22 oct 2006


Salvado pola música de gaita: así naceu a gaitoterapia

Camilo Martínez era un mozo da Peroxa, de 22 anos, soldado, que estivo internado no Hospital militar de San Ambrosio da Habana no ano 1885. Ferido, estivo en estado cataléptico durante 14 meses, con períodos de depresión intermitentes. Os doutores déronlle un diagnóstico de “catalepsia por nostalxia” e prescribiron unha curiosa curiosa estratexia de curación: mandaron poñer un gaiteiro tocando muiñeiras e fandangos con gaita galega na cabeceira da cama.
A cousa foi ben e logo lle puxeron tres gaiteiros, un de Ribadavia, outro de Valdeorras e outro de Penalba. O caso é que curou: a música da terriña lle espertou o espírito e fixo nel un efecto maior que todas as medicinas do mundo, como contaba Lamas Carvajal en “O Tío Marcos d´ a Portela” (1885).
O amigo David Simón escribiu sobre o suceso www.alternativadecontenidos.com) : así naceu a gaitoterapia.

O caso de Camilo Martínez, o mozo da Peroxa salvado da nostalxia coa gaitoterapia, non foi o único. David Simón lembra outro caso recollido na prensa no 2004: unha muller de Noia, con sesenta e moitos anos, residente en Miami e en contacto coa súa familia galega por teléfono, sufriu un atraco con agresión que a levou a padecer un episodio amnésico-disociativo, esquecendo a súa identidade, perdida nunha residencia de enfermos vellos. A muller, no seu semimutismo, cantaba cancións de Pucho Boedo e dos Tamara e grazas a iso remataron por localizala os seus familiares de Noia, pois algúns pertenceran a grupo musical. Un empregado desa residencia confírmalles por teléfono que hai alí unha muller, parecida no físico á que buscan, que pasa todo o seu tempo cantando “Galicia, Terra Nosa” e “De Santiago vengo”: a música en auxilio da vida e da memoria.
(Na imaxe unha pintura de Hendrick Terbrfugghen, 1624)

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Desde logo, Marcos, dás con cada historia ben curiosa. Ben sabían os menciñeiros (e D. álvaro) que todo pode curar.

Anónimo dijo...

Unhas historias tristes e, ao tempo, fermosas.

Ra dijo...

Catalepsia por nostalgia...la mayor parte de las veces todo se reduce a éso. Preciosa historia.

Anónimo dijo...

"Qué bonito pá cantao!", que dicía o outro...
O caso da señora de Noia coñecíao. Non así o do galego en Cuba e a "catalepsia por nostalxia". Non sei se o relato non estará algo adornado xa en orixe, e tampouco sei que clase de patoloxía é esa. Pero do que estou seguro é de que tres gaitas xuntas nun cuarto de hospital poden espertar a un morto.

Anónimo dijo...

Magníficas historias! Entre tanta zamarallada internáutica, este blog fai que te deteñas a ler. Estes casos son moi similares aos de "regresión" á infancia. Por exemplo, teño escoitado falar dos típicos cabaleiros do sur de EEUU que, despois de entrar nun proceso de demencia senil, daban en falar a variede de inglés que lle escoitar á súa 'nanny' de cativos.
A historia da emigración (ou mellor dito, o día a día da vida dos emigrantes) aínda está por escribir.
Por certo, recomendo o libro de Santiago Lamas "A Galicia borrosa". Menciona no David Simón Lorda no seu artigo de http://www.alternativadecontenidos.com/

Anónimo dijo...

Ola, AM, digo Marcel Swann.