así- e arromba frea a forza necesaria dos anovadores no nacionalismo desde unha suposta modernidade estética xa vella e controlada.
El que estivo fóra anos, non é responsable do cambio do mundo. El non ten que facer autocrítica. E a súa forza non fan autocrítica. El segue coas mesmas ideas. O mundo equivocárase. Europa non, autonomía mal inevitable. O mesmo discurso. O discurso intelectual que aprendeu desde pequeno para ser Castelao e que lembra así. E tenta reescribir a historia. Das Irmandades fío directo ao Bloque. Aquí somos todos historiadores e todos sabemos todo, e todos descurbrimos o Mediterraneo. Como Nogueira e o seu imaxinario mundo medieval galaico-leones-portugués de Salamanca a Viveiro. Pero o mundo cambia. El brilla e brilla e brilla. E Beras, burgués, toca o piano e fala, como Otero, na Universidade. E nada cambia no nacionalismo. Elites. Elites. Os catro de sempre. Ainda que a súa figura de león branco e imnaculado é atractiva para o pobo, créase o icono preciso para a nación, pero como o favorito na oposición. Pero el non é un político. É unha estrela. E manda o que manda e brilla o que brilla. E o que manda decide que brille outro. Que de tanto brillo pode cegar a vista no camiño e perderese, ou cegar a outros e facer que non recoñezan a cara do que manda. E, simplemente, danlle unha patada no cu. E póñeno fóra. E colocan a outro, a un Bruto ben situado. Líos de familia. Líos pequenos. Non interesantes fóra da casa. Sen anovación de ideas.
Pero non hai outra forma de tecer as redes do futuro máis que con fíos do pobo e de historia. Aínda que o pobo sexa débil e a historia dura.

Anónimo dijo...

Todo pronunciamento é susceptibel de interpretalo como silenciamento, e deconstruindo o silencio podese encontrar mais sentido. O que sucede é que ese sentido na sua retrotracción faise mais xenérico cara un punto orixinal onde o único que se pode pronunciar é a inombrabilidade da ausencia. Mais do mesmo, pureza imposibel dunha actividade intelectual que sempre ser torna empírica, concreta, fragmentaria, tecida entre a miseria e o ideal. De Beiras coñecemos tamén as súas miserias, como home publico, que foi e ainda quere ser. É certo, que coa súa fifura tendeuse a construir unha icona, mais como sabemos non encontrou a estratexia oportuna para funcionar, fallou todo o aparato que supostamente tiña que haber detrás, aparato profesional, politico, intelectual, social-tratexico. Simplesmente porque na galiza non o temos, so se contaba coa pantalla do home e guedella brancas.
A categoria intelectual de Beiras non é grande, mais a pesaeres desto, a súa aportación foi importante, por limitada que fose, porque el pensou non so en termos de actuailidade temporal, como fai Marzoa, senón dende termos topográficos.
A categoria intelectual, depende sempre do recoñecimento, e o intelectualismo, non conta cun grado de convencionalidade similar nin remotamente, ao que contan as ciencias naturais, coas suas comunidades otorgadores de validez cientifica. O intelectuaismo é mais xenerico, depende mais dunha consistencia argumentativa validadda normativamente dende consensos mais, moito mais flebes.Amais habería que distinguir entre erudición, e intelectualismo. A erudición reporta un prestixio previo para un pronunciamento intelectual posterior, propio, ou retomado por outro.
Remato, Beiras, a figura de Beiras, non é só a dun intelctual, él apareceu co prestixio dos seus logros academico e unha aportación "O atraso". que se ben non marcou nada no pensamento economico mundial, si foi un ponto de inflexión no pais, polo que moitas persoas flexionaron o seu pensamento cara aquí, para logo poensar en claver universal, mais universal.
Non seguemos demasiado, sexamos pruentes, mermarlle a Beiras categoria intelectual, é facer o vacio, aos nosos pronunciamentos posteriores, ou é que vostede agarda por un recoñecimento universal, independentemente do lugar que ocupe neste mundo global. Ese punto privilexiado, non xa de observación, senón de dictaminación é de eterea consistencia. Beiras mas que o resultado dun prestixio intelectual, e o resultado dunha lenda hibrida entre urbana e rural.
E eso que eu son da opinión que a marcha de Beiras foi positiva, (non como se fixo) porque con el a sensación de irrealidade, a sensación de vivir no mito da verdade tribal, inmunne ao mundo, testifical, semella que eximia de tomarlle o pulso a realidade do noso devir, que constatandoo, unha vez mais é calamitoso.Quintana é mais humanos, nada divino, e os erros son erros de verdade, sen que haxa que disculparlle nada, porque non está como Beiras nun olimpo,onde non caben verdaeiramente rectificacións. Así que a hora chegou, saimos do mito, e encontramos ante a ruptura existencial co sentido a que nos aboca o logos. E temolo bastante mal.
Marcialg

torredebabel dijo...

Grazas Marcos, por deixar acá o texto!

Moralla dijo...

Beiras, un político moi intelixente e con carácter, que sufriu bastantes inxustizas; algo que acostumou pasar ao longo da historia (e aínda pasa)cos grandes xenios e coquitos. Por que será? (pregunta retórica)