10 oct 2006


Xornalismo literario nos ‘blogs’

(O amigo Miguel Anxo Fernán Vello escribe hoxe sobre os blogs en Galicia Hoxe e de novo dedícanos palabras xenerosas e moi gratas: a min como coordenador do blog e ós que aquí coloquiamos a cotío, cun nivel de debate moi serio e enriquecedor. Graciñas)

Eu sonlles lector de ‘blogs’ e selecciono ao meu xeito –pasan a ser "favoritos"–, coas miñas esixencias particulares, obviamente, aqueles que me interesan polos seus contidos textuais, polo seu estilo, pola súa ética e pola súa vontade cultural ou social construtiva. Non gusto dos ‘blogs’ de autor que navegan nas augas do ensimesmamento e moito menos daqueles que zumegan ou destilan actitudes de resentimento ou de empencha: moitos dos chamados "blogs de comunicación interpersoal", por seguir a denominación de Juan Varela.

No noso país, afortunadamente, existen ‘blogs’ que participan das características que a min me interesan e que, co paso do tempo, se están a converter en puntos de lectura obrigada e en referencias inescusábeis de alto xornalismo literario. Referireime en concreto a dous, mais non esquezo estoutros, altamente recomendábeis: "A canción do náufrago", de Francisco Castro; "Fragmentos da galaxia", de Juan L. Blanco Valdés, e "Si home si", de Josito Pereiro. Un dos grandes ‘blogs’ galegos é sen dúbida "Brétemas", de Manuel Bragado, subtitulado "Notas de traballo de edición". O ‘blog’ de Bragado fornece interesante información, análise e reflexión sobre todo o que ten que ver co mundo do libro e da lectura, e suma ademais unha preocupación cultural, humanística e social que converten a "bitácora" viguesa nun inesgotábel viveiro de ideas para alimentar a calquera lector interesado.

E outro dos grandes ‘blogs’ de noso, este enraizado na "vella Auria", é "As uvas na solaina", de Marcos Valcárcel. O propio escritor e historiador ourensán defíneo como unha "fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: ‘Ser diferente é ser existente". En "As uvas na solaina", como non, pesa o oficio académico, xornalístico e ensaístico do autor, que é capaz de construír através dos seus textos un universo de alta tensión intelectual e rigor formativo e informativo. Lendo o ‘blog’ de Marcos Valcárcel sei da homenaxe multitudinaria a Beiras en Ourense. Dela falarei mañá.

12 comentarios:

Silvio Falcón dijo...

Indo ao tema... os blogs hoxe en día fan que dende Catalunya, como é o meu caso, se poida acceder ao mundo de Galiza. Cando chego á casa, o único sitio onde podo falar galego, encontro na rede (e nos blogs, concretamente) o refuxio da miña necesidade.
Ao marxe de polémicas de toda índole...

http://eu-e-galiza.blogspot.com

paideleo dijo...

Noraboa pola cita no GH. Dende logo que o teu blogo é un dos millores (polo menos para o meu gusto).
E graciñas polo teu comentario no meu blogo.

Silvio Falcón dijo...

Súmome á referencia sobre a calidade do teu blog. Ánimos pra seguires traballando como ata agora.

Marcos Valcárcel López dijo...

Aclaración sobre supresións:
(1) Moitas das entradas suprimidas como as dúas últimas neste fío corresponden a comentarios que se enviaron repetidos.
(2) Ata estes días non tiven necesidade de eliminar ningún comentario por outros motivos. Si o fixen nestes días, p.ex. co primeiro comentario deste fío.
A miña opción persoal é esta (discutible, como todo): (a) Eliminarei os comentarios que se dediquen ó insulto gratuíto e groseiro, porque creo que o blog non é para iso e existen outros espazos para tales "necesidades". (b) Tampouco permitirei acusacións gratuítas, sen probas, contra persoas citadas ou reseñadas nos meus post. Por poñer un exemplo (hipotético), non me parece xusto que alguén aproveite este espazo para calificar como "delincuente", "pederasta" ou "violador" a alguén do que estou a falar (sexa amigo ou non), sen que este alguén teña sequera posibilidades de defenderse. Outro participante expresou noutra ocasión o seu desexo que de morrese unha persoa da que eu falaba: isto é para min inaceptable, o blog non xoga a isto.
(C) Fóra destas dúas situacións, admitirei todo tipo de crítica política e ideolóxica a calquera dos temas e persoas aquí aludidos (empezando por min mesmo, por suposto). Creo que existen formas de cortesía e educación suficientes para manter un debate dentro da normalidade democrática, como fixemos case todos ata agora, sen necesidade de coartar a liberdade de expresión de ninguén. Aproveitar este espazo para botar fóra os desexos particulares de vinganza persoal ou as arelas irrefrenables de insultar non me parece axeitado e creo que non debo permitilo.

