skip to main |
skip to sidebar
A ensoñación gobernamental(Un anaco dun interesante post sobre o BNG e o papel de Quintana no blog Dpaso. Aínda que eu faría algunha matización, en xeral creo que o diagnóstico da situación actual do nacionalismo é axeitado. O que deparará o futuro é unha incógnita (quizais só parcial), creo). Errou Quintana crendo que o motor do cambio do nacionalismo galego ía ser básica e case exclusivamente a acción de goberno. Confiando na capacidade de transformación e de apertura de novos diálogos cos intermediarios sociais desde a Xunta, desprezouse a importancia de manter activo o proceso de renovación do Bloque. Mesmo, o contrario, entregouse a organización ao control da UPG e despolitizouse a súa dirección nacional. A renovación desde arriba e desde fóra do BNG está condenada ao fracaso se non conta cunha sólida organización de apoios entre a militancia. O camiño non é unha renovación bonapartista desde arriba e desde fóra, senón a organización dos militantes non adscritos partidariamente que queren un cambio real no BNG e a súa democracia interna.A crenza de que só sobre a base da acción gobernamental o BNG mudaría a súa imaxe de partido, arroupándose cos atributos de forza de goberno madura, resultaron fallidos. A presenza dos nacionalistas no executivo galego tamén puxo en claro as debilidades programáticas, moitas inexperiencas na xestión, e evidenciaron, dramaticamente, a ausencia de mediadores sociais realmente comprometidos co BNG na maioría das áreas políticas da súa responsabilidade; nomeadamente no que lle toca ás políticas sociais e industriais, pero tamén ás culturais.
3 comentarios:
Magnífico o texto do Ian, de lectura absolutamente recomendable a análise completa.
Eu tamén desexaría "Que o Quin sexa Quin", título dela. E tamén que o Camilo fose o Camilo e o Beiras o Beiras. Que non os recoñezo, Marcos, xa o escribín e debo repetilo.
O texto e moi bo porque MB sabe ben do que fala.
O maior cambio que precisa o nacionalismo galego é medrar. Medrar organicamente, medrar electoralmente, medrar en experiencia na xestión como di ese comentario, medrar en mediadores sociais comprometidos co País (eu non diría co BNG como di o Anaco do publicado en Dpaso). Medrar en definitiva. Ese supoño que é o gran reto que desexamos para o BNG como organización política do nacionalismo os que nos sentimos parte del.
A maior contribución que penso podemos facer os nacionalistas a ese debate é buscar un espazo, un recanto, onde todos teñan oportunidade de axudar á construción desa alternativa política que non debe ter máis fin fundamental que á construción da nación. Xa sei que esto pode parecer unha formulación excesiva para moitas persoas, mais eu acredito que ese é o reto que xustifica e da razón a unha organización como o BNG. Que ninguén tire da afirmación anterior a idea de que a construción da nación galega é obra do BNG, senón que esa construción nacional nos diversos eidos é o obxectivo do BNG.
Teño a convicción que moitas das cuestións que están sobre a mesa como cuestións políticas responden máis á falla de espazo que certos sectores do BNG senten con respecto á dirección actual que a diferencias políticas reais (aínda que algunhas hai).
O BNG é unha organización moi viva e coa suficiente pluralidade para que estes debates permanentes adquiran maior ruído nas fases asemblearias. Teño a convicción tamén de que a saída da XII asemblea vai ser o resultado dun debate amplo e democrático no que os seus militantes, a maioría sen máis adscrición que o BNG, darán coas respostas, sempre incompletas e cuestionábeis, que sirvan para abordar os retos que Galiza ten diante.
Publicar un comentario