Moralla dijo...

¿POR QUE A XENTE É TAN MALIGNA FACENDO COMENTARIOS FERINTES E AGRESIVOS CANDO SE LOUVA O TRABALLO DALGUÉN?
¿BALEIRAN DESE SEIXO AS SÚAS FRUSTRACIÓNS, AS SÚAS PENURIAS, AS SÚAS ENVEXAS, OS SEUS MEDOS?
¿QUE LLE ESTÁ A PASAR AO SER HUMANO DESTE SÉCULO?
¿A ONDE IMOS A PARAR?
¿A DEVORARNOS?
NO FONDO, A RAÍZ DE TODO ESTÁ NO NOSO PROPIO "MALTRATO" PSICOLÓSICO-EMOCIONAL. DENDE O MEU PUNTO DE VISTA.
A XENTE MALA É A PRIMEIRA QUE SUFRE. O SEU VELENEO CARCÓMELLE POR DENTRO, POR ISO PRECISAN BOTALO. É UNHA PENA, PORQUE HAI COUSAS MARABILLOSAS NAS QUE DESFRUTAR DA NOSA BONDADE E ENERXÍA POSITIVA.
E FALANDO DOS BLOGS. NINGUÉN FALA DOS "Blogs de Creación", aqueles onde resarcirse dando liberdade á nosa creatividade e maxín.
Noraboa á todos os que contribúen día a día ao ensino,á sensibilidade e á creatividade coas súas verbas cibernéticas (incluído como non, Marcos). Unha aperta Bloguiana.

Anónimo dijo...

É vergoñento, incrible e patético que onte Modesto Fraga e agora a súa noiva Yolanda, teñan o santo descaro de vir falar aquí contra os comentarios ferintes e agresivos ou a prol da liberdade de expresión, cando foron eles dous os que se dedicaron a insultar desaforada e gratuitamente a outros tertuliáns que en absoluto se meteran con eles, até o punto de que Valcárcel tivo que borrar todas as mensaxes da entrada correspondente por vergoña allea.

Esta actuación de trolls boicoteadores e reventa blogs, carentes do máis mínimo sentido da ética e da estética, é un dato que calquera puido comprobar antes de que fosen borradas tales mensaxes na entrada.

Menos cinismo e máis vergoña, señores.

Moralla dijo...

Ti mesmo

Anónimo dijo...

Cando queiras aproveitar un espazo público e culto como este para calmar as túas evidentes frustracións, primeiro aprende, logo dá a cara -se é que eres un pouco máis valente que covarde e pufento- e despois, por último, opina. Se é que sabes, claro.

Anónimo dijo...

Señor Valcárcel, non ten nada que dicirlle a este troll reincidente por enésima vez, Modesto Fraga?

Marcos Valcárcel López dijo...

POR FAVOR. Que fago eu agora? Borro tamén este post e as guerras que se traen, xa caducas, varios participantes dende outro post eliminado. Pídolles encarecidamente que, por todas as bandas, enterren as machadas de combate e non volvan a aludirse en son de guerra nin utilizando insultos ou agresións verbais de tipo persoal. Confío na madureza de todos eles para que iso sexa posible e os debates sigan o seu curso normal, tolerante e dialogante, como é tónica dominante nesta casa.

Anónimo dijo...

Señor Valcárcel, os seus criterios para admitir comentarios no seu blog están ben claros e son perfectamente defendibles. E, en efecto, hai outros espazos tamén moi interesantres onde o insulto persoal e as liortas forman parte do xogo. Quen non admita ou non respete os seus criterios debería acudir a estes outros lugares.
Súmome á noraboa de Fernán Vello polo seu blog. E se conseguíu ser o que é, foi entre outras cousas polos seus criterios para admitir ou rexeitar posts.

Anónimo dijo...

Por min, pódese facer borrón e conta nova.
Xa que logo, se o estima conveniente, pode borrar, tamén aquí, as mensaxes que xulgue improcedentes.

(E tamén felicito ao señor Valcárcel polo seu blog, e igualmente aos participantes que nel aportan ideas e opinións suxestivas e interesantes)